Convocado o XVI Certame de poesía Concello de Carral
1.‐ Poderán optar ao premio todos os autores/as maiores de idade e de calquera nacionalidade, sempre que o seu traballo se presente escrito en lingua galega. Non poden participar anteriores gañadores/as deste concurso.
2.‐ Fíxase un premio único de 2.000 euros. O xurado pode declarar deserto o premio. Sobre a contía do premio aplicaranse as retencións fiscais oportunas.
3.‐ Os traballos serán orixinais, inéditos e non premiados noutros concursos no momento das deliberacións do xurado (os autores dos traballos premiados deberán comunicarllo de xeito inmediato á organización), e cunha extensión non inferior aos 500 versos.
Os traballos presentaranse por triplicado, mecanografados a dobre espazo por unha soa cara, debidamente grampados ou encadernados, e coas páxinas numeradas. Cada copia dos traballos presentaranse cunha portada na que figuren o título da obra e o lema ou alcume do autor/a, coincidindo no exterior co sobre pechado que debe acompañar á obras, e que conterá no interior o nome e apelidos do autor/a, DNI, enderezo, número de teléfono, correo electrónico e un breve currículo.
4.‐ As obras presentaranse na Biblioteca Pública Municipal de Carral (Casa da Cultura, Rúa de Paleo, 17, 15175, Carral, A Coruña).
5.‐ O prazo de admisión de orixinais estará aberto do 30 de xaneiro ao 6 de abril de 2013.
6.‐ As deliberacións do xurado son secretas, e delas estenderase a acta correspondente. A decisión do xurado farase pública na primeira quincena do mes de maio.
7.‐ O xurado estará presidido polo Alcalde do Concello de Carral ou concelleiro ou concelleira na que delegue, e formarán parte do mesmo persoas de recoñecido prestixio no eido da poesía galega e o autor gañador da edición anterior deste concurso; e actuará como secretario o técnico municipal de Cultura do Concello de Carral.
8.‐ O título do traballo gañador e o nome e apelidos do seu autor/a daranse a coñecer mediante comunicación persoal (chamada telefónica) ao autor/a premiado/a, no blog Cultura Carral, na web municipal, así como no taboleiro de anuncios da Casa da Cultura do Concello de Carral (Rúa de Paleo 17, Carral).
9.‐ Establécese un período de dez (10) días desde a decisión do xurado para presentar alegacións á citada decisión. As reclamacións, que se tramitarán ante o Rexistro municipal de Carral, serán valoradas e contestadas polo xurado.
10.‐ O Concello de Carral reservarase o dereito de publicar a obra gañadora.
11.‐ As obras non premiadas poderán ser retiradas polos seus autores ou polas persoas nas que deleguen, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao fallo do xurado. Non se devolverán traballos por correo nin por empresas de mensaxes. As obras que non sexan retiradas no prazo indicado, destruiranse.
12.‐ Corresponde ao xurado a interpretación das presentes bases.
13.‐ A participación nesta convocatoria supón a total aceptación das presentes bases. Poderán optar ao premio todos os autores/as maiores de idade e de calquera nacionalidade, sempre que o seu traballo se presente escrito en lingua galega. Non poden participar anteriores gañadores/as deste concurso.
Entrevista a Pere Tobaruela en Zig zag
Manuscritos: Yashmina Shawki
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Centros escolares colaboradores no Día de Rosalía de Castro 2013
Dentro das actividades do Día de Rosalía de Castro 2013, organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, o venres 22 de febreiro terá lugar en múltiples centros de ensino a inclusión, nese día de actividades escolares, de lecturas e gravacións audiovisuais por parte do alumnado de poemas de Cantares gallegos, que serán divulgadas posteriormente no noso espazo web para darlles visibilidade social.
Desde hoxe imos publicitar diariamente nesta Axenda os centros que participan nesta actividade, aos que agradecemos enormemente o interese e dispoñibilidade das súas comunidades escolares:
– Prólogo e -Dios bendiga todo, nena: CPI Alcalde Xosé Pichel, Coristanco.
