Compostela: obradoiro de creación literaria da A. C. O Galo
Tabela dos Libros de outubro, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros do mes de outubro. Nela figuran seleccionados os volumes que, ao ver d@s crític@s participantes (Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo), son estimados como os máis recomendables de entre os publicados nas últimas semanas. Boas lecturas!”
Berta Dávila: “É emocionante ver un teu libro en xaponés”
Entrevista
a Berta Dávila en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LeO): En 2010 Barbantesa publicaba un libro teu de relatos agrupados baixo o título A arte do fracaso. Agora acaba de saír a tradución ao xaponés. Como se leva iso de saber que vai haber xente léndote a 12.000 quilómetros de distancia?
– Berta Dávila (BD): É emocionante, desde logo. O libro será distribuído como e-book, aínda que se fixeron algúns exemplares en papel para cuestións de promoción. Así que potencialmente pode chegar a calquera falante de xaponés, estea onde estea, algo que resulta moi interesante porque permite que as linguas soborden fronteiras xeográficas.
– LeO: Como acabou o libro traducido ao xaponés e quen se encargou da tradución?
– BD: Foi unha proposta de Pulp Books que, desde Cangas do Morrazo, levan a literatura do país a todo o mundo. Eles editaron a tradución ao castelán e agora preparan outra para o eúscaro. Da versión xaponesa encargáronse Mona Imai e Megumi Shiozawa. Unha non pode ficar máis que agradecida por ter recibido unha proposta deste tipo. (…)
– LeO: A pesar de que es unha escritora ben nova xa sabes o que é ser traducida a dous idiomas diferentes ao galego (castelán e xaponés). É a internacionalización a chave mestra que precisa a nosa literatura?
– BD: Creo que escribindo en galego é posible chegar a todas partes, outro cantar é que interese nalgures algo que escriba eu, iso dubídoo. A verdade é que non teño a resposta sobre as chaves mestras que precisa a nosa literatura, pero o proxecto de Pulp Books paréceme moi interesante e coido que tamén importante. (…)”
Berta Dávila, Raíz da fenda
Xesús Constela: “Nada morrerá xamais se está dentro dun libro”
Entrevista
de Ramón Nicolás a Xesús Constela, en Qué leer, publicada en galego no blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Que permanece en vostede, como autor, desde os primeiros pasos naquela revista artesanal salmantina dos oitenta até hoxe?
– Xesús Constela (XC): Permanecen inalterables as miñas ganas de (re)interpretar a realidade e o meu desexo de plasmar esa (re)interpretación sobre un papel. Actúo como unha especie de filtro, permítaseme a comparación: capto a realidade, ou quizais a absorbo, que sei eu, para despois transformala, ou procesala, ao meu xeito, e finalmente liberala en forma de palabras escritas, de literatura, á fin e ao cabo. (…)
– RN: De 15.724, a súa última novela, destaco persoalmente ese alegato contra a pena de morte e a reflexión sobre as fronteiras entre a cordura e a tolemia…
– XC: A pena de morte é algo que me repugna no máis fondo porque de ningún xeito podo compartir a idea de que unha institución poida ser quen decida cando debe finalizar a vida dun ser humano, independientemente do delito que poida cometer, e 15.724 responde a un desexo de expresar esa repugnancia. E aínda me repugna máis cando o condenado é unha persoa que vive nun mundo propio que ninguén intentou comprender xamais, unha persoa a quen a sociedade deixou de lado… Resultoume duro facelo pero… tiña que dicilo!”
Ferrol: inauguración da mostra Imeldo Corral, pintor das Irmandades, comisariada por Carlos L. Bernárdez
A
cuarta feira 9 de outubro, ás 20:00 horas, Fundación Novacaixagalicia de Ferrol (Praza da Constitución, s/n), inaugúrase a mostra Imeldo Corral, pintor das Irmandades, comisariada por Carlos L. Bernárdez. Poderá ser visitada até o 12 de xaneiro de 2014. Aquí pode descargarse o folleto da exposición: Imeldo Corral. Exposición comisariada por Carlos L. Bernárdez.
Entrevista a Anselmo López Carreira en Radiofusión sobre Historia de Galicia
Entrevista
a Anselmo López Carreira en Radiofusión:
“Hermerico convértese no ano 410 no primeiro rei de Galicia. Os suevos instálanse na Gallaecia romana e asinan un pacto de hospitalidade co emperador de Roma. Coa teórica aceptación da superior autoridade imperial e co compromiso de prestar asistencia militar, constitúen de facto un reino. Afirmao así o profesor Anselmo López Carreira, autor do libro Historia de Galicia que ven de publicar Edicións Xerais. (…)
A entrevista completa pódese escoitar aquí.”
Compostela: presentación de Janela Aberta, de José Alberte Corral Iglesias
A
cuarta feira 9 de outubro, ás 20:00 horas, na Livraria Ciranda (Rúa Travesa, 7), de Santiago de Compostela, preséntase o libro de relatos Janela Aberta, de José Alberte Corral Iglesias, publicado por Através Editora. No acto, xunto ao autor, participa Xurxo Nóvoa Martins.
O estudo de Anxo Rei Ballesteros agochaba un ensaio que ve a luz cinco anos após súa morte
Desde
Sermos Galiza e Praza:
“A editorial Axouxere vén de publicar Presenza dunha Ausencia (Sobre Maurice Blanchot) un ensaio inédito que o escritor Anxo Rei Ballesteros gardaba no seu estudo e que sae á luz cando se cumpren cinco anos do seu pasamento.
A partir dun texto manografado atopado entre os pais que o escritor deixara amoreados no seu estudo nace este novo libro do escritor Anxo Rei Ballesteros, unha descuberta que se fai pública cinco anos despois da súa morte na Coruña en outubro de 2008.
Rei Ballesteros adéntrase en Presenza dunha Ausencia na obra L´espace littéraire na que o filósofo francés Maurice Blanchot reflicte arredor do proceso creativo e o feito literario, da literatura como expresión do ser.
Os editores anotan que o texto chegou até eles manografado, sen concluír mais, ao seu ver, “conserva, porén, unha estraña aura, un fulgor que brilla desde o seu adentro”. Despois dun profundo traballo de edición, sacan á lus unha obra que, segundo valoran, mesmo pode marcar “un pequeno (humilde e imperceptíbel) fito no despregue da ensaística en galego”. (…)”


