Castropol: II Encontros La Bendición de Babel

O venres 29 de marzo, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura de Castropol (Asturias), terán lugar os II Encontros La Bendición de Babel, organizados pola Sociedad Asturgalaica de Amigos del País. Os participantes desta edición serán María do Cebreiro Rábade, Héctor Acebo, Luis Muñiz, Antón García e Aurora García Rivas.

Errentería, Guipúscoa: Festival de Poesía. Miradas de mulleres á praza

“Amiga poetisa que estás a ler esta carta:
Poetisa que vives e escribes en éuscaro, castelán, francés, catalán, galego, portugués ou grego, romanés ou ucraíno, árabe ou wolof, quechua ou guaraní…:
Na Asociación Cultural Mikelazulo de Errentería-Orereta, Guipúscoa, Euskal Herría, estamos a organizar para mediados de maio un Festival de Poesía, baixo o título de Miradas de mulleres á praza.
Queremos mirar con ollos de muller ese monstro que pretende afundirnos no abismo da incerteza e a desesperación. Queremos ver con ollos de muller os escintileos e esforzos por abrir uns novos tempos que están a amencer en prazas e rúas, selvas e montañas, chairas e ríos do mundo. Queremos cos vosos ollos….
Se queres participar no Festival ofrecendo un recital dos teus poemas, envíanos a túa proposta e os datos que precisemos para pornos en contacto, e comezaremos a traballar.
Tamén podes traballar ou seleccionar un poema e enviárnolo (xunto cos datos para poñémonos en contacto). O 25 de abril, á vista dos poemas recibidos, decidiremos que facer: pendurar copias dos poemas en paredes e árbores, unha lectura xeral de todos eles, un libriño en lingua orixinal e tradución ao éuscaro…
Envíanos a túa proposta (recital ou poema) na túa lingua propia e no seu caso con tradución. (Mikelazulo, coas súas amigas/amigos tamén pode cubrir traducións dunhas cantas linguas de Eurasia, África e América).
Será un pracer se nos escribides. Seredes benvidas se vides. Andamos pobres en euros, pero podemos axudar.
Se queredes saber de nós, podedes entrar en internet, ou contactar no teléfono 943517002 e no correo electrónico mikelazulo@hotmail.com

Esperámosvos. Unha aperta,

Mikelazulo Kultur Elkartea”

Vídeos do Día de Rosalía 2013 no ensino (XV)

6. Nosa Señora da Barca (CEIP Os Muíños, Muxía)

7. Fun un domingo (CPI As Revoltas, Cabana de Bergantiños)

8. Un repoludo gaiteiro (CPI Conde de Fenosa, Ares)

A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

Desde O levantador de minas, de Alfredo Ferreiro:
“No pasado decembro acudimos á presentación n’ Á lus do candil do último romance de Chisco Fernández Naval [A noite branca], unha obra de base histórica que se converteu en poucas semanas nun éxito editorial. Estas imaxes mostran parte do evento así como as palabras que o autor concedeu a OLM sobre certos aspectos da obra.”

Elena Gallego: “Sabía que para que Dragal tivese potencia argumental tiña que ter detrás a historia de Galicia”

Entrevista a Elena Gallego en Praza:
“(…) – Praza (P): Que papel vas ter ti en todo este proceso?
– Elena Gallego (EG): A miña idea é acompañar todo o proceso, porque Dragal é unha triloxía pero vai continuar. De feito un dia dixen, medio de broma medio en serio, que Dragal podían ser tres triloxías e realmente a historia que eu teño na cabeza dá para máis. O ter rematado a primeira permíteme comezar a traballar na segunda. O proceso de preprodución xa está en marcha e estamos compartindo algunhas ideas sobre o deseño dos personaxes, pero a medida que o proxecto vaia crecendo veremos como nos coordinamos.
– P: Como nace o Dragal? Como nace a idea e como fuches desenvolvendo os distintos elementos que están presentes nos libros?
– EG: Eu son xornalista, vivo en Marín e traballo en Cangas e ao meu fillo de 16 anos matriculeino en Moaña porque levalo a clase no coche era unha maneira de velo, porque cos meus horarios sempre chego pola noite a casa. Falando con el no coche, só me falaba das novelas de dragóns e de maxia. Eu estaba empeñada en que lese libros en galego e en que coñecese a historia de Galicia, así que decidín escribir unha novela de dragóns en galego. E para que se sentise mais atraido a lela fíxeno a el protagonista da novela: un rapaz de 16 con moi poucas ganas de estudar e de facerlle caso á vida real. E sempre tiven a idea de que se quería que Dragal tivese potencia argumental tiña que ter detrás a historia de Galicia. Temos a historia da traslatio, que é unha das historias de ficción máis importantes do mundo, e sobre ela aséntase todo o Camiño de Santiago, e no Códice aparece un dragón. Por que non xogar con iso? Está documentado que o alquimista Nicolas Flamel, que aparece en Harry Potter, estivo en Compostela. Eu utilicei varios elementos que o meu fillo recoñecía doutros libros. A forma de construír Dragal era crear unha ficción nova a partir de elementos que están documentados.
– P: Ademais a tradición da literatura fantástica en galego é moi rica, de Cunqueiro a Ferrín
– EG: Si, e moitas veces os nosos rapaces non o coñecen. Iso é do que máis orgullosa estou con Dragal, de que moitos nenos se me acheguen e vexo brillar o dragón nos seus ollos. Tamén tiven na cabeza as aventuras dos Cinco: que os protagonistas vivisen aventuras dentro da vida real, que tivesen exames que tivesen conflitos da vida real. Quería fuxir da fantasía de armario. (…)”.