Lugo: actividades do sábado 21 e domingo 22 na Feira do Libro

Finaliza a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior), que abre este sábado 21 e domingo 22, con horario de 11:30 a 14:30 h. e de 17:00 a 21:00 h. O programa completo pódese consultar aquí.

As actividades máis destacadas do sábado 21 son as seguintes:
19:00 h. Presentación do libro Golfiño e os invasores, de Fausto Isorna, publicado por El Patito Editorial.
19:30 h. O escritor Iván García Campos asinará exemplares do seu libro O imposible de desatar, Premio Blanco Amor de Novela 2010, publicado por Galaxia.
20:00 h. Presentación dos libros Baubo Pubiclub, de Básico Rodríguez e Ensaio sobre a novela como poética escura, de Nicanor Tischler Barán, publicados por A Gracia Veniais Edicións. Xunto cos autores dos libros, estarán presentes no acto María Xosé Vidal e Xosé Manuel Gayoso.

O domingo 22, ás 18:30 horas, actuación do actor e humorista Cándido Pazó co seu espectáculo Cunqueiradas, baseado en textos de Álvaro Cunqueiro.

Madrid: Festa das letras galegas por Galicia en Madrid

“O Centro Social Autoxestionado La Tabacalera de Lavapiés é o escenario elixido para celebrar a Festa das Letras Galegas na capital de España. Será o próximo 21 de maio, no marco dun evento de sete horas e media co que botará a andar o proxecto cultural Galiciaenmadrid.com.
Era unha cita obrigada. Lois Pereiro regresa a Madrid, escenario fundamental na súa vida e obra. Madrid foi a cidade do desencanto universitario, a dos paseos polo Rastro, a das sesións de cinema na Filmoteca, a da aprendizaxe de idiomas, a dos fulgores da Transición e a movida, pero tamén a da fatalidade polo envelenamento do aceite de colza. Pero sobre todo, Madrid foi a cidade dos primeiros poemas, onde Lois Pereiro se fixo público con aqueles versos na revista experimental Loia, promovida por un grupo de galegos instalados na cidade, entre os que estaban o seu irmán Xosé Manuel Pereiro, Manuel Rivas, Menchu Lamas e Antón Patiño. Precisamente o fillo destes dous últimos, Lois Patiño, é un dos participantes neste ambicioso proxecto de Galiciaenmadrid.com que puxeron en marcha Silvia Bardelás e Beatriz González Goce, coa colaboración doutros galegos residentes en Madrid, para dar a coñecer a realidade da nosa cultura na capital de España.
Este proxecto cultural botará a andar o próximo 21 de maio coa celebración da Festa das Letras Galegas en La Tabacalera, sita no popular e multicultural barrio de Lavapiés, un escenario á medida de Lois Pereiro, o guía deste gran desembaque da cultura galega en Madrid.

PROGRAMA

16:00 h. Inicio das actividades:
NAVE CENTRAL: Dramatización de Esther Carrodeguas. Collage.
SALA 1: Proxección da película de animación De Profundis de Miguelanxo Prado.
SALA 2: Proxección de curtas de animación, mostra do cómic en Galicia (Álex Cal, Emma Ríos, David Rubín, David Braña…).
PATIO (aire libre): un equipo de grafiteros galegos realizará unha intervención conxunta nas paredes de La Tabacalera.
17:00 h.
NAVE CENTRAL: Performance a cargo de Natalja Dudek con poemas de Elías Portela.
SALA 1: Proxección de curtas documentais de festivais musicais de Galicia: Festival música folk de Ortigueira, Cultura Quente de Caldas, Festival FAX de Ourense, Festival Vigo Transforma e Festival de jazz de Vigo Imaxina Sons.
SALA 2: Documental de Pablo Outón sobre a actividad do graffiti en Galicia.
18:00 h.
NAVE CENTRAL: Dramatización dun texto de Xesús Manuel Marcos e presentación da editorial Pulp Books.
SALA 2: documental sobre a historia e actividade do Festival de Cans e sesión continua de curtas, making off de animación e cómic.
19:00 h. HOMENAXE A LOIS PEREIRO:
* Presentación de Lois Patiño.
* Lectura pública.
* Dramatización de Alfonso Armada.
* Lectura de Xosé Manuel Pereiro.
* Música a cargo de Manu Clavijo e O Leo.
* Proxección de imaxes.
21:00 h. Conexión en directo coa clausura do Festival de Cans; e proxección do making off da intervención dos grafiteiros nas paredes de La Tabacalera.
21:15 h. Festa gastronómica na Nave Central con música de gaitas.
21.45 h. Concerto do Grupo Correos e de de Jing Hang Man e os Cunha Brothers.
23:30 h. Despedida e peche.”

Marcos Calveiro: “Lois era un santo, todos falan ben del”

Entrevista a Marcos Calveiro en La Región, desde Xerais:
“- La Región (LR): E como e a ese Lois do quel lle falaron?
– Marcos Calveiro (MC): Era un santo, un santo en vida. De verdade, todo o mundo fala moi ben del nas súas lembranzas. A memoria a constrúe un na súa cabeza, é algo moi mentireiro, pero os ollos da xente non minten. Todo o mundo falaba del coma un ser excepcional, xeneroso, boa persoa, encantador e moi retranqueiro. (…)
– LR: Os epítetos de poeta maldito, poeta punk.., quedan confirmados ou hai que ir máis aló do mito Lois Pereiro?
– MC: O malditismo é moi relativo. Era un poeta que estaba en boca de moita xente nova, que comezabamos a escribir en galego e nos gustaba a literatura galega, como alguén de referencia. Iso de maldito vai máis ben unido ao fatalismo da súa vida. E o que ten de punk, pois tamén é moi relativo. Foi punk porque naquel momento había punk. Pero logo deixou de selo e coidaba moito a súa apariencia. Era un dandy, coma Baudelaire.
– LR: Está o Lois poeta, o Lois prosista, o Lois guionista, o letrista. Con quen se queda?
– MC: Todos nos quedamos co Lois poeta. Poesía última de amor e enfermidade é un libro de poesía obscena no sentido de que el se abre e conta a súa historia toda, o amor, a súa relación cos demais, coa súa adicción. Pero logo ten un texto como Modesta proposición que se adianta a panfletos dos que se está falando agora, como o Indignádevos!. A novela (Náufragos no paradiso) dun tipo que non se estilaba moito na literatura galega. É unha novela máis de estirpe europea, moi influenciada por Thomas Bernhard. Algúns dos párrafos mellores de Lois están na novela. Prosa poética, con imaxes moi potentes, expresionistas. Todo o mundo o asocia aos poemas e ao famoso Narcisismo que cantou Radio Océano (o grupo de música do seu irmán). Son poemas nos que se nota a pegada das linguas que dominaba e da música, do rock. É moi contemporáneo.
– LR: Todo iso marcou aos escritores que viñeron despois, como é no seu caso?
– MC: Creo que si. É unha referencia da cidade, do mundo urbano e das súas propias referencias, que son cultísimas.”

Ramón Lorenzo, premio Trasalba

‘(…) En opinión dos promotores do Premio Trasalba “a figura de Ramón Lorenzo encarna a tradición do estudo e modernización da nosa lingua dende os máis altos niveis da esixencia intelectual, con proxección en universidades e centros de estudo de todo o mundo, así como unha traxectoria ética intachable a prol do noso idioma e da nosa cultura”.’ En Galaxia, A Nosa Terra e Xornal.