Pontevedra: presentación-debate de Verbas no ar, de Iria Morgade

O venres 9 de marzo, ás 19:30 horas, na Libraría Paz (Rúa da Peregrina, 29) de Pontevedra, terá lugar unha presentación-debate sobre a novela Verbas no ar, de Iria Morgade, obra gañadora do VII Premio Biblos. Este encontro pretende crear un lugar de debate, de encontro de ideas e de reflexión. O encontro comezará cunha breve proxección documental, seguido dun pequeno diálogo coa novela.

Lugo: inauguración da exposición Colmeiro. Paisaxe que sabe a pan

O venres 9 de marzo, ás 20:00 horas, no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo (Praza Maior, 23), e co apoio da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo e da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, inaugúrase a exposición Colmeiro. Paisaxe que sabe a pan, comisariada por Carlos López Bernárdez. A mostra, que estará aberta ao público entre os días 9 ao sábado 24 de marzo, en horario de 15:00 a 22:00 h. complétase coa publicación dun catálogo con textos de Aurelia Balseiro, Antonio Bonet Correa e Carlos L. Bernárdez.

Santiago: presentación de Sherezade. Novos relatos de pensamento creativo, de Carlos L. Medrano

O venres 9 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase Sherezade. Novos relatos de pensamento creativo, de Carlos L. Medrano, publicado en 3C3 Editores No acto intervirán, xunto ao autor, Pilar Ponte Patiño e Antonio Puentes Chao.

Chantada: presentación de O penalti de Fuco, de Afonso Eiré

O venres 9 de marzo, ás 20:30 horas, no Círculo Recreativo e Cultural (Casino) de Chantada, preséntase a novela O penalti de Fuco, de Afonso Eiré, publicado en Baía Edicións. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Manuel Rodríguez Aguiar, Kiko Novoa e Patricia Gómez Uzal.

Lugo: conferencia de Teresa Moure na inauguración de A arte de ser muller nun mundo por compartir 4.0

O xoves 8 de marzo, Día Internacional da Muller, inaugúrase ás 20:00 h., na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo) A arte de ser muller nun mundo por compartir 4.0, que baixo a organización da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, e até o 8 de abril, desenvolverán un amplo programa de actividades artísticas multidisciplinares nos catro museos que conforman a Rede Museística Provincial de Lugo. Trinta e unha mulleres e un home, artistas, compartindo un obxectivo a prol da igualdade de xéneros: facer máis visíbel a muller dentro do mundo da arte. Dentro dos actos previos á inauguración, terá lugar, ás 19:00 horas, unha conferencia de Teresa Moure no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, baixo o título Muller e literatura.

Ramón Otero Pedrayo: unha homenaxe a Noriega Varela

Desde Cultura Galega:
“O 19 de outubro de 1967 Ramón Otero Pedrayo impartiu a conferencia Homenaxe a Noriega Varela durante as festas do San Lucas de Mondoñedo. Aquí pódela escoitar enteira, tal e como foi gravada, coa vibrante oratoria de Ramón Otero Pedrayo definindo a vida e obra do poeta lugués. A gravación foi recuperada por Manuel Rico nos arquivos de Radio Nacional na Coruña.”

Ramón Nicolás: “Sorprende a amizade entre Celso Emilio e Cela”

