A Coruña: Vento Lois, recitado poético aberto en homenaxe a Lois Pereiro

Vento Lois é a primeira das iniciativas coas que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega pretende contribuír á visualización da obra do escritor Lois Pereiro durante este ano 2011 en que, por decisión da Real Academia Galega, vai ser o autor homenaxeado o próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas.
A primeira das iniciativas, que incluímos dentro dunha programación global e colaborativa que será coñecida como Vento Lois, terá lugar na Coruña o vindeiro domingo 20 de marzo, co seguinte programa:
* 12:30 h.: Convocatoria social aberta ao redor da poesía de Lois Pereiro na coruñesa Praza de María Pita en dirección ao Teatro Rosalía de Castro, un encontro que pretende ser unha manifestación poético-festiva popular amenizada con música.
* 13:00 h.: Lectura de poemas de Lois Pereiro ou de creación propia recreados no mundo poético e época do autor, que terá lugar no propio Teatro Rosalía de Castro.

Esta actividade está aberta a toda a cidadanía, co que animamos a todas e todos a colaborar no recoñecemento que a figura de Lois Pereiro merece! Participa coa túa presenza, instrumentos musicais, carteis… O Teatro Rosalía convértese nunha asemblea poética onde ler, desde o patio de butacas e os palcos, poemas ou fragmentos da obra de Lois, ou sobre Lois.

Crónica posterior en Xornal, La Opinión, La Voz de Galicia.

A Coruña: recital de Luis Muñoz e Emma Couceiro no Ciclo de Poetas Di(n)versos

O luns 21 de marzo, ás 20:30 h., na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10, baixo) da Coruña, prosegue o Ciclo de Poetas Di(n)versos, iniciado en novembro de 2009 baixo a dirección de Yolanda Castaño, no que ten lugar un recital poético dobre entre unha voz en galego e outra en calquera das outras catro linguas da Península. A cita deste luns 21 de marzo coincidirá precisamente co Día Internacional da Poesía, celebrando así de pleno a confirmación de que existe na Coruña e en Galicia un verdadeiro público para a poesía. Os participantes desta nova edición serán:
Luis Muñoz naceu en Granada en 1966, en cuxa universidade completou as licenciaturas en Filoloxía Española e en Filoloxía Románica. Publicou os libros de poemas Septiembre (1991), Manzanas amarillas (1995), El apetito (1998), Correspondencias (2001) -polo que obtivo os premios Generación del 27 e Ojo Crítico– e Querido silencio (2006). A súa obra poética ata 2005 está recollida no volume Limpiar pescado. Poesía reunida 1991-2005 (2005). Ademais, en 1994 preparou o libro colectivo El lugar de la poesía, e ten traducido, entre outros autores, a Giuseppe Ungaretti e a Eugenio Montale. Dende 1992 ata a súa desaparición en 2002 foi o director da revista de poesía Hélice. Dirixiu tamén os cursos de verán Neruda personal (2004) na Universidade Complutense de Madrid en El Escorial e Poesía española reciente (2005) na Universidade Menéndez Pelayo en Santander. En 2008 comisariou a exposición Gallo. Interior de una revista, sobre a publicación dirixida en 1928 por Federico García Lorca.
Emma Couceiro naceu en Cospeito (Lugo) en 1977. En 1996 deuse a coñecer como poeta ao gañar o V Premio Espiral Maior co seu primeiro libro, Humidosas (1997), ao que seguirían As entrañas horas (1998, X Premio Eusebio Lorenzo Baleirón) e, xa no 2003, (Cito). A súa obra está recollida en antoloxías publicadas en Galicia como Río de Son e vento (1999), dEfecto 2000 (1999), A tribo das baleas (2001), 25 Anos de poesía galega 1975-2000 III (2002), e fóra de Galicia como Mulher a fazer vento (1998), Mujeres de carne y verso (2002), Galeusca. Antoloxía poética (1990-2003) (2004) ou Das Sonorosas Cordas (15 poetas desde Galicia) (2005), así como nos libros colectivos Novas voces da poesía galega. Recital (2000), O trazo aberto. Poesías e debuxos (2002), O libro dos abanos (2002), Palabra de autor, Palabra de autora (2005), Os gozos e as Sombras (2005) ou Poética da Casa (2006), entre outros. Paralelamente, ten colaborado en publicacións como Dorna, Xistral, Festa da Palabra Silenciada, A Xanela, Entellunu, Akadeemia, Zurgai, Piedra del Molino ou La Bella Varsovia.

Será unha nova oportunidade libre e gratuíta de coñecer de primeira man algúns dos mellores autores/as das literaturas peninsulares, comprobando a proximidade, a conexión e a calidade da boa poesía contemporánea. Ao termo do acto, presentado pola directora do ciclo e poeta Yolanda Castaño, Couceiro e Muñoz poderán asinar exemplares dos seus libros, postos á venta nesta ocasión pola libraría Nova Colón. Esta iniciativa de periodicidade mensual e impulsada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, continuará de xeito estable ata ao mes de maio. Neste arquivo en .pdf pódese descargar máis información: Programa DinVersos Marzo 2011.

Libro homenaxe a Lois Pereiro en edición dixital

Esta é a segunda proposta colaborativa que desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega estamos a organizar para contribuírmos á visualización e actualización da obra literaria e pensamento de Lois Pereiro.
É o noso propósito elaborarmos un LIBRO HOMENAXE A LOIS PEREIRO para o que solicitamos dos Socios/as da AELG que nos enviedes colaboracións inéditas e orixinais que poderían responder a un duplo formato:
* Poemas inéditos inspirados en Lois Pereiro (acéptanse versións elaboradas)
* Obra gráfica (ilustración, fotografía, poesía experimental, etc.) inspirada en poemas de Lois Pereiro.
Da conxunción de todas as colaboracións, a AELG promoverá unha edición en soporte electrónico en formato epub de descarga gratuíta accesíbel desde a nosa web.
O prazo límite para recibirmos os vosos orixinais no noso enderezo electrónico de contacto habitual (oficina@aelg.org) será o 10 de abril.

