Vigo: presentación de Vía secundaria, de An Alfaya
O
venres 28 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o libro Vía secundaria, de An Alfaya, publicado en Xerais, Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia no 2010. No acto acompañarán á autora Ramón Nicolás e Manuel Bragado.
Baiona: presentación de Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar, de Francisco Maseda
O
xoves 27 de outubro, ás 20:00 horas, no Parador de Turismo de Baiona, preséntase Galego de lei. Don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar, do historiador Francisco Maseda, publicado en Biblos. O acto contará coa presenza de Carlos Méixome (presidente do Instituto de Estudos Miñoranos) e Tucho Calvo (editor).
Vilaboa, Culleredo: obradoiro sobre tradución e creación O trasvase das augas, a cargo de Xoán Abeleira
Todos os
martes do 15 de novembro do 2011 ó 3 de xaneiro do 2012 (con posibilidade de prolongación), de 19:00 a 21:00 horas, na Biblioteca de Poesía Uxío Novoneyra, Pazo de Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), terá lugar un obradoiro sobre tradución e creación, baixo o título de O trasvase das augas, impartido por Xoán Abeleira.
O curso consta dun total de 16 horas presenciais, repartidas en 8 clases de dúas horas de duración. O prezo do obradoiro –material didáctico incluído– será de 100 euros (50 euros ó mes), a ingresar ó principio do mesmo. Está destinado a calquera persoa, en xeral, e estudantes ou afeizoados á tradución, en particular. É recomendable (mais non imprescindible) ter certos coñecementos de galego, castelán, inglés e francés, linguas que manexaremos durante o obradoiro, aínda que tamén analizaremos algunha tradución feita dende o italiano (Cesare Pavese) e o alemán (Rainer Maria Rilke). As prazas teñen un límite máximo de 15 alumnas/os. Para máis información e reservas, poden contactar co autor no número de teléfono 686397847, ou no correo xalundes@mundo-r.com.
O programa do obradoiro será enimentemente práctico, co obxectivo claro de constatar o feito de que o tradutor é tamén, e sobre todo, un creador. A partir dos seus máis de trinta anos de experiencia, tanto en galego coma en castelán, o poeta, narrador e tradutor Xoán Abeleira irá poñendo exemplos concretos de todas as clases de problemas cos que pode bater un tradutor-creador de poesía ou de prosa, e das distintas maneiras nas que estes se adoitan e/ou se poden resolver. Asemade, a segunda hora de cada clase estará dedicada a analizar e comentar as traducións que os asistentes ó obradoiro realizarán tanto individual coma colectivamente –xa que ámbalas dúas fórmulas de achegamento á tradución serán abordadas durante o cursiño.
Aquí pode descargarse a información en .pdf: O trasvase das augas, obradoiro de tradución.
Celia Díaz gaña o Premio de narración Pura e Dora Vázquez novelando as ferreirías de Quiroga
“Celia Díaz Núñez
(O Páramo, 1961) fíxose coa IX edición do Premio de narración Pura e Dora Vázquez -que xa gañou na súa primeira edición, no 2004-, na súa modalidade de narración, que convoca anualmente a Deputación de Ourense e que está dotado cun premio de 3.000 euros. O texto premiado, Rugando, sitúase neste lugar de Quiroga, e a autora parte da base histórica do funcionamento das antigas ferreirías para constuir un relato de intriga. Como explicou, a obra estrutúrase, fundamentalmente, en dúas partes. A primeira sitúase no presente e os protagonistas son un grupo de xornalistas da TVG que se trasladan a Quiroga para realizar un documental sobre a elaboración do ferro. En pleno labor, atoparanse cun misterio, que Díaz Núñez, obviamente, non quixo desvelar. Na segunda parte da novela, o lector viaxará ata o século XIX, cando un monxe de Samos chega a Rugando para administrar a ferreiría. É precisamente nesta época onde se fragua o misterio que percorre a obra. “Logo hai un epílogo breve non que esas dúas épocas únense para resolvelo”, resume a escritora. (…)”. Vía El Progreso.
Santiago: presentación de Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial, de María Xosé Queizán
O
xoves 27 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa da Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial, de María Xosé Queizán, publicado en Xerais. O acto, no que acompañarán á autora Pemón Bouzas e Manuel Bragado.
Lalín: presentación de Sermos Galiza
A quinta feira, xoves 27
de outubro, ás 20:30 horas, na Casa Museo Ramón María Aller (Rúa Ramón Aller, 9) de Lalín, terá lugar a presentación do proxecto Sermos Galiza, con Nemésio Barxa, Néstor Rego e Olalla Rodil.
A Coruña: presentación de Haberá primavera, de César Morán
O
xoves 27 de outubro, ás 20:00 horas, no salón de actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar a presentación do libro-disco Haberá primavera, de César Morán, na que o escritor e músico canta a Álvaro Cunqueiro, publicada en Galaxia. A obra, na que participou Uxía, vai acompañada de dous Cds, un coa música e outro coa derradeira entrevista concedida en vida polo autor de Mondoñedo, precisamente, a César Morán.
Betanzos: presentación de No papel que mudo escoita, de Baldomero Iglesias, Mero
O
xoves 27 de outubro, ás 20:30 horas, no Salón Azul do Edificio Arquivo de Betanzos, terá lugar a presentación do libro de poemas No papel que mudo escoita, de Baldomero Iglesias, Mero. No acto, organizado pola A. C. Eira Vella, interveñen: Xulio Xiz, Alfonso Branco, David Otero, Alfonso Sanmartín e Sabela Arias, acompañando ao autor, xunto á actuación musical de Miro Casabella.
Xavier Queipo: “O meu é a psicoanálise permanente, analízome parcialmente a través dos meus personaxes”
Entrevista
a Xavier Queipo en Atlántico Diario:
“-Atlántico Diario (AD): O Premio Xerais de Novela é un bo agasallo para estes 20 anos?
– Xavier Queipo (XQ): Os premios teñen varios compoñentes. Está o económico, que ven moi ben, sobre todo o de Xerais que é o máis alto en lingua galega con 25.000 euros. Pero tamén está a visibilidade que dan ao libro. Fai que un escritor que vive no estranxeiro dende hai 23 anos e que non pode acudir ás comidas e encontros, poida figurar.
– AD: Para un escritor é necesario formar parte da vida social?
– XQ: É importante porque podes falar coa xente, comunicarte cos compañeiros e planear colaboracións. Agora hai un explosivo interese por unha persoa que leva 20 anos traballando.
– AD: Qué supón escribir en galego e vivir no estranxeiro?
– XQ: Eduqueime en castelán. Son da xeración de Antón Reixa ou Manolo Rivas. Cando eu cheguei a Bélxica pensei que non tiña que perder o galego. Así na miña vida cotiá falo francés e inglés; pero para escribir uso o galego, que é a lingua que se fala na miña casa en Bruxelas. Non é difícil. Estes estudios déronme base técnica dabondo para traballar nunha institución europea de 8:30 a 19:00 horas. Despois boto o pecho e adícome a escribir, a reflexionar sobre o papel en novela e contos. Tamén estou nun colectivo poético en Bruxelas co que gañamos o Premio do Libro Europeo.
– AD: De que reflexiona ao escribir?
– XQ: Axúdame a desconectar. É unha psicoanálise permanente, analízome parcialmente nos personaxes. Consigo o equilibrio, e son do 50% que non tomo tranquilizantes.”
