“O legado de Casares: ponte entre a cultura galega e a universal”

“Os catro obxectivos básicos cos que se creou a Fundación Carlos Casares están vixentes e cumpríndose dez anos despois da desaparición do escritor, segundo explica o seu director, Gustavo Adolfo Garrido. Eses catro obxectivos eran e son «estudar e a difundir a obra literaria, custodiar a súa biblioteca; difundir o legado cívico; constituírse como entidade mediadora entre a cultura galega e a universal e, por último, desenvolver todo tipo de actividades tendentes a fortalecer a normalización lingüística e cultural de Galicia». Garrido apunta que a crise obriga a «priorizar» e detalla que nos últimos tres anos os presupostos da fundación pasaron «duns ingresos de preto dos 280.000 euros no 2007 e 2008 a 160.000 no 2011». A situación para a fundación está agravada pola «creba das caixas, a caída do nivel empresarial e os recortes das Administracións; calquera pode facerse unha idea do panorama». Este ano aínda non saben con cantos fondos contarán. O director da fundación apunta que «haberá menos actividades, pero as nucleares da fundación tentaremos mantelas».
En canto á imaxe de Carlos Casares para a sociedade de hoxe, Garrido cre que hai dúas franxas ben marcadas: «As persoas maiores de 40 anos teñen unha idea clara de quen era e as de menos desa idade teñen xa unha noción menos completa. Saben que é un escritor que deu á literatura galega fermosas páxinas, pero descoñecen outras facetas». Garrido considera que «agora», dez anos despois, «cómpre facer un esforzo extra para garantir que se mellore este coñecemento, pola súa memoria». Neste sentido, apunta o director da fundación que se reciben con «agrado» as iniciativas de propoñer a Casares para o Día das Letras Galegas. Significan un cariño inmenso en toda esa xente que está detrás da petición e que non podemos facer máis que apoiar», conclúe.” Vía La Voz de Galicia.

Santiago: presentación de A cidade na poesía galega do século XXI

O xoves 8 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro A cidade na poesía galega do século XXI, publicado en Toxosoutos. No acto interveñen Yolanda Castaño e Manuela Palacios.

Longa noite de pedra inicia as edicións bilingües de Celso Emilio

“A conmemoración de Celso Emilio Ferreiro é dobre ao longo deste ano. Dunha banda está o centenario do seu nacemento, e doutra, o 50.º aniversario do que é o seu libro máis universalmente coñecido, Longa noite de pedra. Auga Editora e mais a Secretaría Xeral de Cultura presentaron a que será primeira das traducións deste libro que se editarán ao longo deste ano. Esta primeira edición, en galego e mais en castelán, é un libro «coidado e rigoroso» co fin de ampliar lectores para o escritor de Celanova. Nos vindeiros meses, dúas novas edicións bilingües achegarán esta obra a outros públicos. Unha delas, galego-inglés, que se publicará dentro da colección Galician Classics da propia Xunta de Galicia. A outra compartirá galego e francés e aparecerá no catálogo de Editions L’Harmattan. Este achegamento da obra de Celso Emilio Ferreiro a outros idiomas estará respaldado por algunhas actividades de difusión, como será a presentación do volume na Feira do Libro de Bos Aires e a doazón de exemplares para a sección de galego da biblioteca desa cidade. (…)” Vía La Voz de Galicia.

Elías Portela: “A democracia xa nos deixou ben claro que, para o pobo, o galego non importa en absoluto”

Entrevista a Elías Portela en Dioivo:
“Elías Portela propuxo unha viaxe manuelantoniana á procura de novos horizontes no seu poemario O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido, orixinalmente escrito en islandés e traducido despois ao galego. E conseguiu ser recoñecido como un dos tres autores máis destacados da poesía islandesa, na que se presentou baixo o pseudónimo de Elías Knörr. Non só iso: é que abriu novos camiños para a nosa literatura. Respondeu as nosas preguntas por mail desde Islandia, país ao que emigrou hai xa uns anos.
– Dioivo: Como é, en Galicia, a recepción da túa obra, en comparación con Islandia? Cres que estar fóra che dá outra perspectiva da literatura que se fai aquí?
– Elías Portela: A recepción foi moito mellor do que eu esperaba. O Mariñeiro explica moitas cousas de Cos peitos desenchufados, así que o libro ten certos valores intertextuais en galego que non ten só en islandés, e despois de publicar unha escolma en PoesíaGalega.org era unha tradución esperada. O que máis notei foi un cambio moi grande na actitude cara o meu traballo. Antes o que máis pesaba eran as curiosidades anecdóticas da vida do autor ou en pronunciar “Eyjafjallajökull”, e non a obra en si. Tamén hai que contar con que en Islandia só se me coñece por unha única obra. En islandés comecei publicando poemas soltos nunha revista de prestixio, e tiven a sorte inmensa de que Úlfhildur Dagsdóttir publicou un artigo estupendo en Literature.is. Se a isto lle unimos o da UK Poetry Review, de repente déuselle un valor á miña poética que non esperara. Na Galiza sigo desenchufado, o cal me proporciona máis liberdade creativa e non teño que escribir pensando en ninguén. Incluso podo chegar a ser irreverente, máis ca en Islandia. (…)”

Ramón Caride gaña o premio á mellor novela independente do 2011 da revista online El Templo de las Mil Puertas

“Esta es la tercera edición de los Templis de la conocida revista online de literatura juvenil El Templo de las Mil Puertas, un premio a las mejores novelas juveniles de 2011 dividido en cuatro categorías. En la de “mejor novela independiente nacional“, ha resultado ganadora El frío azul, de Ramón Caride (colección Espacio Abierto), “por su cuidada redacción, sus elaboradas descripciones y la intriga que mantiene la trama hasta el final”. Desde la editorial, agradecemos enormemente a los redactores de El Templo que nos hayan concedido esta distinción, y os anunciamos que el día 9 de marzo, a las 18:00 horas, se entregarán los premios en la Fnac Callao de Madrid. Estarán presentes varios autores para recoger sus galardones, y alguna otra sorpresa que nos anuncian desde la revista.” Desde Anaya. A obra é a versión en castelán do orixinal galego O frío azul.

O Cullarapo croque, iniciativa do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar

Damos noticia desta iniciativa do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar solicitando o apoio para O Cullarapo croque, libro de poemas para nenos e nenas escrito por Miguel Ángel Alonso e con ilustracións de Luz Beloso. Máis información en Verkami.

Bueu: presentación de Infancia de vacas mortas, de Daniel Costas

O mércores 7 de marzo, ás 20:30 horas, na Libraría Abrente (Avenida de Montero Ríos, 167) de Bueu, terá lugar a presentación e un recital poético da obra Infancia de vacas mortas, de Daniel Costas, publicada en Barbantesa. O recital estará acompañado dunha proxección de imaxes e música.

Ourense: presentación de Santos Júnior e os Intelectuais galegos, de Isaac Alonso Estraviz

O mércores 7 de marzo, ás 19:00 horas, no Museo Municipal de Ourense (Rúa Lepanto), preséntase Santos Júnior e os Intelectuais galegos, de Isaac Alonso Estraviz, publicado pola Fundaçom Meendinho. Crónica da presentación en Torre de Moncorvo, Portugal no Portal Galego da Língua.