Ramón Villares: “A cultura non é un trasto inútil”

Camilo Franco entrevista a Ramón Villares en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Pero podemos falar do fin dunha etapa de facer xestión cultural?
– Ramón Villares (RV): O Consello [da Cultura Galega] non marca etapas. Pero un cambio si que hai. Desde a perspectiva do propio Consello tamén hai un cambio porque a institución naceu cunha vontade preservacionista, quizais propia dunha cultura etnográfica e moi letrada. Foi evoluíndo. Introduciu as novas tecnoloxías, a cultura científica, e estamos nun punto distinto. Temos que ir adaptándonos, pero non só o Consello, todo o sector. Todo mudou moito, os medios de comunicación, o xeito no que se moven os contidos, o audiovisual. Incluso a maneira en que nos contan os relatos. E temos que operar sobre eses cambios. Agora estamos posiblemente na crise, entre algo que morre e algo que nace. Temos a conciencia dese tránsito. Canto menos pensen os demais por nós, moito mellor.
– LVG: Unha das conclusións da Reflexión é que hai demasiadas infraestruturas culturais e moitos menos contidos.
– RV: Nos últimos anos confiamos demasiado nos continentes. Porque é o máis fácil. Temos que pensar moito máis nos contidos. É fácil de dicir e difícil de facer. Ten unha tradución política directa. Tamén sucede, e sobre isto nunca se reflexiona desde a perspectiva cultura, que temos unha poboación máis dispersa que a media e iso tamén inflúe. Aínda non pensamos ben o custe que supón esta dispersión. Porque esta dispersión fai que sexa máis difícil cadrar a oferta e a demanda.”

Xavier Queipo: “Hai un ataque e cómpre reconstruírmos isto pedra a pedra”

Entrevista a Xavier Queipo en El País:
“- El País (EP): Un mundo no que reina a maldade, a fame e un clima desfavorábel para a vida mais “unha serie de sucesos ensarillados como as doas dun colar de desgrazas” comparecen no inicio de Extramunde. Un cadro apocalíptico…
– Xavier Queipo (XQ): No século XVI houbo unha microglaciación que provocou esa paisaxe gótica, de película de medo, que se describe. Hai que pensar que estamos na fin do feudalismo e que o punto de partida é unha sociedade pechada, de casamentos consanguíneos, miseria extrema, enfermidades e un poder omnipotente por parte da Igrexa que se mestura con crenzas ancestrais. Existe outro esoterismo en Galicia alén da brétema morriñenta, as pedras de abalar e a Santa Compaña que fai palidecer ao realismo máxico. É menos mediático, pero é máis real. Agradecínlle ao xurado que a escolla fose por maioría e non por unanimidade. Que houbera debate até o final é síntoma de boa saúde na literatura galega.
– EP: No seu discurso de recepción tamén lle mandou un recado ao conselleiro de Cultura, presente no acto.
– XQ: Dirixínme a Roberto Varela para dicirlle o que penso: “Somos galegos, moitos momentos da nosa vida son en galego, facemos o amor en galego, queremos que os nosos fillos vaian á escola en galego. Dígalle ao Goberno da nosa parte que queremos galego”. Despois agradecínlle que estivera alí nese día. A xente, que – até entón estivera un pouco tensa, merecía esa alegría e penso que todos saímos gañando. (…)
– EP: Que propón vostede?
– XQ: Hai un ataque e cómpre unha estratexia para reconstruírmos isto pedra a pedra. Como formulou, no século V a. C., o chinés Sun Tzu n’A arte da guerra, se amosas febleza cando te atacan, o inimigo arrisca máis para acabar contigo dunha vez por todas, envalentónase. A loita é crónica cando levas 16 anos na oposición, houbo unha vitoria parcial durante catro anos, e despois o desencanto foi terríbel e é maior cando desaparecen Vieiros e a edición en papel d’A Nosa Terra, o símbolo que foi Sargadelos está fóra de combate, vai pechar a sala Nasa e as axudas culturais desaparecen na súa meirande parte porque todo está absorbido pola gran chupadeira que é a Cidade da Cultura. Este país non ten infraestrutura empresarial para semellante megalópole. Cómpre recuperar a idea das comarcas e colocar a cultura nos lugares que están ao alcance da xente, ao xeito das capitais culturais europeas.”

Londres: presentación de Books Burn Badly, versión inglesa de Os libros arden mal, de Manuel Rivas

O sábado 18 de xuño ás 11:00 horas, na sala Stevenson Lecture Theatre do British Museum Manuel Rivas presentará Os libros arden mal na súa versión inglesa, isto é, Books Burn Badly, dentro do programa World Literature Weekend. Para esta ocasión estará acompañado por Jonathan Dunne, traductor seu e de moitos textos literarios galegos ao inglés.

Aranga: lectura de poemas na Inauguración do monumento de homenaxe ás persoas asasinadas polo franquismo nas fosas de Aranga

O sábado 18 de xuño inaugúrase un monumento de homenaxe ás persoas asasinadas polo franquismo nas Fosas de Aranga, nun acto organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, co seguinte programa de actos:
19:00 h. Inauguración dunha placa na fosa de Santa Mariña, en Guitiriz.
20:30 h. Inauguración do monumento no Campo da Festa de Aranga.
Nestes actos haberá a lectura de poemas de Manuel Rivas e Claudio Rodríguez Fer.
21:00 h. Festival musical coa actuación de A Quenlla, Os Tres Trebóns e Zënzar, tamén no Campo da Festa de Aranga.

O monumento, obra do escultor Xosé Valle Díaz, Valdi, levará o seguinte poema de Salvador García Bodaño:

AOS MÁRTIRES

Érguense vitoriosos sobre a Historia
os vosos nomes nobres e valentes,
que aquí repousan cos corpos xacentes
como un fito que se alza na memoria.

Aos pobos só os derrota a desmemoria.
Nunca a aqueles que son de si conscientes,
que son da nación súa fillos crentes
o destino lles nega a súa gloria.

E non morreu aquí, non fusilaron,
a nosa ansia total de liberdade,
nin unha e outra vez logo a mataron.

Non se pode destruír a identidade
deste pobo por mais de que o intentaron.
Non se pode matar a realidade.

Doutra volta aquí estamos, renacidos,
na mesma loita irmáns, nunca vencidos.

Máis información sobre o acto aquí.

Publicacións Galegas recupera na rede a Revista Nós, A Nosa Terra e A Fouce

‘O blog Publicacións Galegas recupera na rede a Revista Nós, os xornais A Nosa Terra e A Fouce e outras publicacións como Terra, Alento, Guieiro e Rexurdimento),que irá recollendo en PDF.
“Hoxe en día a rede é a principal fonte de información para moitos de nós, non obstante, por moito que un busque, non atopa moitas cousas que deberían estar na rede dende hai ben de tempo, entre estas cousas, atópase a Revista Nós, ou os xornais A Nosa Terra ou A Fouce. Sorprende que non se poida consultar esta excepcional revista, exceptuando algún artigo en concreto, con todo o que supuxo para a nosa cultura”, explican os creadores do blog no mesmo.’ Vía Galicia Hoxe. Tamén en Cultura Galega.