Tabela dos Libros de decembro, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a Tabela dos Libros do mes de decembro. Nela figuran seleccionados os volumes que, ao ver d@s crític@s participantes, son estimados como os máis recomendables de entre os publicados nas últimas semanas. Este mes, amais, temos o pracer de saudar a incorporación ao Grupo Crítico da Tabela dos Libros do profesor e crítico Francisco Martínez Bouzas, quen no seu día xa fora convidado a participar como membro fundador do equipo, pero que, por razóns persoais, non puidera sumarse entón á iniciativa. Faino agora, o que nos enche de satisfacción e agradecemento. Sexa, pois, benvido.”

Serxio Iglesias gaña o XXV Premio Eusebio Lorenzo Baleirón con Viaxe ao interior da fenda

“O libro orixinal Viaxe ao interior da fenda, do escritor de Corcubión Serxio Iglesias Rodríguez, resultou gañador da XXV edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que convoca o Concello de Dodro. O autor, nado en Bos Aires en 1966, actualmente profesor de Lingua e Literatura Galegas en Cee, mostrou unha «grande satisfacción» por acadar este premio que o xurado elixiu por unanimidade.
Coordinado nesta edición por Xabier Castro Martínez, director do Centro PEN Galicia, o xurado estivo composto por María Xesús Nogueira, Inma López Silva, Pura Prado e Bieito Iglesias. O xurado destacou do libro orixinal premiado a «capacidade para reescribir unha temática universal como é a perda, así como o coidado no rexistro poético, especialmente na selección léxica e na creación de imaxes». Asemade, quere deixar constancia da alta calidade dos 38 traballos presentados nesta edición, o que indica «o momento de grande vitalidade da poesía galega actual e da importante contribución do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón ao prestixio e promoción das nosas letras», segundo declara o alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín.
Na xornada do fallo, celebrada días atrás, os membros do xurado, acompañados de Manuel Lorenzo Baleirón, irmán de Eusebio, fixeron unha ofrenda floral na tumba do escritor no cemiterio de San Xián de Laíño. A entrega do premio, que ten unha dotación de 2.300 euros, terá lugar o vindeiro día 15 de decembro”. Desde La Voz de Galicia.

Antón Baamonde: “Galicia está ao borde da extinción como suxeito político”

Entrevista a Antón Baamonde na sección Conversas no ronsel de Valentín Paz-Andrade da súa páxina oficial:
“(…) – Xan Carballa: A derrota de Galicia é o título do seu libro máis recente. Semella o desenvolvemento da idea de que o noso país se acaba como identidade diferenciada.
– Antón Baamonde: O título é un aviso, porque estamos ao borde da extinción como suxeito político. Isto non é un exceso esencialista, senón que enuncio os elementos que me levan a esa conclusión. O grao de desafección política coa autonomía é grande, se collemos os índices do CIS Galicia non ten as pautas de Cataluña e País Vasco. A maior parte da xente aposta porque a autonomía siga como está, pero se les entre liñas o desapego das institucións do autogoberno non é a que se agardaría dunha nación con tradición política propia. Por iso falo de fracaso, porque estes trinta anos non serviron para aumentar a adhesión da poboación co autogoberno. Sucede igual coa lingua. Se Núñez Feixoo tivo éxito nas eleccións de 2009 foi porque podía telo, noutro estado emocional da poboación iso non tería sucedido. O feito de que calase aquela mensaxe demostra até que punto ese elemento central que manifestaría a autoestima do país, barómetro de tantas cousas, estaba moi baixo e puideron saír do armario, con toda arrogancia, persoas cunha formulación que no fondo supuña eliminar o galego da educación infantil, ou sexa converter o idioma galego en estranxeiro a todos os efectos. Que iso se consiga fala de que ou non hai masa crítica suficiente na defensa da lingua ou que non sabe poñerse en acción de maneira efectiva para variar o rumbo. A falta de autoestima eu atribúoa a moitos factores. Unha parte da responsabilidade é do nacionalismo que neste tempo non soubo situarse como auténtico pau de palleiro do país, capaz de articular a nación, e viviu dunha maneira encapsulada. Se ti te encastelas non tes efecto de ósmose na poboación. Despois inflúe a propia estrutura do estado, a acción das outras forzas políticas e outros moitos elementos, pero os que teñen un papel proactivo neste terreo quizais non acertaron. A maiores goberna un home que non é o PP de Fraga. Fraga buscaba a centralidade e a homologación a través do diálogo co galeguismo cultural e era ambiguo, no bo e no malo, pero non buscaba a confrontación coa base identitaria. Este PP de agora si o fai, está moi pendente dos epicentros madrileños e esta política ten certo apoio dentro das clases medias urbanas. (…)”

