Mondoñedo: exposición No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro
O venres 15 de abril, ás 13:00 h., no Auditorio Municipal Pascual Veiga de Mondoñedo, inaugúrase a exposición No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro, organizada pola Editorial Galaxia, a Fundación Penzol e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Mondoñedo.
A Coruña: conferencia de Fran Cortegoso: O lugar do corvo, no ciclo Escrita(s)
O venres
15 de abril, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, continúa o “Ciclo Escritas 2011 Sargadelos“, que, baixo o título de “Circunvolucións”, consiste nunha serie de charlas na que se abordará a experiencia que coa(s) escrita(s) manteñen diversos autores, tratando de atravesar a partir das diferentes liñas de universo dos/das conferenciantes/conferenciantas a proliferación das inscricións que fan con nós comunidade. Nesta terceira charla, Fran Cortegoso falará sobre O lugar do corvo: “O corvo como símbolo da morte é aparición última da vida. Só lucubramos a morte a través da alteridade. É inexistencia do ser, e inexistencia mesma é. Así é o corvo síntese de vida, de proceso concluso, e por tanto de recordación, de percurso vital como histórico e relato. O corvo como símbolo dun proceso estético e ético.”
Pontevedra: presentación e lectura dramatizada de collage, de Esther F. Carrodeguas
O
venres 15 de abril, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Pontevedra (Rúa Oliva, 24), terá lugar unha lectura dramatizada sobre o libro collage, de Esther F. Carrodeguas (escritora e actriz), publicado pola editorial Barbantesa. No acto, organizado polo Ateneo de Pontevedra, intervirán a propia autora, Xisela Maneiro (actriz) e Carlos Gálvez (actor).
Manifesto Achegarte 2011
Entendemos que a cultura galega é a que facemos entre todas as persoas que creamos, vehiculamos e desfrutamos os bens culturais do noso país na nosa lingua. A única en Galiza que crea estilos e redes e público interesado en seguir o seu percurso. A cultura en español é cultura española e a súa incidencia na sociedade galega non é propia, senón que lle vén prestada de Madrid, onde loxicamente desexan triunfar os seus creadores e creadoras.
A cultura galega, por estar nunha situación de desvantaxe con respecto á española, debe ser claramente apoiada desde a administración autonómica, como ben entenden desde hai moito tempo os nosos irmáns de Euskadi e de Cataluña.
Esiximos da administración autonómica o apoio sen reservas á produción, á distribución, á promoción, á internacionalización e á construción de redes, mais tamén ao cultivo do tecido cultural de base, como garantía de continuidade.
A cultura galega está a vivir un momento de efervescencia creativa, en rápida adaptación á era dixital. Nunca tanto e tan bo houbo, mais nunca a situación das industrias culturais foi tan precaria como a actual.
Como parte significativa da cidadanía que somos, esiximos un contorno amábel e sustentábel para todas as persoas que queremos vivir e educar os nosos fillos e as nosas fillas en galego: ir ao teatro en galego, ler literatura en galego ou escoitar música en galego, e até facer da cultura a nosa profesión, no noso país.
A forza do noso amor non pode ser inútil.
Organicémonos e esixamos o que en xustiza nos corresponde.
Está aberto o grupo de Manifesto Achegarte 2011 en facebook aquí, ao que se pode unir libremente quen queira.
Laxeiro, os escritos de Don Ramiro
A Coruña: Vagar nos lindes, tirar da pel, conferencia de Ana Romaní nos IV Encontros Cidade da Coruña
O
mércores
13 de abril, ás 20:00 h., no Salón de Actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar a terceira conferencia dos IV Encontros Cidade da Coruña, baixo o lema Ser Escritor, Ser Escritora, organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración da Real Academia Galega. Ana Romaní falará sobre Vagar nos lindes. Tirar da pel, unha viaxe pola súa experiencia poética, desde o seu primeiro libro, Palabra de mar (1987) até o recente Estremas (2010). O acto estará presentado por Mercedes Queixas.
Sarria: o 7 de maio entrega do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño a Xerardo Quintiá
O sábado 7 de maio, a partir das 19:30 horas, no Hotel Alfonso IX de Sarria, celebrarase a festa da poesía coa entrega a Xerardo Quintiá o XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. No acto, organizado pola A. C. Ergueitos, participarán os membros do xurado Chus Pato, Xiana Arias, Baldo Ramos, Xermán Arias e María Casar, contando con Francisco X. Fernández Naval como mantedor e as actuacións do músico Manu Clavijo e o mago Carlos Coira.
A Coruña: presentación de Os trobadores de Occitania, de Darío Xohán Cabana
O xoves 14 de abril, a partir das 20:00 h., na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11, na Coruña), e con entrada libre até completar capacidade, preséntase o libro Os trobadores de Occitania, de Darío Xohán Cabana. No acto intervirán, acompañando ao autor, Martiño Cabana Otero e Xosé Luís Méndez Ferrín.
A Coruña: conferencia Mulleres e república, de Aurora Marco
O xoves
14 de abril, ás 20:00 h., na Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panadeiras, 12) da Coruña, con entrada libre até completar capacidade, terá lugar a conferencia Mulleres e República. O seu protagonismo nas transformacións sociais, a cargo de Aurora Marco, organizada polo Ateneo Republicano de Galicia.