Entrevista a Ramón Nicolás en Dioivo:
“O crítico literario e investigador Ramón Nicolás publicará a finais de maio a súa agardada biografía de Celso Emilio Ferreiro. A obra atópase en proceso de maquetación e a Editorial Xerais pretende lanzalo ás librarías galegas a finais de maio e iniciar as presentacións na Feira do Libro do Vigo. Polo momento, a obra de Nicolás non ten un título definitivo, mais a editorial manexa como provisional Celso Emilio Ferreiro. No rodicio da vida. Esta será unha biografía de gran dimensión, apoiada nunha ampla documentación e que busca diferenciarse doutras obras xa realizadas sobre a vida do poeta celanovés. “Non quixen facer unha biografía literaria como a que realizou o profesor Xesús Alonso Montero. Neste libro sacrifico o que sería tecer interpretacións sobre as obras literarias para centrarme no seu mundo, na súa vertente máis persoal e vital”, explica Ramón Nicolás. (…) A estrutura do libro responde a unha biografía ao uso baseada nunha diversa documentación, pero o autor permitiuse certas licenzas para ir un pouco máis alá. “Trátase dunha biografía canónica, con moitos documentos e que segue unha liña cronolóxica. Pero, ao mesmo tempo, intercálase algún capítulo que relata momentos da vida de Celso Emilio Ferreiro cun xeito ficcional”, admite Ramón Nicolás (…).
Para elaborar a biografía, Ramón Nicolás -investigador que leva anos furando na vida e obra de Celso Emilio- mergullouse nun amplo conxunto de documentos, gran parte cedidos pola Fundación Celso Emilio Ferreiro. Entre eses pegadas do pasado, o biógrafo tamén tivo acceso á correspondencia do escritor. “Consultei o epistolario que el tiña, conservado no seu arquivo. Aí había unha gran serie de cartas que revelan moitas cousas do seu ámbito privado”, explica Nicolás, quen puido acceder principalmente ás cartas recibidas por Celso Emilio, xa que o poeta non adoitaba facer copias das que el enviaba. A través da correspondencia, Ramón Nicolás realiza unha análise da evolución ao longo dos anos das relacións que mantivo con determinados persoeiros. Cunqueiro, Luís Seoane ou Fernández del Riego foron algunhas das persoas coas que máis carteou. Non obstante, un nome que destaca entre todos pola longa relación e a sorprendente amizade é o de Camilo José Cela. “Como investigador, a relación entre Cela e Celso Emilio foi a que máis me sorprendeu. As cartas comezaron a finais dos corenta. Estableceuse unha amizade perenne, sen ningún conflito pese as diferenzas de carácter ideolóxico e político que mantiñan”, explica Nicolás. (…)”.

A Estrada: presentación de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco

O xoves 8 de marzo, ás 20:00 horas, na sala de exposicións de Novagalicia Banco da Estrada, a Asociación Cultural Vagalumes, con motivo do Día Internacional da Muller, realizará un acto de presentación do libro da profesora Aurora Marco Mulleres na guerrilla anfranquista galega, no que se proxectarán imaxes do documental As silenciadas, de Pablo Ces. No acto, xunto á autora, intervirá Francisco Pillado.

Kristina Berg: “Carlos Casares non só deixou orfos os seus fillos, tamén a cultura galega”

Entrevista a Kristina Berg, viúva de Carlos Casares, en Praza:
“(…) – Praza (P): Como é o balance da Fundación Carlos Casares nestes dez anos?
– Kristina Berg (KB): A Fundación ten feito até hoxe un traballo moi importante. Non tanto en divulgar a figura de Carlos, pero si en seguir os seus pasos e darlle continuidade aos seus proxectos. Neste tempo sempre buscamos salvagardar os principios de Casares e quixemos facelo cun comportamento cívico. Coido que o traballo da fundación axudou á cultura galega na medida en que organizamos moitísimos encontros internacionais nos que participaron xentes de moitas culturas. Todos os que pasaron por eses encontros marcharon con boas impresións de Galicia. É un proxecto que fixemos posible entre todos coa axuda xenerosa de tantas institucións e colaboradores. Moitas persoas prestan o seu coñecemento e o seu tempo no desenvolvemento desta fundación.
– P: Conservan materiais inéditos nos fondos da Fundación Carlos Casares que se vaian publicar proximamente?
– KB: Estamos niso. Quedou un arquivo de Carlos desordenado. Nestes anos, apareceron papeis por todos lados. Hai moitos manuscritos e aínda hai persoas que están clasificando todo o material. É moi posible que haxa textos inéditos que se poidan aproveitar. Carlos sempre estaba escribindo. Se quedou algo, quedou porque Carlos Casares quería publicalo.. Hai posibilidades de que sexa así. Se hai algo e se se decide publicar, será algo que dependerá dos seus amigos máis próximos e, sobre todo, dos fillos. Eles terán que decidir sobre ese asunto. (…)”

Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, presentación do xoves 8

Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.

– O xoves 8 de marzo, ás 18:30 horas, na Sala de exposicións, preséntase o libro O rei da floresta, de Adela Figueroa, publicado por Edicións do Castro.