Ramón Nicolás: Textos: «Problemas da crítica literaria», por Carlos Casares
Texto
de Carlos Casares recollido por Ramón Nicolás no seu blogue, Caderno da crítica:
“Estrea o caderno da crítica unha subsección titulada Textos, que achegará referencias de variada índole vinculadas co exercicio ou a práctica da crítica literaria, e cuestións máis ou menos próximas. A desculpa para comezar ofrécema o web da Fundación Casares que, hai uns días, recuperou un texto do autor de Vento ferido publicado orixinalmente na sección A ledicia de ler que mantivo en La Voz de Galicia durante algúns anos. O artigo, titulado Problemas da crítica literaria, viu a luz o 12 de febreiro de 1978, isto é, hai case trinta e catro anos e resulta, ao meu ver, moi útil tanto para trazar a historia da crítica literaria galega como para realizar un exercicio comparativo do camiño andado desde aquela até hoxe. É un tanto impensable para hoxe o comezo, que Casares emprega como pretexto, no que se dá conta dun comunicado subscrito por cinco asociacións no que se pon en dúbida a honestidade e independencia da crítica literaria ao non se ocupar dun determinado autor ou libro; asemade o artigo é, sen dúbida, fillo do seu tempo, pois a vinculación que se establece entre o exercicio da crítica e a súa filiación con agrupacións e partidos políticos resulta, hoxe en día, igualmente sorprendente, como o son as propostas que fai da «eliminación do analfabetismo literario» e mais a demanda «dun tratamento libre da realidade». Un texto, reitero, moi interesante que se pode ler integramente premendo aquí e que axuda, como dixen arriba, a avaliar os avances nestas angueiras, se os houbo, de onte a hoxe. Grazas á Fundación Carlos Casares por esta achega.”
A Coruña: conferencia Johán Manuel Pintos, a súa obra poética dispersa, por Carme Ríos Panisse
O
martes 7 de febreiro, ás 20:00 horas, na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, Carme Ríos Panisse falará, dentro do ciclo Língua, Literatura e Naçom da Agrupaçom Cultural O Facho sobre Johán Manuel Pintos, a súa obra poética dispersa.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra este sábado, 4 de febreiro, a súa Asemblea Xeral de Socios/as
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrará mañá sábado día 4 de febreiro a súa Asemblea Xeral de socios/as, ás 11:00 h. en primeira convocatoria e 11:15 h. en segunda convocatoria, no Salón de Actos do compostelán Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval).
Ao final da Asemblea, previsto para as 12:30 h., e no mesmo salón de actos, o Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e a Secretaria xeral, Mercedes Queixas Zas, ofrecerán unha ROLDA DE PRENSA para dar conta de:
• Os pronunciamentos da Asemblea sobre as vindeiras actividades da entidade.
• O apoio da AELG á asignación do nome “Curros Enríquez” á nova estación de tren de Ourense.
Parlamento das letras: Agustín Fernández Paz
Entrevista
de Armando Requeixo a Agustín Fernández Paz, publicada no seu blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Agustín Fernández Paz (AFP): Faltan dous elementos esenciais: máis lectores e unha industria cultural máis potente.
Fannos falta máis lectores, porque os libros en galego non chegan a unha boa parte dos seus potenciais destinatarios. Porque os libros están invisibilizados (en cantas librarías non os hai ou andan amoreados no curruncho del gallego!), porque existen prexuízos arredor da lectura en galego, porque unha parte deses potenciais lectores non ten (ou teme non ter) a competencia necesaria para ler en galego, porque nos medios de comunicación non se trata co coidado que merece a literatura feita na lingua de noso, porque o número de bibliotecas e a súa dotación é moito menor do que debería ser, porque é case inexistente a promoción da lectura como unha política pública imprescindible…
Coa petición dunha industria cultural máis potente, refírome a un tecido editorial que non estea exposto a situacións difíciles como a actual, cun goberno que dá a sensación de querer afogar todo o que signifique un pulo das manifestacións culturais en galego. Unha industria cultural que conte cun tecido que permita proxectos ambiciosos, a promoción interior e exterior, a tradución do máis relevante que se publique polo mundo, etc. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– AFP: Creo que non leo tanto como para dar unha opinión cunha certa base, son moitos os libros que van quedando fóra do meu alcance. Con todo, non dubido en valorar de xeito positivo o panorama literario actual. Cada ano aparecen uns poucos libros de alta calidade (no ensaio, na poesía, na narración, no escaso teatro que se publica) e aparecen tamén outros títulos que, en circunstancias normais, poderían ter ampla difusión social. Creo que non desmerecemos en relación con outras literaturas europeas, nin moito menos.
A nosa eiva está nas facetas que non son propiamente a creación, mais que inflúen nela, comezando pola existencia dunhas elites político-sociais-económicas alleas á riqueza literaria. Non termos un estado detrás, como lle ocorre a outras literaturas pequenas en tamaño, é unha carencia que se constata cada día.”
Vigo: coloquio de Francisco Castro sobre a súa novela In vino veritas
O
luns 6 de febreiro, ás 18:30 horas, no IES de Valadares de Vigo, o escritor Francisco Castro falará sobre a súa novela In vino veritas co alumnado do centro educativo.
A Coruña: Estíbaliz Espinosa e Yasuhiro Yotsumoto no ciclo Poetas Di(n)versos
O
luns 6
de febreiro, ás 20:30 horas, na Sala Polivalente do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n., continuación da Rúa Mosteiro de Caaveiro) da Coruña, terá lugar unha nova edición de Poetas Di(n)versos, ciclo dirixido por Yolanda Castaño, no que participarán Estíbaliz Espinosa e o poeta xaponés Yasuhiro Yotsumoto (Osaka, 1959), quen ofrecerá distintas mostras de recitado clásico nipón seguidas de traducións ao galego.
Xuño, Porto do Son: presentación de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, e proxección de As silenciadas
O
sábado 4 de febreiro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura (Lugar da Agra, s/n, a carón do Centro de Saúde) de Xuño (Porto do Son), preséntase o libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, publicado en Laiovento. No acto, en que se proxectará o documental As silenciadas, de Pablo Ces, e organizado pola A. C. Barbantia, participarán, xunto á autora do libro, Pablo Ces e Xesús Laíño.
Rebelión na charca, de Miro Villar, está a chegar ás librarías
“Publícase
o conto infantil rimado intitulado Rebelión na charca, de Miro Villar, en Sotelo Blanco Edicións, con ilustracións de Ana Santiso (pódese ollar un adianto, sen o texto rimado, na bitácora da ilustradora)” Desde o blogue do autor, Crebas.
Xerais acada dez millóns de exemplares vendidos
“Ao
peche do exercicio 2011, Xerais acada os 10.103.409 exemplares vendidos dende a súa fundación en 1979.
Das 125 novidades publicadas por Xerais nas distintas coleccións destacaron, entre outras, a novela de Agustín Fernández Paz Non hai noite tan longa, con máis de 3.500 exemplares vendidos e a edición dos contos reunidos de Manuel Rivas no volume O máis estraño, con case 4.000 exemplares.
É de salientar o interese que espertou entre os lectores a figura de Lois Pereiro (Letras Galegas 2011). A súa Poesía completa foi un dos libros máis vendidos das novidades publicadas por Xerais. (…)”
