‘Gracias por su visita’, de Uxía Algarra, é a proposta premiada no VIII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2025: Galiza + Portugal

O 19 de outubro de 2025, o xurado do VIII Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2025: Galiza + Portugal, dentro da X Xornada da Sección de Literatura Dramática, formado por Afonso Becerra Arrojo, en representación da AELG; Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía Castro da Coruña e Membro da Xunta Directiva de La Red do Estado español; Célia Maria Guido Mendes, en representación do Camões–Centro Cultural Portugués en Vigo; e Fefa Noia, directora adxunta do Centro Dramático Nacional do Estado, convidada de honra desta edición; despois de deliberar tras ter presenciado as propostas achegadas e considerar tamén as votacións dos grupos participantes, chegou, finalmente, ao acordo de que a peza premiada coa posibilidade da súa estrea nalgún dos espazos teatrais da cidade da Coruña ao longo de 2026-2027 sexa:

GRACIAS POR SU VISITA, de Uxía Algarra.

Recibiron tamén mención de honra as propostas A voz interior, de Diana Sieira, e Rocky e a man máxica de protección, de Fernando Tato.

O xurado quere destacar a gran calidade de todas as propostas desta edición do Festival.

Uxía Algarra

Diana Sieira

Fernando Tato

(Fotos enviadas por Alberte Bello)

Vilalba: acto de entrega do VIII Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade a Eva Mejuto

Bonito pra chover 2025. Festival de arte e cultura brasileira en Santiago de Compostela. Léo Pinheiro, o 26 de outubro

A AELG colabora co Bonito pra chover, contando co apoio de CEDRO.

Bonito pra chover é un Festival de arte e cultura brasileira en Santiago de Compostela, con diversas actividades que terán lugar durante o mes de outubro de 2025.

Do 20 ao 26 de outubro de 2025 Santiago acollerá a fusión de culturas galega e brasileira: o II Festival Bonito Pra Chover. O festival é unha homenaxe a Galiza, adoptada como casa propia. O presente a compartir será a arte que desborda o Brasil chegando á Galicia. Como na primeira edición no 2024, en outubro Compostela vai ter chuvia de poesía, música, cine, imaxes diversas, sabores e encontros que o Bonito Pra Chover traerá á cidade. O festival rende homenaxe á riqueza cultural que entrelaza acentos e historias das dúas bandas do océano. Bonito Pra Chover reflicte esta pluralidade. En 2024 estiveron presentes distintos estados do Brasil: Ceará, Roraima, Rio de Janeiro e Tocantins. Nesa segunda edición, ampliamos e a maiores recibimos representantes de Bahia e Minas Gerais. O Bonito Pra Chover trae a Galicia un Brasil que non se ve nos titulares, senón que pulsa en cada recuncho, coas súas cores, voces e sabores. Serán distintas expresións e ámbitos culturais, dende a música á poesía ou o cinema, nesa semana iremos cantar, bailar, recitar e ver o cinema brasileiro. Tamén provaremos a súa gastronomía, compartindo coa Galicia un Brasil diverso. Así que agardamos encher Santiago de arte para mergullalo nos matices culturais do Brasil. Máis que un evento, Bonito Pra Chover é unha oportunidade para coñecer. Unha invitación ao intercambio entre culturas irmás, un abrazo cálido que estende as mans de Galiza ao Brasil e viceversa. O programa variado e atractivo trae unha axenda inescusable para quen queira sentir, escoitar e degustar esta unión cultural. Estamos seguros de que cada evento ha ser unha celebración dese encontro feito de artistas, pobos e desexos.

Programación:

– 26 de outubro Concerto de Léo Pinheiro. Lugar: Sala Moon. Horario: a partir das 19:00 horas.

– Do 20 de outubro ao 26 de outubro. Rota de tapas brasileiras nos restaurantes: TS A Casa, O Dezaseis e O Piorno.

Para máis detalles sobre o evento, horario completo e información adicional sobre os artistas, visite a web e siga o Instagram.

O resto de actividades do Festival poden consultarse nesta ligazón.