En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL

EN DEFENSA DO TRABALLO XUSTO E ILUSIONANTE DOS SNL

“No comunicado feito público pola Coordinadora de Traballadores pola Normalización Lingüistica [pódese descargar no título deste texto] declárase que o traballo dos SNL procura «avanzar no consensuado proceso de normalización da lingua galega» e que estes desenvolven un labor «necesario, xusto e ilusionante de fomento do galego no nivel de contacto máis directo coa cidadanía». Así, indícase, os SNL «contribúen a difundir do xeito máis próximo entre a poboación, por exemplo, as creacións culturais galegas, desenvolven accións de dinamización da lingua, achéganlle á poboación máis nova alternativas de lecer en galego, difunden e xestionan cursos de formación en lingua galega, velan pola calidade lingüística e comunicativa das institucións, velan pola garantía dos dereitos lingüísticos, etc.».
Sinálase que «aínda que a situación dos SNL é moi precaria, chegar a ela significou un proceso de anos que non podemos botar por terra», e denúnciase a suspensión das axudas para a normalización lingüística desde os concellos por parte da Xunta en 2011 ou a drástica redución das axudas por parte da Deputación da Coruña, o que pon en perigo moitos dos SNL existentes, dos que ao remate de 2011 xa pecharon 16 por estes motivos.
Desde xeito, no comunicado demándase da Xunta que asuma a súa competencia de «impulsar e coordinar os SNL e de colaborar co fomento do uso do galego nos concellos, para o que debe dedicar os suficientes recursos económicos e materiais de xeito estábel». Para iso, proponse que «se cree unha estrutura real e coordinada de SNL que abranga o conxunto do país». Proponse tamén que, tanto concellos como Xunta, dediquen o 0,3% do seu orzamento xeral ao fomento da lingua, investindo eses recursos en «accións de fomento do galego e en servizos técnicos para planificar e xestionar o proceso de normalización lingüística». Neste momento son moi poucos os concellos que chegan a esa porcentaxe, e a Xunta de Galicia nin sequera chega ao 0,1% (dedícalle en 2012 o 0,09% do seu orzamento xeral á política lingüística, mentres en 2005 lle dedicaba máis do dobre, o 0,23%).

Apoian o comunicado:
Real Academia Galega (RAG).
Instituto da Lingua Galega (ILG).
Deputación de Lugo.
Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña (UdC).
Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo.
Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Associaçom Galega da Língua (Agal).
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
A Mesa pola Normalización Lingüística.
-Concellos de Betanzos, Carballo, Carral, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Culleredo, Narón, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Salceda de Caselas, Teo, Vimianzo…”

Luz Darriba gaña o XIV Certame de Narración Curta Ánxel Fole

“O xurado do XIV certame de Narración Curta Ánxel Fole que organiza a Concellería de Cultura de Lugo reuniuse esta tarde e outorgou tres primeiros premios: Luz Darriba (residente en Bruxelas), polo relato Monstros; Mercedes Leobalde (de Carral), pola obra Fáltasme; e Ana María Galego (de Ferrol), por Neiges d’antan.
O tenente-alcalde, o nacionalista Antón Bao, anunciou que os relatos gañadores serán publicados, ou ben nunha edición con relatos doutros certame ou só os deste ano. Todo, dixo, dependerá dos orzamentos. O xurado estivo integrado polos escritores lucenses Marica Campo, Antonio Reigosa e Xoán R. Cuba.
Os membros do xurado destacaron a calidade dos relatos e o notable éxito de participación, pois concorreron un total de 59 traballos. Os premios outorgados son de 1.500, 1.000 e 500 euros, respectivamente a cada autor.” Vía La Voz de Galicia.

A Coruña: presentación de Xaime Quintanilla Martínez, de Carlos Pereira e Ana Romero

O venres 17 de febreiro, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, preséntase o libro Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República, de Ana Romero Masiá e Carlos Pereira Martínez, Premio Luís Tilve de Investigación e Divulgación Histórica 2011. No acto participan Xesús Mosquera Sueiro, Felipe Senén e os autores.

Betanzos: presentación de O escano baleiro, de Xulio L. Valcárcel

O venres 17 de febreiro, ás 20:30 horas, na Sala Azul do Edificio Liceo de Betanzos, preséntase o libro O escano baleiro. No Courel con Uxío Novoneyra, de Xulio López Valcárcel, publicado por Biblos Clube. No acto, xunto ao autor, participa Alfredo Erias.

