Santiago: recital Mariñeiros de porcelana, de Elías Portela

O mércores 22 de xuño, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Rúa Nova, 16) de Santiago de Compostela, terá lugar o recital poético Mariñeiros de porcelana, de Elías Portela, onde lerá fragmentos dos seus poemarios en galego Cos peitos desenchufados e Imaxes na pel, así como algúns dos seus poemas en islandés.

María Reimóndez: “Querer falar unha lingua de poder é moi diferente a ser políglota”

Entrevista a María Reimóndez en Galicia Hoxe, por Manuel Vidal Villaverde:
“- Galicia Hoxe (GH): De todos os libros escribiches ou traduciches, non sería impertinente preguntarche de cal gardas mellor recordo…?
– María Reimóndez (MR): Gardo bo recordo de todos, abofé, pero no momento no que estou non podo evitar referirme á tradución de Despois da medianoite, da escritora támil Salma, que acaba de saír en Xerais. Foi un traballo intenso e apaixonante que estou moi contenta de que poida falar en galego pola miña mediación. De creación propia, sigo sorrindo cada vez que penso en Moda Galega, por ser o meu primeiro libro, o meu único poemario publicado e un berro que por desgraza segue de actualidade, creo eu. (…)
– GH: O noso idioma, ai. (…)
– MR: Eu teño toda a fe do mundo na inmersión lingüística e no amor polas linguas pero iso só é posible cando comezas pola propia. Querer falar unha lingua de poder é moi diferente a ser políglota e ademais un absurdo só coherente nun mundo dominado por certos idiomas. As linguas só valen nos seus contextos e, para falar coa xente que temos preto e que nos importa, a lingua máis importante é o galego. O problema é que estamos en tempos de pensamento único e monolingüe, un ideal de calquera sistema de dominación porque cando lle quitas a lingua ás persoas, pouco queda delas (pensemos en como ás escravas lles cortaban literalmente a lingua para que non puidesen organizarse e loitar nas plantacións americanas). O discurso de que o galego non vale para nada encaixa con esta mentalidade e vén reafirmar prexuízos antigos aprendidos coa vara do mestre na escola ou a ridiculización pública. O debate, pois, é previo mesmo aos conceptos que mencionas e ten que ver cun traballo por unha banda interno e pola outra externo. A nivel interno falta diálogo coa cidadanía non a través de campañas e pósters senón a través de axentes activos (que hai moitos! As escritoras e escritores somos parte deles, tamén o profesorado) e coordinados. Aquí faltou a normalización lingüística como proceso de diálogo e agora estamos colleitando as consecuencias. Poderiamos aprender moito dos países do Sur neste tipo de traballo, pero adoitamos mirar cara a outro lado. A nivel externo cómpre fomentar as alianzas entre pobos que non falamos linguas hexemónicas porque somos a maioría da poboación mundial. Aí a tradución é fundamental, sen dúbida e tamén ser conscientes da relevancia de todos os idiomas. Pensando no meu traballo, na Unión Europea hai moita máis demanda de intérpretes de grego-finés que de inglés-castelán. En calquera caso, a situación actual en Galicia roza o delito e eu non saio do meu asombro ante tanto ornear o valor do pensamento único. A nosa lingua é o único que fai de nós algo máis que escravas do poder económico. (…)”

Ramón Villares: ”A cultura galega non se pode medir nos votos do nacionalismo”

Entrevista a Ramón Villares en El Progreso, por Santiago Jaureguizar:
“- El Progreso (EP): Neste momento de que se salve quen poida, os políticos están deixando de lado a cultura. Pensa que vai interesarlles esta análise?
– Ramón Villares (RV): Tratamos de darlle un aire novo á cultura: usar mellor os recursos e ser máis eficaces con menos diñeiro. É cedo para coñecer a aceptación, pero de entrada é boa. De todos os xeitos, isto depende dos creadores, dos emprendedores e tamén dos usuarios,… Tratamos de establecer un New Deal, un novo contrato que permita entender e propoñer novas pautas para a xestión da cultura a fin de modernizar os sectores e adaptalos aos tempos. As relacións persoais son moi importantes, como tamén o son a radicalidade e a creatividade individual do artista, pero o consumo cultural é un feito social. Pártese desa percepción: non hai que atender so ao que pense o creador, tamén ao que pense o usuario. Veremos se hai eco ou non, porque teñen que levalo a cabo con políticas locais e autonómicas. Hai que ser prudentes. (…)
– EP: Temos un continente que condiciona orzamentariamente toda a actividade cultural.
– RV: A Cidade da Cultura é un exemplo de iniciativa cultural lanzada sen pensar. Agora está feita e non lle imos poñer unha bomba. Ten a súa utilidade de cara ao turismo e á ordenación da nosa cultura. Hai unha competencia cercana moi dura en Porto e Avilés, polo que Galicia terá que buscar o seu nicho.
– EP: Cal podería ser o nicho dun país pequeno coma este?
– RV: Estamos no medio de dúas culturas moi poderosas, a lusófona e a hispana, pero podemos converternos en pasarela. Tamén deberiamos aproveitar as comunidades de emigrantes en todo o mundo e o Camiño de Santiago de cara a Europa.Non podemos estar a todo, haberá que elixir unhas iconas e insistir nelas. Arxentina é Borges, non sete ou oito autores. Os turistas van a Barcelona por Gaudí, e Barcelona é moito máis, pero céntranse niso.”

