A poesía une no novo Cantos na Maré arredor de Rosalía

Desde Sermos Galiza:
“A poesía está na traxectoria creativa dos artistas convidados a esta nova edición de Cantos na Maré, o Festival Internacional da Lusofonía que, un ano máis, se desenvolverá en Pontevedra o próximo día 11. Crearán conxuntamente un repertorio exclusivo para o Festival Internacional da Lusofonía que dirixe Uxía. O Festival virá este ano acompañado dun programa de actividades que van desde charlas por parte de Amancio Prada, Uxía e Najla Shami arredor do seu achegamento creativo a Rosalía, un taller técnico e unha demostración didáctica por protagonizada por Budiño.
Con distintas procedencias, a poesía une a Amancio Prada, Vítor Ramil, Gabriela Mendes, Luiz Caracol e Budiño, protagonistas do concerto colectivo que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra o 11 de xaneiro de 2014. (…)
Cantos na Maré xirará xirará este ano en torno á figura de Rosalía de Castro, á maneira dun peche musical do ano no que se celebrou o 150 aniversario da publicación da súa obra Cantares Gallegos. “Cantos na Maré é moito máis que un festival, é un encontro de xeografía humana, onde persoas doutras culturas entran en contacto coa nosa”, apuntou Uxía.”

A Coruña: presentación de Cadeas, de Xabier López

O venres 13 de decembro, ás 20:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto-A Torre (Campo de Marte, s/n) da Coruña, preséntase Cadeas, de Xabier López, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Asociación, a editorial e a Libraría Sisargas, participan, xunto ao autor, Francisco X. Fernández Naval e Fran Alonso.

Ferrol: presentación de Ámote Leo A. Destino Xalundes, de Rosa Aneiros

O venres 13 de decembro, ás 19:30 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina Rúa María), preséntase Ámote Leo A. Destino Xalundes, de Rosa Aneiros, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participará o Clube de Lectura Pantasmas de Papel de Neda.

Vigo: presentación de O solpor da cupletista, de María Xosé Queizán

O venres 13 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase O solpor da cupletista, de María Xosé Queizán, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Mónica Bar e Manuel Bragado.

Agasallo.eu, unha plataforma para o consumo responsábel tamén coa lingua

Desde Sermos Galiza:
“Promovida pola CTNL, Agasallo.eu preséntase como unha plataforma en liña “que compila, difunde, dá a coñecer e recomenda agasallos en galego de diverso tipo, para todas as idades e para todo tipo de acontecementos e épocas do ano”.
O obxectivo da plataforma é difundir produtos, creacións e servizo que usan o galego entre a cidadanía, promover que os comercios teñan maior oferta de agasallos na nosa lingua, apoiar a produción propia e contribuír a que o consumo teña tamén responsabilidade lingüística.
Nace Agasallo.eu no tempo no que, sen dúbida, a práctica do regalo é máis habitual, mais promete acompañar tamén en aniversarios, nacementos, casamentos, agradecementos, día do libro ou día do pai e a nai. (…)”
Nesta ligazón pódese consultar o seu catálogo de libros.

A Coruña: presentación de Chamádeme Eva, de Mercedes Leobalde

O venres 13 de decembro, ás 20:30 horas, na Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32, baixo) da Coruña, preséntase Chamádeme Eva, de Mercedes Leobalde, publicada pola A. C. Caldeirón, e que obtivo o VII Certame de poesía erótica Illas Sisargas.