Desde o blogue da Festa da República Galega:
“Os versos voarám livres e libertadores polo ar, envolvendo o espaço da antiga estaçom da Pontraga. Versos em diversidade de estilo, geraçom e voz, que falarám do anseio de liberdade deste povo. Versos com o fogo revolucionário de todas as luitas de todos os tempos, versos com as luzes da inteligência e a beleza da virtude.
Versos justiceiros, criativos, que sabem a mar, que sabem a terra, que conhecem o canto do cuco a nos anunciar a renovadora primavera, que dançárom com o reclamo do golfinho franqueador das ondas.
Versos que venhem do Milhadoiro, ou que venhem de Vigo, ou da ria de Ferrol; da Costa da Morte ou do Morraço. Versos que franqueiam portas, que tecem redes, que formam em batalhom a disparar salvas pola liberdade. Rivadulla Corcón, Xosé Iglesias, Eduardo Estévez, Rosa Enríquez, Silvia Penas, Elvira Riveiro, Alba Méndez, Concha Rousia… sonoridades e tonalidades conformantes de umha mágica fraga de palavras (a fraga, a república essencial, a do retorno, revolucionária por ideal e rotundamente matricial).
Construímos entre as vozes todas, esse manto chamado poesia, voz do povo, melodia coral. O maior poema é o que escrevemos no ato heróico de sermos povo aínda. Eco dessa batalha pola vida é cada verso que conceve a voz poética.
Na Festa da República Galega, um mostrário de movimentos, coletivos, iniciativas com a poesia como centro do seu agir, a travês do tempo e no nosso país (A Porta Verde do Sétimo Andar, Redes Escarlata, Batallón Literario da Costa da Morte…)”
Betanzos: presentación de Viagem ao Curdistám, de Séchu Sende
A sexta feira 28 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Carricanta (Rúa Doutor José Fariña, 1) de Betanzos, preséntase o libro Viagem ao Curdistám para apanhar estrelas, de Séchu Sende, autoeditado polo seu propio autor.
A Coruña: presentación do libro Que se lixe a troika!, de João Camargo
Vilagarcía: conferencia sobre 150 anos de Cantares gallegos
Lugo: edición número 33 da revista oral O pazo das musas
O xoves 27 de xuño, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, terá lugar a edición número 33 da revista oral de periodicidade trimestral O pazo das musas, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), e coordinada por Antonio Reigosa, con entrada libre. Este número estará dedicado a lembrar o 50º aniversario da publicación da primeira edición de Contos populares da provincia de Lugo, con 300 relatos (contos e lendas maiormente) tirados directamente da tradición oral. Este libro foi a consecuencia dun proxecto educativo no que participaron tanto o alumnado como o profesorado de diferentes escolas rurais da provincia de Lugo. Unha obra coral, colectiva, grazas á que (máis alá dos seus indiscutibles valores etnográficos) toda unha xeración de galegos e galegas se achegou tamén ao galego escrito por primeira vez. Co impulso de Antonio Fernández López, propietario do Centro de Estudios Fingoi e da Granxa de Barreiros de Sarria, centros neurálxicos do quefacer recompilatorio, coa coordinación do entón director do colexio Ricardo Carvalho Calero, a vontade e o bo facer de mestres como Avelino Pousa Antelo ou Valentín Arias, e a de tantos outros que se relacionan na Táboa de Abonantes da primeira edición, ou o traballo de escolma e redacción dun entón mozo bolseiro, Bernardino Graña, esta obra pioneira e singular da literatura galega de tradición oral foi unha realidade que agora, medio século despois, é un referente histórico imprescindible.
SUMARIO Nº 33
– Portada musical. Marcha de procesión, por Os Melidaos (3:57).
– Os contos populares da provincia de Lugo: moito máis que contos, por Xoán R. Cuba Rodríguez (10’).
– Contos contados polos alumnos/as do IES Leiras Pulpeiro: Inmaculada Alonso Rodríguez (O paisano, o abogado e as moscas), Laura López López (O galego e o cabalo do rei), José López Rivas (A capilla de San Lourenzo) e Marta López Rodríguez (O segredo) (5’).
– Música. Pasando pola Vila de Arzúa, por Os Melidaos (3:13).
– Os Contos Populares da Provincia de Lugo na historia das colleitas de contos populares galegos, por Antón Santamarina (10’).
– Contos contados polos alumnos/as do CEIP Luis Pimentel: Manuel Pérez Fontal (O raposo, o lobo e o home), Paula López Gómez (O lobo e o xigante), e Daniel Barreiro Blanco (O demo axuda ao caseiro) (5’).
– Música. Foliada rianxeira, por Os Melidaos (2:46).
– As musas en Oriente, por Celeste Seoane Míguez (10’).
– Contos contados polos alumnos/as do IES Virxe dos Ollos Grandes: Adrián Valdés González (O pequeno e o reló do cura), Pablo José Fernández Fernández (O paisano e o médico), Borja Núñez Gómez (A intención basta) e Luís Fernández Maira (A muller folgazana) (5’).
– Música. Muiñeira de Entrambasaugas, por Os Melidaos (2:24).
– Facer país: Os Contos Populares da Provincia de Lugo e o modelo educativo do Colexio Fingoi, por Carmen Carricoba (10’).
– Contos contados polo alumnado do Colexio Fingoi: María Torres Pérez- Batallón, Nicolás Núñez Rojas, Samuel Rodríguez Río e Candela Cabañas Rivas (A galiña asustada, O home descoidado i o burro e O soldado e os zapatos) (5’).
– Música. Foliada de Castrelo, por Os Melidaos (3:14).
– Contos contados polo alumnado do IES Lucus Augusti: Sara Luna Castillo Fernández (O patrucio e os estudiantes), Mikel Novo Ares (O xastre e os cinco gorros), Paola Rodríguez Méndez (O sogro vello e a nora e os pratos) e Yago Rodríguez Méndez (A vaca dos dous irmaus e o abogado don Crispín) (5’).
– Opinión. Intervención do público (5’).
– Epílogo, por Encarna Lago, xerente da Rede Museística (3’).
– Contraportada musical. Muiñeira de Sabaxáns, por Os Melidaos (4:35).
Cambados: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez
O xoves 27 de xuño, ás 20:30 horas, nas instalacións de Exposalnés de Cambados (Praza da Calzada), preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, coorganizado coa Libraría Ramón Cabanillas, participa, xunto ao autor, Francisco Fernández Rei.
Ourense: presentación de As vidas de Nito, de Xabier Paz
O xoves 27 de xuño, ás 20:00 horas, na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12) de Ourense, preséntase As vidas de Nito, de Xabier Paz, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Mercedes Suárez e Manuel Bragado.
Manuscritos: Francisco Fernández del Riego (III)
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Malpica: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón
A cuarta feira 26 de xuño, ás 21:00 horas, no Centro Cívico de Malpica, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está organizado pola Asociación Cultural Caldeirón e A Mesa pola Normalización Lingüística.
Xabier López: “Mírome nas páxinas dos libros”
Desde Xerais:
“Ramón Rozás publica unha longa entrevista no Diario de Pontevedra con Xabier López, gañador do Premio Xerais de novela 2013 por Cadeas. Aquí poden descargarse as dúas páxinas en pdf.”