“Slam Arousa volverá aos bares a vindeira semana. Neste caso á Pousada das Ánimas, en Boiro, durante a ponte, o día 6 de decembro, ás 22:30 horas. Nesta ocasión participarán os gañadores das edicions anteriores, como convidados (Celia Parra e Ramón Blanco).
Normas de recitado slam.arousa:
– Podes recitar calquera texto sempre que sexa teu e non dure máis de 3 minutos. A partir de 3 minutos, descóntase puntuación sobre o veredicto do público.
– Non podes usar música, disfraces ou accesorios.
– É tan importante o texto coma un bo recitado. De feito, o único importante é conquistar ao público.
– Non é imprescindible saber o texto de memoria… pero axuda, claro!
– Por votación popular decídense 3 finalistas, que volven recitar un texto (preferentemente diferente, para gañarse ao público), esa mesma noite.
– Destes 3 finalistas, sempre por votación popular, vén seleccionado o gañador que pasa á final na Illa de Arousa, no mes de marzo.
– O gañador, pode, se quere, volver recitar tras resultar vencedor para deleitar ao público.” Desde Certo.
Camilo Nogueira: “A historia oficial de España está fundamentantada na negación de Galicia como reino independente”
“Montse
Dopico publicou no suplemento Faro da Cultura, de Faro de Vigo, unha reportaxe sobre o libro Para unha crítica do españolismo de Camilo Nogueira.
Combater a ideoloxía de “España como nación única” e restaurar o lugar na historia da Galicia medieval foi o obxectivo de Camilo Nogueira ao publicar, no 2001, o seu libro A memoria da nación. O reino de Gallaecia. O político nacionalista afonda nesas mesmas cuestións nas súas dúas últimas obras, A rota do sol (Laiovento) e Para unha crítica do españolismo (Xerais). Explicouno nunha recente presentación en Santiago deste último ensaio: “A historia oficial de España está fundamentantada na negación de Galicia como reino independente”. E este é, ademais, ao seu ver, un dos alicerces principais da lexitimación política da concepción da “nación única” española. Calquera debate sobre a renovación da estrutura territorial do Estado español está condicionado pola idea de España que, de fondo, cada quen asuma. Nas diferentes interpretacións historiográficas sitúase, así, un dos fundamentos da controversia. “Para unha boa parte da opinión pública española, e sobre todo para o nacionalismo conservador español, España é un produto dunha historia común dende polo menos os Reis Católicos, senón desde antes (a Hispania romana, os visigodos). Aí seguen vixentes moitos dos mitos historicistas do nacionalismo español do XIX”, explica o historiador e profesor Xosé Manuel Núñez Seixas.” A reportaxe pódese descargar aquí.” Desde Xerais.
Entrevista no Eirado a Antonio Seijas, autor de Cartas de inverno
“O programa da TVG Eirado, que dirixe o xornalista e escritor Pemón Bouzas, emitiu unha entrevista con Antonio Seijas, autor da novela gráfica Cartas de inverno, baseada na novela homónima de Agustín Fernández Paz.” Desde Xerais.
Convocado o XX Premio Xornalístico Puro Cora
“El Progreso
convoca o Premio Puro Cora en lembranza de tres xeracións de informadores e homes de empresa baixo cuxa dirección o diario percorreu os 85 primeiros anos do seu Centenario, celebrado en 2008: Purificación de Cora y Más-Villafuerte, Purificación de Cora Sabater e Purificación de Cora Paradela. O premio rexerase de acordo coas seguintes bases:
O Premio Puro Cora concederase anualmente a aquela persoa que a criterio do xurado teña contribuído a ennobrecer o papel dos medios de comunicación en calquera das súas facetas, tanto a nivel nacional como internacional e con anterioridade a esta convocatoria.
Para a XX edición do premio, os colexios profesionais, academias, asociacións da Prensa, clubes de xornalistas, medios de comunicación ou calquera outra institución ou asociación legalmente constituída poderán presentar as candidaturas que consideren oportunas ata o 31 de decembro de 2012.
En cada proposta deberá facerse constar quen a promove, os méritos que a avalan e unha breve biografía do candidato.
O premio, único e indivisible, é de 10.000 € e trofeo.
O xurado, ao fronte do cal estará como presidente vitalicio o do Consello de Administración de El Progreso, fará público o seu ditame o día 2 de febreiro de 2013, aniversario do nacemento do fundador do diario.
A presentación de candidaturas implica a aceptación destas bases. O xurado poderá propoñer candidaturas e resolver sobre calquera eventualidade.”