– Has de cantar: CEIP Doutor Suárez, Fornelos de Montes.
– Nasín cando as prantas nasen: CEIP Cespón, Boiro.
– -Dios bendiga todo, nena: CEIP Santo Paio de Abaixo, Reboreda – Redondela.
– -Cantan os galos pra o día: IES Nº 1, Ribeira.
Arteixo: presentación-recital de Monicreques, de Xosé Daniel Costas
Ourense: presentación de O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, de Ramón Caride
O xoves 31 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Librería La Región (Rúa do Paseo, 15) de Ourense, preséntase o libro O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, de Ramón Caride, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Juan José Rodríguez Fernández, Manuel Bragado, o ilustrador do libro, Jaime Asensi e O Capitán Aspanitas.
Convocado o Certame literario de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos 2013
“1. Poderán concorrer ao Certame de Relato de Aventuras todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, cun único traballo en galego de temática libre que sexa inédito, encadrado no relato de aventuras.
2. A obra, cunha extensión entre 70.000 e 100.000 caracteres, presentarase por cuadriplicado en exemplares separados, mecanografados por unha soa cara, debidamente grampados, cosidos ou encadernados sen firma e cun lema e utilizando o sistema de plica.
3. O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 19 de abril de 2013.
4. Os traballos serán remitidos a:
Concello de Noia · Rosalía de Castro, 2 – 15200 Noia (A Coruña)
5. Estabelécese un único premio de 3000 euros, ademais dunha escultura conmemorativa do artista noiés Alfonso Costa, e a publicación da obra gañadora por parte do Excmo. Concello de Noia. O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente.
O premio está consignado na partida 334.48000, atopándose retido o crédito necesario.
A entrega do premio realizarase mediante transferencia bancaria ao gañador/-a que deberá achegar ao Concello de Noia a certificación emitida polo banco ou caixa, correspondente á súa conta. Unha vez presentada esta certificación o Concello disporá de cinco días hábiles para a realización efectiva do pagamento.
6. O xurado terá todas as facultades para a decisión do premio, que poderá quedar deserto, para interpretar as bases e a súa decisión será discrecional e baseada en criterios de valoración literarios e lingüísticos. Estará composto polo Alcalde do Concello de Noia, ou persoa na que delegue, que actuará como presidente. Un membro da revista de creación literaria e cultural Casa da Gramática do IES Virxe do Mar de Noia que actuará como secretario/-a. E tres vogais nomeados/-as entre persoas de recoñecido prestixio no eido das letras galegas. O xurado emitirá publicamente o seu veredicto o día 24 de maio de 2013.
7. Os traballos non premiados serán devoltos, previa solicitude, e os restantes destruídos transcorridos vinte días desde a data do veredicto do Certame.
Non poderán participar neste certame os autores premiados en edicións anteriores.
8. O feito de concorrer ao Certame implica a aceptación das devanditas bases.”
Lugo: presentación de O mistério da escada interior, de Adela Figueroa
O xoves 31 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Lugo (Praza de San Domingo, 4), preséntase o libro O mistério da escada interior, de Adela Figueroa, publicado por Edicións do Castro. No acto, xunto á autora, participa Tareixa Campo, e estará acompañado pola música dos Frebudos.
A Coruña: presentación de Herdeiros pola forza, de Xurxo Ayán e Manuel Gago
O xoves 31 de xaneiro, ás 19:30 horas, no local da Asociación de Veciños de Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules (na Biblioteca da Asociación no Campo de Marte, s/n.) da Coruña, nun acto organizado por esta entidade, a Libraría Sisargas, a Asociación de Amigos do Arqueolóxico e o Proxecto Cárcere, preséntase Herdeiros pola forza, de Xurxo Ayán e Manuel Gago. No mesmo, xunto aos autores, participa Xurxo Souto.