Santiago: recital de celebración do Día Mundial da Poesía 2011

O luns 21 de marzo, ás 19:30 h., no Auditorio da Biblioteca da Cidade de Cultura, o Centro PEN Galicia e o Consello da Cultura Galega organizan un recital para celebrar o Día Mundial da Poesía 2011, presentado como unha ollada de luz no vento Lois Pereiro, coa presenza de Marilar AleixandreOlalla Cociña, Luís González Tosar, Manuel Rivas e Salvador García-Bodaño.

Noia: VI Semana da Historia, en homenaxe a Xosé Agrelo Hermo

Entre o sábado 19 e o sábado 26 de marzo, na Casa da Cultura e no Coliseo Noela (o sábado 26) de Noia, e baixo a organización da Asociación Cultural Barbantia e o Concello de Noia, terá lugar a VI Semanda da Historia, que este ano realizará unha homenaxe a Xosé Agrelo Hermo. O programa de actos é o seguinte:

Sábado 19. 19:00 h.
– Conferencia Xosé Agrelo Hermo: Vida e obra, por Xoán Pastor Rodríguez.
O Triángulo escaleno, por Euloxio R. Ruibal e Alfonso Costa.
Luns 21. 20:30 h.
– Conferencia A Execución do Cantino en Boisaca, Xerardo Agrafoxo.
– Conferencia Os sartegos dos cabaleiros en Santa María a Nova, Xepe Torres.
Martes 22. 20:30 h.
– Conferencia Noia etnográfica e arqueolóxica. Memorial do esforzo incesante, Ana Filgueira Rei.
Mércores 23. 20:30 h.
– Conferencia O Patrimonio Histórico Artístico de Outes. Xoán Maríño.
– Conferencia A pesca da lamprea no río Tambre, Clodio González e Manuel Ces Canle.
Xoves 24. 20:30 h.
– Conferencia Os gremios e os clérigos da morte, Xoán Manuel Neira Pérez.
Venres 25. 20:30 h.
– Conferencia Un “noiés” na fosa do Acevo, Carme García Rodeja.
– Mesa redonda A memoria da terra. As fosas do franquismo.
Sábado 26. 21:00 h. Coliseo Noela:
– Descuberta da placa conmemorativa na Sala Xosé Agrelo Hermo.
– Teatro: O triángulo escaleno, de Xosé Agrelo, polo Grupo de Teatro Mutis.

Chelo Suárez gaña o Premio de narración curta Ánxel Fole do Concello de Lugo

Chelo Suárez e Martiño Maseda, en galego, e José Manuel Moreno e Miguel Sánchez Carballos, en castelán, foron os gañadores da décimo terceira edición do Certame de narración curta Ánxel Fole, convocado polo Concello de Lugo. O xurado, composto polos escritores Isidro López Novo e Xosé Otero Canto e o editor Henrique Alvarellos, decidiron outorgar o primeiro premio do certame en galego á obra Recantos, presentada por Chelo Suárez Muíños, da Coruña. En castelán, o primeiro premio levouno Ningún ollo humano, de José Manuel Moreno Pérez, de Madrid. Desta obra. o xurado valorou o dominio da linguaxe experimental e a gran tensión narrativa, que manteñen o clímax da obra. En total, presentáronse 52 obras: 20, en galego, e 32, en castelán. En cada unha das categorías, o primeiro premio é de 1.000 euros e o segundo, de 500. O xurado destacou a gran calidade das obras, especialmente as escritas en galego”. Vía El Progreso.

Vigo: primeira sesión do Cabaret poético Merendacea, no Verbum

O venres 18 de marzo, ás 20:30 horas, terá lugar no museo Verbum–Casa das Palabras (Avenida de Samil, 17) de Vigo a primeira sesión do cabaret poético Merendacea, a nova proposta dos creadores dos recitais–combate A hostia en verso. Merendacea é un espectáculo colectivo estruturado en base a pequenos números que teñen como denominador común a lírica. É un recital, pero non só iso. Nace da necesidade de experimentación dun grupo de creadores que procuran novas maneiras de transmitir o feito poético ao público. Por iso en Merendacea hai versos, música electrónica, títeres que recitan a Lois Pereiro, unha subasta de obxectos poéticos, videocreación e, sobre todo, moito humor. E tal vez unha escasa dose de solemnidade, necesaria aínda non sabemos moi ben para que. Nesta primeira sesión porán os versos, e outras cousas, Ledicia Costas; Xabier Xil Xardón; Daniel Landesa e a pintora María Longa; David Rodríguez; Lara do Ar; Miguel Valverde; María Reimondez e o titiriteiro Borxa Ínsua. O indefinible dúo eléctrico IgMig encargarase da parte musical, a artista d’O sorriso Felino elaborou os incribles poemas-obxecto e as poetas María Lado e Lucía Aldao oficiarán de presentadoras desta singular noite. Merendacea é un proxecto producido integramente polo museo Verbum–Casa das Palabras de Vigo.

Cedeira: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O venres 18 de marzo, ás 19:30 h., no Palacete Municipal de Cedeira (Avenida de Castelao, s/n.), preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editorial e a Mesa pola Normalización Lingüística, intervirá Fernando Iglesias, acompañando ao autor.