Xavier Rodríguez Barrio gaña o Premio de Poesía Cidade de Ourense, con Calado testamento

O escritor Xavier Rodríguez Barrio converteuse no gañador do XXVII Premio de Poesía Cidade de Ourense coa obra Calado testamento. O galardón está dotado con 6.000 euros e implica a publicación do libro coa editorial Espiral Maior. O xurado, integrado por Miguel Anxo Fernán-Vello, Soedade do Muíño, Fernando de Castro Blanco, membro do Grémio Literário de Vila Real e Edelmiro Vázquez Naval, emitiu o seu veredicto sobre as 48 obras presentadas a esta edición. (Xornal, La Voz de Galicia, La Región, El Progreso, Cultura Galega).

Carlos Negro: Procurar un discurso “máis plural”

Entrevista a Carlos Negro en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Cre que se abriu ese debate?
– Carlos Negro (CN): Espero que si. A miña idea inicial era poñerlle voz a un estado de ánimo de moita xente que está arredor da defensa da lingua, e que vén da sensación de que, por un ánimo defensivo ou polas agresións recibidas desde o poder, as actuacións son un pouco repetitivas e dirixidas á mesma parroquia. Iso crea un círculo pechado no que non hai perdas pero tampouco ganancias.
– GH: Entón, ¿non son eficaces as accións reivindicativas actuais?
– CN: Non o son fóra do círculo dos que xa teñen unha empatía co nacionalismo e coas esquerdas. Ben polos prexuízos, ben pola acción dos medios de comunicación, as mensaxes de defensa do idioma non chegan á sociedade. Proba diso é que non se recuperan falantes e que ás veces o único que chega é a mensaxe de imposición do galego, que é un absurdo. Hai que procurar un discurso máis plural, que non aparezan sempre os mesmos rostros e palabras, e buscar estratexias atractivas e máis enfocadas a un público non concienciado. Hai que ter máis empatía coa sociedade, para conectar coa xente, e menos homilía.
– GH: Di que se “rasca onde non pica”. Onde habería que rascar?
– CN: Habería que diversificar a mensaxe, porque non en todos os ámbitos sociais e xeográficos hai a mesma problemática. E, sobre todo, que o discurso sexa menos ideolóxico, de cidadán a cidadán, para que se descubra que o galego é unha riqueza e útil. (…)”

Antón Dobao: “Eu son un paracaidista no mundo da dirección de cine”

Entrevista a Antón Dobao no Suplemento Lecer:
“- Lecer (L): Por que escolle unha novela de Álvaro Cunqueiro para facer unha película?
– Antón Dobao (AD): Eu creo que hai varias razóns, unha delas é porque é un dos autores máis importantes da literatura galega do século XX e da literatura europea. É un autor moi pouco adaptado, traballouse pouco sobre el. É un autor que formula unha relación moi interesante entre o real e o imaxinario. Difumina a liña que poida separar a realidade e a ficción e a min xogar nese universo confuso sempre me resulta interesente. (…)
– L: Como chega Antón Dobao a director de cine?
– AD: É un pouco casualidade. É a necesidade de contar historias. Son un paracaidista no mundo do audiovisual e como director. Eu veño da literatura. Os mundos que son capaz de crear sempre viñeron a través da literatura. O que pasa é que eu levo vinte e tantos anos traballando na TVG como filólogo e ocorre que nun intre determinado vendo simplemente como estaba nacendo o audiovisual, ocórrreseme facer unha proposta na TVG para traballar sobre ficción a partir de texto da literatura galega. O audiovisual estábase construíndo de costas a esa manifestación cultural e a literatura parecíame que era un dos espazos máis normalizados cos que contabamos, quizais o único. Esa idea é a que xera a posibilidade de que acabe facendo estas cousas. Entón non sei se é por casualidade ou porque de súpeto vin que en realidade me gustaba facelo e era outra forma de contar unha historia, que é o que realmente me interesa, me gusta e creo saber facer. (…)
– L: Cales son os seus futuros proxectos?
– AD: Agora estou na montaxe da película, que é a última fase de escritura do guión, onde acabas de contar a historia, aínda que si é traballoso. Logo teño un libro de poemas que teño que revisar e levo unha temporada preparando un libro de relatos para dentro duns meses. Imaxino que haberá máis películas de Un mundo de historias. Pero agora a miña maior preocupación é que Sinbad estea rematada, que teña un percorrido e que chegue a distintos espectadores. Rodar unha película é moito esforzo e non debe nacer para quedar morta nun caixón, ou que a emitan un día por televisión. O proxecto inmediato é darlle saída á película.”

Tui: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O martes 21 de xuño, ás 20:30 h., na Biblioteca Municipal de Tui (ala Félix Rodríguez. Edificio Panorámica, acceso pola traseira do edificio), preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto acompañará ao autor Ricardo Alonso.

A Coruña: conferencia de Uxío-Breogán Diéguez sobre Alexandre Bóveda

O martes 21 de xuño, ás 20:30 horas, na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, dentro do ciclo de conferencias en conmemoración do 75º cabodano do asasinato de Alexandre Bóveda, Uxío-Breogán Diéguez Cequiel falará de A. Bóveda e a cuestión estatutaria.