A Coruña: presentación de Ser auga, darse en auga de Bernardino Graña

O venres 18 de marzo, no Centro Social Novacaixagalicia (Avenida da Mariña, esquina Rúa Fama) da Coruña, a partir das 20:30 h., preséntase o libro Ser auga, darse en auga, de Bernardino Graña, publicado na Colección Arte de Trobar do Centro PEN Galicia. No acto intervirán Miro Villar, Xavier Seoane, Estíbaliz Espinosa e o autor. Os asistentes recibirán un exemplar do libro, agasallo de Novacaixagalicia e o Centro PEN Galicia.

Lectores Galegos en Bos Aires: V Ciclo de literatura galega en 2011

O V Ciclo de literatura galega dos Lectores Galegos en Bos Aires celebrarase no Café Tortoni de Bos Aires, estando especialmente dedicado á prensa galega, percorrendo unha serie de tópicos sobre os que a literatura galega semella volver unha e outra vez, pero agora dende outro espacio: a prensa. Analizaranse e debateranse a realidade da lingua, da cultura, do territorio, da memoria, ou da identidade sobre a base dun feixe de artigos e entrevistas xornalísticos publicados por autores galegos. Este é o cronograma de encontros:

19 de marzo, 16:00 horas: Análise do artigo Galicia contada a un extraterrestre, de Manuel Rivas.
16 de abril, 16:00 horas: Conferencia sobre Xornalismo e Literatura, a cargo de Mariela Sánchez.
30 de abril, 15:00 horas: Conferencia aberta sobre Xornalismo Periodismo en Galicia, a cargo de Víctor F. Freixanes.
21 de maio, 15:00 horas: Conferencia sobre Bilingüísmo, diglosia e linguas minorizadas. O caso arxentino a cargo de Mariana D’Agostino, e Historia da lingua galega: da ‘doma e castración’ al plurilingüísmo, a cargo de Andrea Cobas Carral.
25 de xuño, 16:00 horas: A lingua na prensa – Parte II.
13 de agosto, 15:00 horas: A terra na prensa (territorio e historia).
17 de setembr, 16:00 horas: A cultura na prensa (territorio e historia).
1 ou 8 de outubro, 16:00 horas: (A Confirmar). Conferencia de Dolores Vilavedra.
15 de outubro, 16:00 horas: A emigración na prensa – Parte I (quen somos, como somos e donde estamos), a cargo de Antón Rey.
12 de novembro, 15:00 horas: A emigración na prensa – Parte II (como nos ven e como nos vemos nós), a cargo de Claudia Amigo.
10 de decembro, 15:00 horas: A identidade na prensa. Presentación do Ciclo 2012.

Ourense: presentación de O fío da escritura, de David González Couso

O venres 18 de marzo, ás 19:45 h., no IES Otero Pedrayo (Rúa Padre Feijoo, 12) de Ourense, preséntase o libro O fío da escritura, de David González Couso, publicado en Toxosoutos. O acto contará coas intervencións de Mª do Carme Henríquez, Claudio Rodríguez Fer e o propio autor.

Berta Dávila: “No baile de máscaras”

Entrevista a Berta Dávila en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Polo título [A arte do fracaso], espérase unha reivindicación do fracaso. É tanto así?
– Berta Davila (BD): O fracaso pode ser unha arte, no sentido de que pode ser unha escolla, unha opción. Hai xente que se atreve a exercer o fracaso, a transitar polo camiño do fracaso. Como se te dedicas á arte, o máis probable é que estas abocado ao fracaso.
– GH: En relación con iso hai un xogo coa idea dos escritores como seres enfermos…
– BD: É un xogo irónico. Tamén en Corpo Baleiro estaba esa idea. A literatura como unha enfermidade que te contaxia, e que che fai transitar polo mundo doutro xeito, distinto ás persoas que non son contaxiadas por esa epidemia. (…)
– GH: Hai tamén unha visión descrida sobre o que rodea a literatura: críticos, editoras… A narradora non quere que a xulguen pola súa xeración…
– BD: Hai unha visión do que non é tan bonito: ti só, na casa, escribindo. Producindo, como calquera outro produtor. E despois o baile de máscaras que rodea iso… Creo que terían que xulgarte pola obra, para ben e para mal. Pero tampouco tiven eu malas experiencias nese sentido.”

Santiago: presentación de Cabalos do demo e outros invertebrados, de Isidro Novo

O xoves 17 de marzo, ás 20:15 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Cabalos do demo e outros invertebrados, de Isidro Novo, publicado pola Editorial Trifolium. No acto de presentación o autor estará acompañado pola escritora Marilar Aleixandre e polo editor, Xan Arias.

A Estrada: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez

O xoves 17 de marzo, ás 20:30 h., na Sala de Exposicións de Novacaixagalicia da Estrada a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Asociación Cultural Vagalumes presentan o libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), de Francisco Rodríguez, editado pola propia AS-PG. No acto, acompañando ao autor, estará tamén Xosé Luna.

A Coruña: Gala Verbas pola Igualdade

O xoves 17 de marzo, ás 20:30 h., no Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos) da Coruña, con motivo do Día Internacional das Mulleres terá lugar a celebración da Gala Verbas pola Igualdade, organizada pola Comisión da Muller da A. C. Alexandre Bóveda. Na mesma participaran nun recitado poético Olga Patiño e Emma Pedreira, ademais da realización a cargo da actriz Lía Pichel do espectáculo Melmeniñas.

Vigo: seminario de traballo A narrativa galega na fin de século. Unha ollada crítica dende 2010, con Dolores Vilavedra

O xoves 17 de marzo, ás 17:00 h., na aula A12-B da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, terá lugar un seminario de traballo arredor do libro A narrativa galega na fin de século, con Dolores Vilavedra, chamado Unha ollada crítica dende 2010. A entrada é libre para profesorado, investigadores, alumnado e público interesado.