A Coruña: presentación de O cuadrilátero, de Xoán Fuentes
O
xoves 17 de marzo, ás 20:00 h., na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, presentación de O cuadrilátero de Xoán Fuentes, publicado en Toxosoutos. No acto participarán, ademais do autor, Sergio Vences Fernández e David González Couso.
Vigo: presentación de Galeguismo e liberdade, de Carlos Vázquez Padín
O
xoves 17 de marzo ás 19:30 h., na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase o libro Galeguismo e liberdade. Propostas para o século XXI, de Carlos Vázquez Padín, publicado en 2.0 Editora. O acto contará coa presenza de Fernando del Río e o propio autor.
Pilar Pallarés: “Falar de bilingüismo restitutivo é deixar que o español siga a ser dominante”
Entrevista
a Pilar Pallarés en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe: Supoño que como poeta aínda sentíndote loxicamente identificada con todos os teus libros, digo eu que gardarás especial cariño/agarimo, recordo ou predileción por algún deles en concreto. Eu, sen ánimo de te condicionar, recórdoche, por exemplo, un dos libros que a min máis me atraeu da poesía galega nos últimos tempos: O livro das devoracións, que se mal non lembro, me parece que algún dos poemas que o compoñen fora publicado en Nordés, revista que sabia e xenerosamente dirixía a nosa entrañábel Luz Pozo Garza. Túa é agora a palabra Pilar…
Os que apareceron en Nordés son poemas logo incluídos en Sétima soidade. Naquela época eu era estudante en Compostela e a Luz Pozo aínda non a coñecía persoalmente, mais mantiña correspondencia con ela e enviáballe colaboracións miñas e de amigos poetas, tamén novos, como Francisco Salinas Portugal. Os poemas do Livro das devoracións corresponden a outro tempo e a outras preocupacións vitais, aínda que dialoguen co libro anterior e en certa medida nazan del. Penso que sempre se tende a preferir o último libro, ou ese é ao menos o meu caso. Entre lusco e fusco, que foi publicado grazas á presión amical de Francisco Pillado Rivadulla e de Isabel Balaca e á xenerosidade de Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo e Marino Dónega, é unha obra por veces moi inxenua. Son poemas de adolescencia e primeira xuventude. De Sétima soidade e do Livro das devoracións pasaron xa tamén tantos anos que sinto que pertencen a outras vidas, a outras reencarnacións do eu. En ocasións mesmo me sinto como unha impostora cando os lectores interpretan que as ideas, teimas ou posicionamentos vitais deses poemas son os meus na actualidade. Eu son outra, aínda que tamén sexa a que está neses textos. (…)
– Galicia Hoxe: A literatura galega vive unha etapa de esplendor, ou todo é un soño doutros soños?
– Pilar Pallarés: Falar de etapa de esplendor quizais sexa excesivo, mais: coincido con Gamoneda en afirmar a superioridade da poesía galega actual respecto doutras próximas. Paréceme especialmente salientábel o protagonismo das escritoras, algo excepcional se confrontarmos con literaturas próximas. Claro que xa é excepcional termos como autor canónico por excelencia unha autora, Rosalía. A entrada da literatura galega no mercado ten tamén as súas servidumes. Hai, por exemplo, unha excesiva dependencia do ensino e do que se considera doadamente dixeríbel por un adolescente.”
Vilaboa, Culleredo: Moita poesía pouca diversión, con Lucía Aldao e María Lado
O mércores
16 de marzo ás 19:30 h., na Biblioteca “Uxio Novoneyra” de Vila Melania (Vilaboa, Culleredo), terá lugar o espectáculo poético-musical Moita poesía pouca diversión, coa actuación conxunta de Lucía Aldao e María Lado, un recital de poesía ameno, dotado de ritmo e comunicación aberta co espectador, no que este adquire ademais un papel activo; un espectáculo con música en directo, xogos, historias que rodean os poemas, momentos de reflexión…, pero sobre hai comunicación poética directa.
Santiago: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), de Francisco Rodríguez
O mércores 16 de marzo, ás 20:00 h., no Centro Cultural Novacaixagalicia (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela, a Asociación Cultural O Galo e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) presentan o libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), de Francisco Rodríguez, editado pola propia AS-PG. Crónica posterior en Xornal.
.
Santiago: presentación de Caos calmo, de Sandro Veronesi
O
mércores 16 de marzo, ás 20:00 h., no Casino de Santiago, o escritor italiano Sandro Veronesi presenta a edición galega da súa novela Caos calmo, publicada en Galaxia, e que foi Premio Novela Europea Casino de Santiago no 2009. Crónica posterior en Galicia Hoxe e La Voz de Galicia.
