Entrevista
de Camilo Franco a Manuel Rivas en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): Os contos poden ser os mesmos, pero o autor quizais non. ¿Que impresión tivo dos contos ao volver a enfrontarse a eles?
– Manuel Rivas (MR): Hai sempre unha reacción de que o autor mellora cos anos, como esa falsa idea de que o progreso nunca acaba. Pensei de entrada que os primeiros contos serían peores e mesmo pensei que quizais non debía telos escrito. Despois dinme conta que eran eles os que tiñan que falar e non eu, por iso deixei que fosen. Decateime de que os primeiros non eran peores e tamén que no relato algunhas imperfeccións de fábrica non son necesariamente malas. Hai algo nesas imperfeccións que humaniza o conto.
– LVG: Quere dicir que o conto debe ter certa condición poética por riba da narrativa.
– MR: Creo que o conto non debe funcionar só como mecanismo, aínda que os mecanismos existan. Creo que nun conto non se debe ver a caixa de ferramentas. Os contos son animais solitarios e por iso hai que aceptalos, non se deben borrar as súas pegadas porque nos contos hai sempre unha indagación que xustifica a utilidade da literatura.
– LVG: ¿Cal é a indagación que debe facer hoxe a literatura?
– MR: Debe dicir o que non se pode dicir, debe achegarse aos tesouros e aos terrores. Tamén poden contrarrestar esas cifras que se utilizan para meter medo na xente. Creo que a literatura é agora máis útil que nunca contra o discurso único porque as palabras seguen sendo sensibles ao que xente precisa.”
Santiago: VIII Encontro Galego de Ilustración, organizado pola AGPI
O
sábado 29 de outubro, na Fundación Novacaixagalicia Claudio San Martín (Rúa do Vilar, 19) de Santiago de Compostela, terá lugar o VIII Encontro Galego de Ilustración, organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración. O programa é o seguinte:
PROGRAMA DE MAÑÁ. ENTRADA LIBRE PARA TODO O PÚBLICO:
– 10:00 h. Recepción.
– 10:15 h. Presentación oficial do Encontro.
– 10:30 h. Charla: A ilustración ante os novos tempos da profesión, por Gemma Cortabirte.
– 11:45 h. Charla: Entre dous, a obra conxunta. Con Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.
– 13:00 h. Mesa redonda: Como convivir cos medios dixitais?. Con Manuel Bragado e Manuel Gago, moderados por Henrique Torreiro.
– 14:15 h. Fotomatón na Praza da Quintana.
PROGRAMA DE TARDE. ACTOS EXCLUSIVOS PARA SOCIAS/OS DA AGPI:
– 15:00 h. Xantar de confraternización dos socios da AGPI (con inscrición previa) no Restaurante O Dezaseis.
– 17:30 h. Asemblea Xeral de socios da AGPI (salón de actos da Fundación Novacaixagalicia Claudio San Martín).
Galicola: III edición do Concurso Ángelo Casal
“A Galicola,
o projeto galego de economia social que destina todos os benefícios da venda do refresco à normalizaçom da língua, convoca por terceiro ano consecutivo o Concurso Ángelo Casal.
Durante todo o ano, o 5% das vendas do refresco engrossará o Fundo polo Galego, que será o prémio a entregar ao projeto normalizador com mais votos, ganhador do Concurso Ángelo Casal. O projeto ganhador deste concurso -que leva o nome do alcalde galeguista de Compostela assassinado polo fascismo em 1936, e grande mecenas da cultura galega de pré-guerra- conhecerá-se no 17 de maio, Dia das Letras Galegas.
O prazo de apresentaçom de candidaturas ao Concurso rematará no 31 de dezembro de 2011. Deverám ser enviadas ao correio eletrónico info@galicola.org, e serám aceitadas as que cumpram as seguintes bases:
Bases para a apresentaçom de candidaturas
– Nom se aceitarám candidaturas de empresas com ánimo de lucro.