Coñécense os finalistas do Premio Arcebispo San Clemente

“O 18º Premio Literario Arcebispo San Clemente, que fallan os alumnos de Bacharelato do Instituto Rosalía de Castro de Santiago e doutros catro centros de Galicia, xa conta con finalistas nas tres modalidades de novela galega, en castelán e estranxeira. En lingua galega as obras finalistas son: A Veiga é como un tempo distinto, de Eva Moreda; O bebedor de rakia, de Xesús Manuel Marcos; e Extramunde, de Xavier Queipo -as tres editadas por Xerais-. As finalistas en lingua castelá son: Caligrafía de los sueños, de Juan Marsé (Lumen); El ruido de las cosas al caer, de Juan Gabriel Vásquez (Alfaguara); e Deseos, de Marina Mayoral (Alfaguara). En lingua estranxeira: Sete anos, de Peter Stamm (Cantil); O mapa e o territorio, de Michel Houellebecq (Anagrama); e Purga, de Sofi Oksanen (Rinoceronte). A entrega dos premios aos gañadores da anterior edición (Xulia Alonso, Eduardo Mendoza e Colm Tóibín) terá lugar o 22 de marzo.” Vía La Voz de Galicia.

Galaxia prevé abrir unha delegación en Arxentina

“A histórica editorial Galaxia prevé abrir un selo subsidiario en Arxentina, co que quere colaborar con editoras de Sudamérica. Así o anunciaba o flamante presidente da empresa, Benxamín Casal, quen adiantou que o proxecto, localizado en Bos Aires, quere tamén acoller publicacíóns sobre o exilio e dos fillos de exiliados. Segundo adianta El Progreso, a intención da firma viguesa é botar a andar o proxecto este mesmo ano.” Vía Cultura Galega.

Gondomar: faladoiro Galicia: país sen santas, por Ofelia Rey Castelao

O venres 17 de febreiro, ás 20:30 horas, na sede do Instituto de Estudos Miñoranos, na Aula de Cultura Ponte das Rosas (Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, terá lugar unha nova Tertulia do IEM coa catedrática de Historia Moderna da Universidade de Santiago, Ofelia Rey Castelao. O faladoiro terá por título Galicia, país sen santas: Monxas e beatas na Idade Moderna, sendo presentada por Xosé Lois Vilar.

Ramón Otero Pedrayo repasa a vida e obra de Ramón Cabanillas

Desde Cultura Galega:
“O Arquivo Sonoro de Galicia editou en 1996 o noveno volume da colección As Nosas Voces. Trátase dunha maxistral conferencia de Ramón Otero Pedrayo sobre a vida e a obra do poeta Ramón Cabanillas pronunciada no Centro Galego de Madrid en 1964. A conferencia permite apreciar a impresionante oratoria de Otero Pedrayo. O intelectual foi presentado por Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Sey), aínda que a súa voz non foi gravada.”

Parlamento das letras: Xosé Ramón Pena

Entrevista de Armando Requeixo a Xosé Ramón Pena no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?
– Xosé Ramón Pena (XRP): Son moi ecléctico niso. Ademais, por motivos profesionais, leo moita historia e historia da literatura. Por puro e duro pracer, leo cousas moi variadas. ¿Regresar con quen? Sempre con García Márquez —aínda que estilisticamente non me interesa nada; quero dicir, ten un estilo tan marcado que se pretendes imitalo, afogas—, Joseph Roth, John Le Carré, o xenial Conrad, London… e dos nosos, sempre Blanco Amor e Ferrín.
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– XRP: ¡O que lles falta é público! Hai xente que escribe moi, pero que moi ben. ¡O que lles sobra é esnobismo e a falta dunha crítica realmente crítica que separe de vez o trigo da palla! (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XRP: O que dicía máis arriba: hai xente que escribe moi ben, que, realmente, fai unha literatura de primeira. Desafortunadamente, a canda dela hai —mesturados todos nun caixón de xastre/desastre— cousas absolutamente infumables. A crítica —ou certos críticos— teñen o gusto estragado ou carecen do que hai que ter para peneirar voces e ecos, o que é decente do que é puro esnobismo. Iso impide que se consolide un público, á súa vez, con criterios formados, que todo pareza o mesmo e que, en consecuencia, cadaquén se poida situar onde lle corresponde. Pero, repito: non é problema dos escritores, senón daquilo que os rodea, ¡quede claro!”.