Dolores Vilavedra: “É falaz dicir que a literatura de éxito é superficial”

Entrevista a Dolores Vilavedra en El País:
“- El País (EP): Sostén que o gran cambio é que o capital simbólico, agora, fíxano o número de lectores e o beneficio económico.
– Dolores Vilavedra (DV): Agora é a novela a que se salva ou a que se perde, é a literatura a que pelexa por si mesma. E isto ten que ver con ese gran cambio do que falamos, a perda dunha certa centralidade no protagonismo social do autor.
– EP: O éxito, medido así, non condiciona a crítica?
– DV: Penso que cómpre xa reivindicar o dereito ao éxito. Se revisamos un pouco as últimas décadas, cales foron as novelas de máis éxito? Foron novelas que poderiamos definir, dalgunha maneira, como comprometidas. Ou, se queres, novelas cunha profunda dimensión ética. Estou a pensar n’O lapis de carpinteiro e en Herba moura. É falaz que a literatura de éxito sexa unha literatura superficial, light, etcétera. Os lectores non somos idiotas. (…)
– (EP): Ampliarase a base lectora, sequera en narrativa, cando se deixe de falar diso?
– DV: Penso que o noso país ten un teito de lectores potenciais que, sendo un pouco realistas, podería ser de 200.000. O gran desafío neste momento é ampliar os lectores entre a sociedade castelán falante. Ata agora viviamos dun lector escolar e dun lector libre case monolingüe, moi concienciado. Agora temos que pescar noutros caladoiros, nos da xente que é amante da lectura, sexa de novelas ou de libros de micoloxía, e que comparte a lectura en galego e a de castelán dun xeito natural.”

A Coruña: Congreso Uxío Novoneyra, do 17 ao 19 de febreiro

Do xoves 17 ao sábado 19 de febreiro celébrase na Coruña o Congreso Uxío Novoneyra, organizado pola Real Academia Galega, coa colaboración da Universidade da Coruña e da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña. A inscrición é gratuíta, e para formalizala cómpre enviar un correo electrónico a secretaria@realacademiagalega.org en que figuren os seguintes datos: nome, apelidos, DNI, enderezo postal completo, correo electrónico e teléfono. Admitirase un número máximo de 100 solicitudes por rigorosa orde de inscrición. Solicitáronse dous créditos de libre configuración na Universidade da Coruña (20 horas). Entregarase un diploma de asistencia aos inscritos que acrediten ter participado en todas as sesións. O Congreso ten o seguinte programa:

* Xoves 17. Salón de Actos da Real Academia Galega.
– 9:00 a 9:30 h.: Recepción e entrega de documentación.
– 9:30 a 10:00 h.: Inauguración.
– 10:00 a 10:45 h.: Conferencia inaugural de Pilar García Negro: Novoneyra. Nova xeira. A poesía como antídoto contra o ruído.
– 10:45 a 12:00 h.: Comunicacións:
Ana Acuña. Presenza de Uxío Novoneyra en Madrid.
Chus Nogueira. A lingua literaria de Uxío Novoneyra.
Olivia Rodríguez. Uxío Novoneyra, recitador.
– 12:30 a 13:00 h.: Relatorio de Xosé Benito Reza: Natureza e paisaxe no Courel.
– 13:00 a 14:00 h.: Coloquio cos relatores intervenientes.
– 16:30 a 17:00 h.: Relatorio de Luís Cochón: Romanceiro e cancioneiro tradicional en Uxío Novoneyra.
– 17:00 a 17:30 h.: Relatorio de Antón Patiño: Uxío Novoneyra: a escrita do corpo.
– 17:30 a 18:00 h.: Relatorio de Luís Alonso Girgado: Diversidade interno-externa e multiplicidade textual en Uxío Novoneyra.
– 18:00 a 19:00 h.: Coloquio cos relatores intervenientes.

* Venres 18. Salón de Actos da Real Academia Galega.
– 10:00 a 10:30 h.: Relatorio de Carlos Paulo Martínez Pereiro: A palabra deseñada.
– 10:30 a 11:00 h.: Relatorio de Anxo Angueira: Un poeta con terra e pobo.
– 11:00 a 11:30 h.: Relatorio de Claudio Rodríguez Fer: Correspondencia entre Valente e Novoneyra: poetas da fala no labirinto das linguas.
– 12:00 a 12:30 h.: Relatorio de Carme Blanco: A liberdade das amadas mulleres.
– 12:30 a 14:00 h.: Coloquio cos relatores intervenientes.
– 16:30 a 17:00 h.: Relatorio de Teresa López: Uxío Novoneyra: os camiños á Idade Media.
– 17:00 a 17:30 h.: Relatorio de Antón Lopo: Uxío Novoneyra na distancia do lobo.
– 17:30 a 18:00 h.: Relatorio de Xesús Alonso Montero: O primeiro libro de Novoneyra: ‘Abrojos’ (1948).
– 18:15 a 19:00 h.: Recital poético con Yolanda Castaño, Salvador García-Bodaño, Luz Pozo e Manuel Rivas.