Gravación inédita de Valentín Paz-Andrade

Desde o Consello da Cultura Galega:
“Gravación inédita do discurso pronunciado por Valentín Paz-Andrade, o 10 de xullo de 1984 no Pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela, con motivo da constitución da FEGAPE, en calidade de presidente de honor da mesma. (…)” Pódese escoitar aquí

Convocado o XIII Premio Plácido Castro de Tradución

A Fundación Plácido Castro da que forman parte os concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcía de Arousa, a Asociación de Tradutores Galegos e o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), convoca o Premio Plácido Castro de tradución destinado a promover versións en lingua galega das grandes obras da literatura universal. Lémbrase, deste xeito, a figura de Plácido Castro, humanista, liberal, cosmopolita, símbolo da universalidade do nacionalismo galego que quixo estimular coas súas traducións a recuperación explícita da nosa identidade.

1. Poderán participar na convocatoria da duodécima edición do Premio de Tradución Plácido Castro tódolos tradutores que envíen algunha obra traducida ó galego para ser incluída na biblioteca virtual www.bivir.com. As obras deberán necesariamente estar libres de dereitos e pertencer ó dominio público no momento en que sexan enviadas a Bivir.
2. Unicamente entrarán a concurso as obras traducidas e enviadas espontaneamente polos seus tradutores, quedando excluídas as encargadas expresamente pola Asociación de Tradutores Galegos (ATG).
3. As obras que concorran ao premio enviaranse á sede da secretaría da Fundación Plácido Castro: IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) Illa de San Simón 36693 Cesantes – Redondela (Pontevedra) ou por correo electrónico a info@tradutoresgalegos.com, antes do 1 de maio de 2013.
4. O xurado do Premio estará composto por cinco membros pertencentes a cada unha das seguintes institucións: Fundación Plácido Castro, Asociación de Tradutores Galegos (ATG), Real Academia Galega, Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e Administración Autonómica. Actuará como secretario do premio con voz e sen voto un representante do IGADI.
5. O xurado terá en conta fundamentalmente os seguintes criterios: calidade da versión, criterios de lectura e interpretación do orixinal, relevancia da obra nas culturas de orixe e chegada e adaptación ó destinatario.
6. O xurado dará a coñecer de inmediato a identidade da persoa premiada e fará públicas as razóns nas que se fundou para a concesión do premio.
7. O premio está dotado con 2.000 euros en metálico e a publicación da obra por parte de Rinoceronte Editora, entidade colaboradora desta convocatoria. Ademais, contará cun diploma acreditativo e unha peza escultórica deseñada expresamente para o evento, obra de Xaquín Chaves.
8. A entrega do Premio terá lugar no lugar e data sinalada pola Fundación Plácido Castro.

Convocado o XI Certame Xornalístico Dora Vázquez, 2013

“O Concello de Arteixo, a través da Concellería da Muller, convoca o XI Certame Xornalístico Dora Vázquez 2013 coas seguintes bases (Bases Dora V. 2013):