Santiago: presentación de A crise económica na época presente e a descentralización rexional, de Alfredo Brañas
O
mércores 16 de marzo, a partir das 20:00 h., presentación de A crise económica na época presente e a descentralización rexional, de Alfredo Brañas, publicado en Toxosoutos. Intervirán no acto Xosé Manuel Beiras, autor do limiar, Afonso Ribas e David González Couso. Crónica posterior en Galicia Hoxe.
Santiago: I Xornadas De Rosalía de Castro a nós. Unha análise dos cambios impulsados polas mulleres galegas desde os tempos de Rosalía
A
Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, dentro das actividades arredor do día 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, organiza as I Xornadas De Rosalía de Castro a nós. Unha análise dos cambios impulsados polas mulleres galegas desde os tempos de Rosalía. Nelas, a través do pensamento e da obra rosaliana abordaranse moi diversos temas que afectan directamente ás mozas galegas a día de hoxe como a situación laboral, a violencia de xénero, a memoria histórica das mulleres ou a resposta ante as políticas regresivas por parte da Xunta de Galiza. As mesmas terán lugar os vindeiros 17, 18, 31 de marzo e 1, 2 de abril en Santiago de Compostela. Todas as sesións serán no Salón de Actos da Biblioteca Pública Ánxel Casal (Avenida de Xoan XXIII, s/n.) agás o día 2 de abril que serán na Libraría Couceiro, na Praza de Cervantes. Aquí pode ser consultada toda a información.
Lugo: entregados os Premios da Edición 2010
O gremio editorial galego celebrou o sábado 12 de marzo en Lugo a VI Noite da Edición de Galicia, unha gala coa que a Asociación Galega de Editores reúne anualmente a todos aqueles que traballan no eido da produción e edición do libro. No acto entregáronse os Premios da Edición 2010, concedidos polos propios editores. O acto foi presidido por Manuel Bragado Rodríguez, presidente da AGE, e contou coa presenza do director xeral do Libro, Francisco Rodríguez Barxas, o secretario xeral de Política Lingüistica, Anxo Lorenzo, o vicepresidente da Deputación de Lugo, e a concelleira de Cultura de Lugo. Nesta VI Noite da Edición foron homenaxeadas no apartado da Edición Histórica as editoriais Ir Indo e Hércules de Ediciones, polo seu XXV aniversario, así como o que fora director e editor de Edicións Toxosoutos, Xosé Agrelo Hermo, falecido no ano 2006. Os editores nomearon socio de honra ao seu ex presidente, Alfonso García Sanmartín, ao que se lle recoñeceu o traballo e a traxectoria profesional. O Premio Francisco Fernández del Riego recaeu en Espazo Lectura, unha iniciativa da sociedade civil coa que se pretende incentivar a lectura e a relación cos libros desde asidades máis temperás.
Tralas votacións dos membros do xurado composto por un escritor, unha editora, un crítico, un libreiro e unha xornalista, resultaron gañadores das correspondentes modalidades:
– Premio Ánxel Casal ao Libro de ficción do ano 2010: Todo é silencio, editado por Edicións Xerais, de Manuel Rivas.
– Premio Ánxel Casal ao Libro de non ficción do 2010: Construtores, editado por Kalandraka Editora, de Xulio Gutiérrez.
– Premio Ánxel Casal ao Libro de poesía ou teatro do ano 2010: Estremas, editado pola Editorial Galaxia, de Ana Romaní.
– Premio Xosé Neira Vilas ao Libro infantil e xuvenil 2010: Contos para nenos que dormen deseguida, editado por Kalandraka Editora, de Pinto & Chinto.
– Premio Lois Tobío ao Libro traducido do 2010: 30 gramos, editado por Alvarellos Editora, traducido por Ramón Nicolás.
– Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro ilustrado do ano 2010: A colección Rodribrico, editada por Baía Edicións, ilustrada por Xosé Tomás.
– Premio Xosefa Vilarelle ao Libro educativo do ano 2010: Gramática práctica galega, editado por Baía Edicións, de Xoán López Viñas e outros.
– Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor ou autora do ano 2010: Xosé Neira Vilas.
– Premio Rosalía de Castro á iniciativa editorial 2010: Asociación Culturgal, iniciativa do sector editorial galego consolidada e formalizada no ano 2010 como entidade asociativa responsable da Feira das Industrias Culturais de Galicia.