Ferrol: conferencia de Xulio López Valcárcel

O xoves 16 de febreiro, ás 19:30 horas, no salón de actos da Aula UNED de Ferrol (Rúa María, 52-54), e dentro do ciclo de conferencias As miñas lecturas favoritas, Xulio López Valcárcel falará sobre Poesía, de Celso Emilio Ferreiro, O deserto dos tártaros, de Dino Buzzati (versión galega de Xavier Rodríguez Baixeras) e Herba aquí e acolá, de Álvaro Cunqueiro.

Santiago: presentación de Criticalia, de Armando Requeixo

O xoves 16 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Criticalia, de Armando Requeixo, publicado por Sotelo Blanco. No acto, acompañando ao autor, participan Luís Alonso Girgado, Claudio Rodríguez Fer e Olegario Sotelo Blanco.

Xesús Ferro Couselo e o nacemento de Ourense

Desde Cultura Galega:
“No ano 1968, o intelectual ourensán Xesús Ferro Couselo impartiu esta conferencia, Orixe e formación da cidade de Ourense, como parte da programación inaugural da Agrupación Cultural Auriense. A conferencia foi gravada por Carlos Guitián. Trátase do volume 8 da colección As nosas voces, publicada polo Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega no ano 1996.”

Vigo: presentación de Dramatículas, de Afonso Becerra

O mércores 15 de febreiro, no Teatro de Arte Livre (Rúa Vázquez Varela, 19), de Vigo, preséntase o libro Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá, publicado en Laiovento. No acto, xunto ao autor, participan Marta de Sinllán e Manuel F. Vieites, contando tamén coa actuación teatral de María Roja, Roberto Cordovani e Javi Toste.

Santiago: presentación de Acuática alma, de Marta Dacosta

O mércores 15 de febreiro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o poemario Acuática alma, de Marta Dacosta, publicado en Espiral Maior. No acto, xunto á autora, participan Teresa Moure e Miguel Anxo Fernán-Vello.

Santiago: homenaxe a Isaac Díaz Pardo

O mércores 15 de febreiro, ás 19:30 horas, terá lugar unha homenaxe a Isaac Díaz Pardo no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. No acto, presentado por Xosé Ramón Fandiño, intervirán Rosa Aneiros, Inma López Silva, Charo Portela e Luz Pozo. Posteriormente proxectarase un vídeo realizado por Xaime Fandiño, e Luís Soto fará unha homenaxe musical.

Coñécense os finalistas dos Premios da Edición

Desde a Asociación Galega de Editores:
“O pasado 10 de febreiro rematou o prazo de entrega das votacións dos editores para os Premios da Edición do ano 2011. Os libros, autores e iniciativas pasarán agora á fase do xurado, integrado por Xosé Manuel Eyré, crítico; Isabel Ares, libreira; Montse Dopico, xornalista; Juan Blanco Valdés; editor; e Mari Luz Corral, bibliotecaria. O día 9 de marzo no Hotel A quinta da auga, en Santiago, e no transcurso da gala da edición, serán feitos públicos os gañadores das distintas categorías, recibindo o tradicional galardón da AGE, consistente nunha peza de prata.

LIBROS FINALISTAS PREMIOS DA EDICIÓN FASE DO XURADO

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE FICCIÓN
Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz, editado por Xerais.
Deus xogando aos dados, de Fernando Méndez, editado por Sotelo Blanco.
Extramunde, de Xavier Queipo, editado por Xerais.
Centauros do deserto, de Marcos Calveiro, editado por Rodeira Edebé.

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE POESÍA
Poesía completa de Lois Pereiro, de Lois Pereiro, editado por Xerais.
Bretemada 1917-1922, de Gonzalo López Abente, editado por de Alvarellos Editora.
Un mundo de mulleres, de Carmen Blanco, editado por Biblos.
O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido, de Elías Knörr, editado por Edicións Barbantesa.

PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE NON FICCIÓN
Conde Corbal. Obra gráfica, de varios autores, editado por Nova Galicia Edicións.
Guía das libélulas de Galicia, de Miguel Ángel F. Martínez, editado por Baía Edicións.
Loita de clases e represión franquista no mar , de Dionísio Pereira, editado por Xerais.
A guerra civil en Galicia e en España, de Federico Cocho, editado por Xerais.
A novísima dereita, de Manuel M. Barreiro, editado por 2.0 Editora.
Como defenderes os teus dereitos lingüisticos, de Carlos Callón, editado por Xerais.
O escano baleiro. No Caurel con Uxío Novoneyra, de Xulio Valcárcel, editado por Biblos .
As mulleres na Galicia do século XX, de Jesús de Juana e outros, editado por Ir Indo.
Amigos e sodomitas, de Carlos Callón, editado por Sotelo Blanco Edicións.
Vigo a 80 revolucíóns por minuto, de Emilio Alonso Pimentel, editado por Xerais.