1. Poderán concorrer a el todas as persoas que o desexen cun artigo de opinión inédito, único e orixinal, e escrito en galego. Cada participante será responsábel do contido do seu artigo.
2. O tema para o Certame correspondente ao 2013 é As mulleres e a ciencia.
3. Os artigos deben ter unha extensión de 1.500 caracteres, escritos en papel DIN A4 por unha soa cara. O artigo deberá ir titulado e cun lema da autora/autor.
4. Os traballos presentaranse por cuadriplicado nun sobre grande pechado. Neste sobre non poderá figurar o nome nin ningunha outra referencia á autoría do artigo. Dentro deste sobre incluirase un sobre pequeno, tamén pechado, que levará escrito por fóra o título do artigo e o lema. No interior figurará unha fotocopia do DNI, teléfono do contacto e, de ser o caso, enderezo electrónico.
5. Os artigos poderanse presentar ou enviar antes do 1 de febreiro de 2013 facendo constar:
PARA O CERTAME XORNALÍSTICO DORA VÁZQUEZ
Concello de Arteixo
Praza Alcalde R. Dopico, 1
15142 Arteixo-A Coruña
6. Estabelécese un único premio dotado de 1000 euros e sometido á retención legal estabelecida. O premio pode quedar deserto.
7. O xurado, designado polo Concello de Arteixo, fará pública a súa decisión inapelábel no mes de marzo, cando se fará entrega do premio nun acto convocado a tal fin. A persoa premiada comprométese a asistir a este acto.
8. Os orixinais non premiados poderán retirarse no prazo dun mes dende o fallo do xurado, na Concellaría de Muller no seguinte enderezo:
Centro de Información ás Mulleres
Avenida do Balneario, 10, baixo
15142 Arteixo
Transcorrido este prazo, os artigos non premiados que non sexan recollidos, serán destruídos.
9. A persoa gañadora renuncia aos seus dereitos económicos en caso de que o Concello publique o texto. A obra gañadora será publicada na edición escrita e dixital de xornais locais.
10. A interpretación das bases corresponde ao xurado. O feito de participar supón a aceptación destas bases.”

Terceiro número de Revista de Poesía

“Desde xa pode lerse e baixarse en pdf o número 3 completo da Revista de Poesía, proxecto semestral do Grupo Alea de Análise Poética dirixido a investigadores/as e público en xeral. Inclúe artigos, reseñas e traducións sobre poesía galega e internacional.
poesiagalega.org pon a disposición pública o terceiro número da súa Revista de Poesía, cuxo comité de redacción está formado por Arturo Casas, Margarita García Candeira, María López Sández, Montse Pena Presas e María do Cebreiro Rábade Villar.
Esta será a última entrega da xeira que se inaugurou hai un ano. Vén coincidir coa finalización das actividades programadas para o trienio 2010-2012 polo GAAP e o equipo do proxecto de investigación poesiagalega.org.”

O Grove: presentación de Eu, pel, de Teresa González Costa

O martes 4 de decembro, ás 20:00 horas, na Galería de Arte Besada (Rúa Concepción Arenal, 1) do Grove, preséntase o libro Eu, pel, de Teresa González Costa, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Carlos Besada, Tito Díaz Pérez e Manuel Bragado.

Ignacio Vidal Portabales é o gañador do XXX Premio de Novela Longa Blanco Amor, con Dióxenes en Dolorida

Ignacio Vidal Portabales é o nome do gañador do XXX Premio de Novela Longa Blanco Amor. Entre as novelas finalistas do certame, Dióxenes en Dolorida e Tara, o Xurado acordou outorgar finalmente o galardón á primeira, presentada co lema Arieira e o título de Dióxenes en Dolorida. Aberta a plica da novela premiada, o autor da obra gañadora resultou ser o veciño de Santiago de Compostela, Ignacio Vidal Portabales. Nado en 1958 en Santiago de Compostela, Ignacio Vidal Portabales é Doutor en Dereito e profesor titular de Dereito Mercantil na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.
Dióxenes en Dolorida é a súa primeira novela en lingua galega. Unha obra que salienta, segundo o Xurado, pola súa estrutura e estilo áxil e directo, polo emprego de diferentes voces narrativas e do humor como elemento condutor e pola recreación dun ambiente a medio camiño entre o real e o paródico. Tamén salienta o Xurado o esforzo de introspección que o autor realiza nas relacións de parella e a propia construción do personaxe protagonista.

Realizado o sorteo do concello organizador da vindeira edición do Premio, resultou elexido o Concello de Arteixo, sendo 1º suplente o Concello de Ferrol e 2º suplente o Concello de Oímbra. Deixamos tamén aquí dúas fotos do evento: