Baldo Ramos e Sara Plaza gañan o 29º Premio de poesía Concello de Carral coa obra “Porcelana e chumbo”

Desde o Concello de Carral:
“O poemario escrito conxuntamente por Sara Plaza e Baldo Ramos vén de ser elixido como a obra gañadora do 29º Premio de Poesía Concello de Carral. É a primeira ocasión no que o certame premia unha autoría dobre.
O premio está dotado con 3.500 € e a publicación da obra en Edicións Espiral Maior.
Dun total de 77 obras presentadas ao concurso, o xurado, por unanimidade, decidiu premiar Porcelana e chumbo pola súa voz elexíaca, grave e meditativa. Pon en valor que a escrita aparece como unha forma de acompañar a perda, a cegueira e a memoria moi presentes en todo o traballo. Destaca tamén a madurez expresiva, a densidade poética, as imaxes innovadoras que afondan nos grandes temas universais: a soidade, o paso do tempo e o valor do íntimo. Ademais o xurado quere salientar a orixinalidade que supón crear un poemario a dúas voces.
O xurado estivo constituído pola concelleira de Cultura, Isabel López, que exerceu de presidenta, as poetas Branca Trigo, Miriam Ferradáns e Modesto Fraga, e o técnico de Cultura e coordinador do certame, Carlos Lorenzo, como secretario con voz e sen voto. (…)
O acto de entrega do premio, así como a presentación da obra gañadora na pasada edición, Especies invasoras, de Branca Trigo, terá lugar o venres 5 de xuño na Casa da Cultura.”

Silvia Penas Estévez gaña o 27º Premio de Poesía Concello de Carral coa súa obra A pel do exilio

Desde o Concello de Carral:
“A forza da voz poética manifesta a súa furia a través do ritmo e da limpeza das imaxes”. Esta foi unha das razóns polas que a viguesa Silvia Penas Estévez (Vigo, 1980) se fixo co 27º Premio de Poesía do Concello de Carral. Coa súa obra A pel do exilio, a autora conquistou ao xurado de xeito unánime.
O poemario de Penas Estévez foi escollido entre un total de 94 obras presentadas, o cal supón un novo récord para este certame, que medra ano tras ano en cifras de participación. De entre todos os traballos, o xurado elixiu o da viguesa salientando o seu ritmo e a súa “vocación de mediar co mundo, traspasando o texto na procura da reflexión metapoética e identitaria”.
O xurado estivo composto polo presidente; o alcalde Javier Gestal Pose, por Inma Otero, Tamara Andrés, Ciro Briones, e actuando como secretario, con voz e sen voto, o técnico de Cultura, Carlos Lorenzo.
O premio, que conta coa colaboración anual da Xunta de Galicia, está dotado con 3.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
A entrega do premio Concello de Carral está prevista para o venres, 31 de maio, na Casa da Cultura e servirá, así mesmo, para presentar o libro Oídos de espeleóloga, co que Ciro Briones gañou a 26ª edición do certame. (…)”

Carral: entrega do 26º Premio de Poesía a Ciro Briones, presentación de Trono e caléndula, de Carlos Penela, e recital poético-musical con Álex Mene e Margarida Mariño