– Nom se aceitarám candidaturas de entidades que empreguem o espanhol.
– Nom se aceitarám candidaturas de entidades que promovam valores reacionários como o racismo ou o sexismo.
– Nom se aceitará mais de umha candidatura por entidade.
– Nom se aceitarám candidaturas de entidades que tenham ganhado o prémio o ano anterior.
– As candidaturas entregarám à Galicola umha apresentaçom do destino a que dedicarám o prémio, com extensom nom superior à duas folhas. Essa apresentaçom será divulgada nesta página web para o seu conhecimento polos participantes no Concurso.
– O prazo de recepçom de candidaturas fecha-se em 31 de dezembro de 2011. Nom se aceitarám candidaturas fora de prazo.
Eleiçom dos projetos ganhadores
No 31 de janeiro publicará-se a listagem de candidaturas admitidas por Galicola, e exporám-se os seus projetos na página web da Galicola.
O Concurso resolverá-se por votaçom popular. De 31 de janeiro a 1 de maio cada consumidor de Galicola poderá votar polos projetos que prefera, enviando umha etiqueta do refresco com o seu voto. Nom há limite aos votos que cada pessoa queira enviar. Poderáse votar tanto por correio postal, quanto em urnas instaladas em centros sociais e locais por todo o país. No 17 de maio, Dia das Letras Galegas, abrirám-se as urnas e procederáse ao reconto de votos e à proclamaçom do projeto ganhador.”
Lugo: mañá comezan as IV Xornadas de Literatura de Tradición Oral, baixo o título Lendas urbanas. Mitos e ritos dos tempos modernos
As
IV Xornadas de Literatura de Tradición Oral celébranse baixo o título Lendas urbanas. Mitos e ritos dos tempos modernos, un curso convocado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Estas son as características do curso:
– Modalidade formativa: Curso.
– Datas de realización: 28 e 29 de outubro de 2011.
– Horario: venres 28, de 17:00 a 21:00 horas; sábado 29, de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 18:00 horas.
– Lugar onde se levará a cabo a actividade: Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (rúa San Marcos, 8, Lugo).
– Valoración en horas de formación: 10.
– Número de prazas: 100.
– Persoas destinatarias: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
– Custo de matrícula: Gratuíta.
– Criterios de selección: Por rigorosa orde de inscrición na páxina da AS-PG, tendo preferencia os/as socios/as da AS-PG e da AELG. De cara á homologación seguiranse as indicacións da Orde de 1 de marzo de 2007.
Aquelas persoas que non se atopen entre as destinatarias poderán asistir ás xornadas e, anotándose previamente en oficina@aelg.org, recibir un diploma de asistencia emitido pola AELG.
O programa é o seguinte (pódese descargar aquí):
VENRES, 28 DE OUTUBRO
SÁBADO, 29 DE OUTUBRO
O noso país non é alleo á moda das lendas urbanas, un fenómeno popular universal cuxa difusión se multiplicou enormemente a través da televisión, radio, xornais e revistas, literatura, cine, cómic e, sobre todo a través de internet, o gran altofalante deste tipo de relatos. As lendas urbanas, a pesar de chamárense tamén modernas ou contemporáneas son, sen embargo, como todas as demais lendas, narracións breves que refiren sucedidos sorprendentes ou raros, xeralmente de carácter extraordinario ou sobrenatural e tamén foron transmitidas tradicionalmente por vía oral, aínda que agora se difundan case exclusivamente en soporte impreso, audiovisual ou virtual.
Os Obxectivos das Xornadas son:
– Identificar a lenda urbana como expresión actual da literatura de tradición oral.
– Identificación das estratexias das lendas para reubicarse xeograficamente e para actualizarse, para espirse do anacrónico nas sucesivas transmisións e reforzar así a súa credibilidade.
– Identificación das estratexias diexéticas de diversas lendas urbanas e a súa aplicación no ensino da historia da literatura así como o fomento da creatividade narrativa do alumnado.