* Sábado 19. Paraninfo da Universidade da Coruña (Maestranza).
– 10:00 a 10:30 h.: Relatorio de Xosé Ramón Freixeiro Mato: Lingua e estilo na obra de Uxío Novoneyra.
– 10:30 a 11:00 h.: Relatorio de Branca Novoneyra Rei: Ata cando este tempo de elexía.
– 11:00 a 11:30 h.: Relatorio de Darío Xohán Cabana: Aspectos formais da poesía de Uxío Novoneyra.
– 11:30 a 12:00 h.: Relatorio de Uxío Novoneyra Rei: Língoa sen maos.
– 12:30 a 13:15 h.: Conferencia de clausura de Ramón Lorenzo Vázquez: Polos eidos poéticos de Novoneyra.
– 13:15 a 14:00 h.: Clausura.

O comité organizador está formado por Xosé Luís Axeitos, Carlos Paulo Martínez Pereiro e Carme Vilariño.

Deixamos aquí o programa completo en .pdf para ser descargado libremente: Congreso Uxio Novoneyra.

En relación con este Congreso: Galicia Hoxe, Xornal e Cultura Galega. Posteriormente aparecen novas relacionadas en Galicia Hoxe e Xornal. Posteriormente, fanse crónicas das actividades do día 17en Galicia Hoxe, Xornal e La Voz de Galicia, do día 18 en Galicia Hoxe, La Opinión. Véxase tamén este artigo de Antón Patiño no Xornal.

Fina Casalderrey participará na celebración do Día Internacional da Lingua Materna en Hamburgo

Fina Casalderrey participará, convidada polo Instituto Cervantes de Hamburgo, na celebración do Día Internacional da Lingua Materna, que terá lugar o 21 de febreiro 2011 na sede desa institución na devandita cidade. Durante o acto, unha persoa lerá un texto da escritora galega en alemán e a continuación será a propia escritora quen o faga en galego. O acto será presentado por Veljka Ruzicka Kenfel profesora da Universidade de Vigo, especialista en tradución e literatura infantil, e nel participarán tamén a escitora Gemma Lienas que fará o mesmo en catalán, e o escritor Patxi Zubizarreta, que representará ao éuscaro. A nova ven a través de Xerais e tamén é recollida en Galicia Hoxe. En relación coa celebración deste día en Galicia: Galicia Hoxe.

A Coruña: conferencia de María Casar sobre Territorios literarios. A Coruña de Luísa Villalta

O luns 21 de febreiro, ás 19:30 h., na Biblioteca Municipal do Fórum Metropolitano (Rúa Río Monelos, 1) da Coruña, e con entrada libre, terá lugar unha conferencia de María Casar sobre Territorios literarios. A Coruña de Luísa Villalta, na que abordará as relacións entre o mundo da creadora e o mundo representado na súa obra, facendo un percorrido pola Coruña reflectida na obra poética de Luísa Villalta. María Casar é a presidenta da Agrupación Cultural Ergueitos, e coordinadora do Roteiro Fiz Vergara Vilariño. No acto participará tamén o violinista Manu Clavijo.

A Coruña: recital poético en homenaxe a Perfecto Estévez

O xoves 17 de febreiro, ás 20:00 h., na Biblioteca de Estudos Locais (Rúa Durán Loriga, 10) da Coruña, terá lugar un recital poético en homenaxe a Perfecto Estévez. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en colaboración coa Concellaría de Cultura da Coruña quere mostrar así o seu agradecemento a Perfecto Estévez, deseñador referencial do noso país, e que ten colaborado coa AELG en tempos difíciles. O acto, presentado por Dores Tembrás, contará coa presenza de:

Lois Diéguez
Francisco X. Fernández Naval
Yolanda Castaño
Xulio L. Valcárcel
Marica Campo
Diana Varela
Cesáreo Sánchez

Haberá unha actuación musical de César Morán e Xosé Taboada.

Na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, tamén en Durán Loriga, 10, pódese visitar a Exposición homenaxe a Perfecto Estévez organizada pola Concellaría de Cultura da Coruña.

Vigo: representación de A illa das mulleres loucas, de Alfonso Pexegueiro

O venres 18 de febreiro, ás 21:00 h., no Auditorio Municipal de Vigo, representarase a peza que a Compañía Inversa Teatro preparou a partir do libro A illa das mulleres loucas de Alfonso Pexegueiro. A obra é unha peza poética de gran plasticidade na que as fronteiras entre o pasado, o presente e o futuro se esvaen para desvelar un tempo suspendido onde unha muller libra a súa propia batalla por definir os límites entre cordura e loucura. Vanesa Sotelo dirixe esta montaxe, con escenografía de Inversa Teatro, deseño de son de Berrogüetto e música de Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (harpa) e coreografía de Vanesa Sotelo e María Caparrini.