PREMIO LOIS TOBÍO AO LIBRO TRADUCIDO
1Q84 Libros 1, 2, 3, de Haruki Murakami, traducidos por Mona Imai e Gabriel Álvarez, editado por Galaxia.
Sonetos de Shakespeare, traducido por Ramón Gutiérrez Izquierdo, editado por Xerais.
1984, de George Orwel, traducido por Fernando Moreiras, editado por Faktoría K.

PREMIO ISAAC DÍAZ PARDO AO LIBRO ILUSTRADO
Un can e un gato, ilustrado por Chené Gómez, editado por OQO Editora.
Lois Pereiro. Breve Encontro, ilustrado por Jacobo Fernández Serrano, editado por Xerais.
Fantasmas de luz, ilustrado por Miguel Anxo Prado, editado por Xerais.
Contos por teléfono, ilustrado por Pablo Otero, editado por Kalandraka Editora.

PREMIO NEIRA VILAS AO LIBRO INFANTIL E XUVENIL
O apalpador e a castaña máxica, de Xoán G. Otero, editado por Biblos.
Xa me tardan eses magos, de Mamá Cabra, editado por Galaxia.
Canto de Nadal, de Charles Dickens, editado por Kalandraka Editora.
A caza do gazafello, de Abraham Carreiro e Maties Segura, editado por Sotelo Blanco.
Alba, a princesa das sete coroas, de Amalia Pérez Otero, editado por Ir Indo.
Maxia, de Charo Pita, editado por OQO Editora.
A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, editado por Xerais.

PREMIO XOSEFA IGLESIAS VILARELLE AO LIBRO EDUCATIVO
Xeografía de Galicia, de María Xosé Piñeira Mantiñán e Manuel Santos Solla, editado por Xerais.
Isto é Nova York, de Miroslav Sasek, editado por El Patito Editorial.
As mulleres en Galicia no século XX, de Jesús de Juana e outros, editado por Ir Indo.
Diccionario de Xerais de Primaria, de Manuel Rodríguez Alonso e Xosé Feixó, editado por Xerais.
Un cadro de Velázquez, de Claire D’Harcourt, editado por Faktoría K.

PREMIO ROSALÍA CASTRO Á INICIATIVA EDITORIAL
Colección de cociña infantil e familiar, editada por Ouvirmos.
Creación do selo Pulp Books, editada por Rinoceronte Editora.
Transformación de álbums ilustrados en series de animación audiovisual Os contos do camiño e Caracois, realizados por OQO Editora.

PREMIO XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ AO AUTOR-AUTORA
Xavier Queipo.
Agustín Fernández Paz.
Antón Riveiro Coello.

A Deputación da Coruña entrega os 7 premios culturais que convocou en 2011

“A Deputación da Coruña entregou a noite do luns 13 de febreiro os sete premios culturais que convocou en 2011 durante a IV Gala da Cultura, celebrada no Pazo de Mariñán, no municipio de Bergondo, nun acto que estivo marcado polo recente falecemento do histórico galeguista Isaac Díaz Pardo. (…)
A escritora Esther Bendahan, en nome dos premiados, agradeceu á Deputación coruñesa a súa implicación por apoiar a cultura nun momento en que “os creadores parece que teñen que escusarse por decidir dedicar o seu tempo, a súa vida, á súa obra”. “É un alivio para todos nós que haxa unha vontade de resistencia, que existan premios como os que outorga hoxe esta Deputación para que os creadores manteñan a súa esperanza e continúen os seus proxectos en busca da luz”, explicou a gañadora do premio de narrativa Torrente Ballester. Ademais de Esther Bandahan recibiron os seus galardóns o grupo Pulsar, gañador do IV Concurso de Rock; Sonia Higuera, distinguida co IV Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez, e Ignacio Vilariño e Iván Suárez, gañadores do VII Premio de Cómic Castelao. Javier Martínez Campos recibiu o IX Premio de Composición Musical Andrés Gaos, mentres que galardón do XII Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo compartírono Fruela Alonso Branco, Berta Álvarez Cáccamo, Antonio Carbajo Villaverde, Víctor Hugo Costa Alonso, Xabier de Sousa Alonso, Vitoria Diehl López, Carlos Maciá Fernández, Yolanda Martínez Dorda e José Andrés Santiago Igrexas. Finalmente, o XV Premio de Teatro Rafael Dieste foi recibido por Manuel Guede Oliva.