A Coruña: presentación de Prestige. Tal como foi, tal como somos, de Xosé Manuel Pereiro
O
martes 4 de decembro, ás 20:00 horas, no Café de Macondo (Rúa San Andrés, 106) da Coruña, preséntase Prestige. Tal como foi, tal como somos, de Xosé Manuel Pereiro, publicado en 2.0 Editora. No acto, xunto ao autor, participan Manuel Rivas, Xurxo Souto e o editor, Antón Lado.
Méndez Ferrín advirte que a supervivencia da RAG “está en perigo”
“”Está
en perigo a Academia, toda ela”. O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, advertiu este luns que a rebaixa nos orzamentos da institución pon incluso en dúbida a súa continuidade. A rebaixa na achega económica do Estado, nun 70% en dous anos, e as últimas negativas da Xunta para compensar esta caída de ingresos poñen en serias dificultades a centenaria entidade. “Esperemos que a RAG poida continuar funcionando; logo de que os Presupostos Xerais do Estado nos fosen desfavorábeis, agardamos que a Xunta enxoite esa diferenza e que poidamos seguir adiante”, asegurou Ferrín logo de manter unha xuntanza con varios representantes do grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE). “Pedimos a todos os grupos da Cámara que nos apoien”, insistiu o presidente da Academia, que fai un chamamento ao Executivo galego para que nos vindeiros Orzamentos compense coa súa achega económica á entidade o duro recorte sufrido por parte do Estado. Esta petición urxente da RAG chega tras unha rebaixa moi considerable nas asignacións do Executivo galego á RAG, ao pasarse de convenios por 450.000 euros en 2011 a 280.688 euros en 2012, unido aos duros recortes na asignación do Estado, que finalmente quedou en 700.000 euros tras o trámite parlamentario dos Presupostos, o que aínda así supón unha rebaixa duns 300.000 euros con respecto ao exercicio anterior. (…)”. Desde Praza.
Lira, Carnota: Xornadas sobre Dez anos de loita por un mar de vida
O retorno ao recital (II)
Reportaxe en Cultura Galega:
“A poesía recitada continúa a reclamar o seu espazo na nosa cultura. A iniciativas como os recitais Poetas Di(n)versos, Picaversos ou Poetas da Hostia, súmanse novas propostas. Os Slams Poéticos están a levar a Arousa e Vigo un torneo de recitados, mentres esta última cidade vía recentemente a segunda edición do seu Festival Polipoético. A poesía pide a palabra.
Sther F. Carrodeguas é a responsable do Slam Poético Arousa, unha iniciativa que chegou este outono á nosa terra. Un Slam poético consiste nun torneo, baseados nas competicións de hip-hop, n o que dous competidores len textos propios sen contar con máis recurso do que a súa voz e presenza, sen música ou obxectos de apoio. De cada unha destas roldas un xurado selecciona un dos participantes ata chegar a unha final, da que sae o gañador da rolda. Segundo explica a coordinadora, o proxecto xurdiu dun obradoiro que deu a poeta catalá Irene La Sen sobre este tema en Rianxo. “Eu xa levaba un tempo traballando na cuestión dos recitais, e esta fórmula pareceume bastante sinxelo de organizar. Entón primeiro pensei en o facer aquí, aos poucos foron empatando as cousas e ao final ampliou a toda a Ría de Arousa”. O proxecto intégrase na liga que se celebra a nivel estatal “vai haber seis sesións cada ano, que é o número imprescindible que permitirá que o finalista poida acudir á final estatal. Decidimos organizar un cada mes, de vila en vila, serán cinco roldas locais e despois unha final que quero que sexa na Illa de Arousa, aínda está por fechar”. O que asista á final estatal terá a opción de recitar en castelán, con subtítulos nunha pantalla ou sen apoio de ningún tipo. (…)”.
Manuscritos: Luís Rei Núñez
Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
Cando era tempo de inverno: Polafía en Santaballa (Vilalba), o sábado 8 de decembro
O sábado 8 de decembro, ás 19:00 horas, na Escola Habaneira de Santaballa, Vilalba, e con entrada libre, terá lugar unha nova edición das Polafías, baixo o título Cando era tempo de inverno, cos seguintes participantes:
– Sina Prieto (avoa).
– Beatriz Rivas (tía).
– Beatriz Currás (nai).
– Noemí Trastoy (neta 1).
– Isabel Bermúdez (neta 2).
– Clara Naseiro (Xoana).
– Alfonso Bermúdez (fillo de Xoana).
– Modesto Riero (avó).
– Manuel Ferreiro (monxe).
– José Bermúdez (recitador).
– Andres Díaz (gaiteiro).
– Concha Ramos e Sara Ledo (narradoras).
– Antón Castro (cego).
– Idea e guión: José Manuel Bermúdez, José Manuel Felpeto e Isidro Cillero.
– Coa colaboración da Asociación de Amigos da Liga Santaballesa e o patrocinio da Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo.
As polafías son un proxecto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.