– Comprensión do poder da narración oral ao longo dos tempos.
– Capacitar para a identificación do carácter transcultural da literatura oral e a súa potencialidade na educación en valores.
A Metodoloxía empregada é:
– Análise temática e dos núcleos narrativos das lendas urbanas e comparación cos habituais na literatura de tradición oral.
– Estudo de diversas lendas urbanas e dos seus precedentes históricos.
– Análise do papel dos novos medios de difusión da narración oral: a literatura de tradición oral e as novas tecnoloxías da información.
A revista Tempos Novos crea unha publicación en galego na rede: temposdixital.com
“O
xoves 27 de outubro, ás 19;00 horas no Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela, preséntase Tempos Dixital, a nova presenza na rede da revista Tempos Novos, un dos poucos medios escritos en galego que resiste a oleada de peches. A revista dixital estará dirixida por Luís Álvarez Pousa, profesor da USC e director de Tempos Novos e coordinada por Denís Fernández Méndez, xornalista. Contará no seu consello de redacción con Comba Campoi, Paulo Carlos López, Sara Torreiro e Francisco Martínez Hidalgo. Esta revista dixital pretende “abrir o campo” de contidos do mensual, incluíndo ademais textos dirixidos a un público máis novo (entre 18 e 35 anos de idade) ampliando así o espectro do público lector do medio en papel. Por iso inclúe unha sección de deportes e prestará especial atención ás novas formas da cultura, manténdose na liña de xornalismo de análise e interpretación que vén caracterizando á revista Tempos Novos desde o seu nacemento en 1997, ano de fundación da empresa editora responsable tamén da revista de libros Protexta, dos Informes Galicia e agora tamén de Tempos Dixital.” Vía Galicia Hoxe.
Lalín: recital poético Os libros de Caldeirón, con María Lado, Eli Ríos e Alberte Momán
O
venres 28 de outubro, ás 21:00 horas, en Barriga Verde (Rúa Matemático Rodríguez, 9) de Lalín, prosegue a xeira de recitais poéticos de Os libros de Caldeirón, coa participación de Eli Ríos, Alberte Momán e María Lado.
Rianxo: presentación de In vino veritas, de Francisco Castro
O
venres 28 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo, preséntase In vino veritas, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, e no que participan, acompañando ao autor, María Xesús Blanco López e Antón Riveiro Coello, presentarase a exposición de Che Tembra Castelao: 125 aniversario. Ao inicio e ao final do acto Iago Hermo Martínez interpretará varias pezas musicais ao piano.
O Carballiño: presentación de Sermos Galiza
A sexta feira, venres 28
de outubro, ás 20:30 horas, no Casino do Carballiño (R/ Tomás María Mosquera, 6), organizada en colaboración coa Asociación Cultural Avantar, terá lugar a presentación do proxecto Sermos Galiza.
A Coruña: IX Encontros Milpedras, recital conxunto de poesía, música e fotografía
O
venres 28 de outubro, ás 21:00 horas, no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, nº 3, baixo) da Coruña, terá lugar a IX edición dos Encontros Milpedras, coa participación poética de Eva Veiga, Francisco X. Fernández Naval e Ramiro Vidal Alvarinho, en paralelo á intervención musical de Mou e a proxección da obra fotográfica de Maribel Longueira.
A Coruña: representación de Pisados, de Gustavo Pernas
O venres
28 e sábado 29 de outubro, ás 20:30 horas, no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos) da Coruña, con entradas de 7 euros (carné xove, maiores de 65 anos e desempregadas/os: 5 euros), represéntase Pisados, unha obra escrita e interpretada por Gustavo Pernas. Botamán de Melide sopra follas no outono e aprende idiomas co paso dos peregrinos do Camiño de Santiago. Máis tarde descobre, entre as follas do chan, a linguaxe secreta dos pisados. Pode falar cos zapatos e vén revelarlle ao público o que calan as bocas e gardan os pés. Baixo a dirección de Ánxela G. Abalo.