Santiago: actividades do mércores 4 na Feira do Libro
Continúa
a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda) até o vindeiro domingo 8 de maio, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., salvo no fin de semana, en que estará aberta de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h.
As actividades do mércores 4 son as seguintes:
– 18:00 h. Actividades para nenos. Contacontos a cargo de Brétema Animación.
– 19:00 h. Actuación do actor e humorista Cándido Pazó co seu monólogo Cunqueiradas.
– 20:00 h. Presentación do libro A palabra exacta. Biografía de Lois Pereiro, do escritor Antón Lopo, publicado por Galaxia. Xunto co autor, participan no acto Carlos Lema, director de edicións de Galaxia e o xornalista Xosé Manuel Pereiro.
– 21:15 h. Sorteo dun lote de libros.
A Coruña: Cita a dous, encontro de danza e poesía con Rut Balbís e Dores Tembrás
O
mércores 4 de maio, ás 20:00 h., en Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar o encontro entre dous creadores chegados de diferentes disciplinas artísticas, Cita a dous, a partir dun pequeno manual de instrucións, que pretende buscar un verdadeiro diálogo a partir do coñecemento artístico e persoal. Para iso a parella convidada, na que unha das partes convidadas pertencerá sempre ao mundo da literatura, contará cun tempo previo á data sinalada para bucear na obra do outro, para entrar nela e facela súa… permitindo que unha vez chegado o día da cita, non só xurda o encontro senón tamén o diálogo, o feedback e a experiencia compartida. Por iso as posibilidades son infinitas e cada proposta é un mundo. Esta primeira cita contará cunha parella formada pola danza e a poesía: Rut Balbís e Dores Tembrás porán voz, diálogo, proceso compartido, vivencias e experiencias a este encontro íntimo que busca, non só falar da obras finais que se mostran, senón da relación que estas teñen con outras artes e daqueles diálogos e procesos compartidos que, a maior parte das veces, quedan ocultos. Cita a dous está coordinado por Antía Otero.
Cangas: presentación de Dragal II, de Elena Gallego
O
mércores 4 de maio, ás 20:00 h., na sede da Federación de Comerciantes do Morrazo FECIMO (Avenida de Vigo, 91 baixo) de Cangas, preséntase o libro Dragal II. A metamorfose do dragón, de Elena Gallego Abad, publicado en Xerais. No acto acompañarán á autora Xosé Bangueses e Helena Pérez.
Santiago: Coloquio con Rosa Aneiros sobre o seu libro Sol de inverno
O
mércores 4 de maio, ás 19:00 h., no Centro Sociocultural das Fontiñas (Rúa Berlín, nº 13), en Santiago de Compostela, terá lugar un encontro con Rosa Aneiros, no que os Clubs de lectura de Fontiñas, Ensanche, Vite, Conxo e o do IES Antonio Fraguas conversarán con ela sobre o seu libro Sol de inverno.
Andrés Pociña e Aurora López galardoados co Premio Pedrón de Honra
“A
Fundación Pedrón de Ouro otorgou o premio homónimo á sindicalista galega, Lidia Senra, na edición deste ano pola súa traxectoria a favor da defensa e promoción da cutura galega. Pero nesta 48 edición tamén foron designados como Pedrón de Honra aos profesores da Universidade de Granada Andrés Pociña e Aurora López, polas súas iniciativas en favor da lingua e cultura galegas, sobre todo no que a traballos sobre obra e pensamento de Rosalía de Castro se refire. En concreto, a fundación valorou os traballos de López e Pociña titulados Rosalía de Castro. Documentación biográfica e bibliográfica crítica así como Rosalía de Castro. Estudios sobre a vida e a obra, ademais das diversas achegas a través de distintos xornais e revistas. Pociña é tamén autor dunha célebre tradución de poesía grega ao galego. (…)
Desde a Fundación Pedrón de Ouro explican que o Premio Pedrón de Ouro concédese a unha “personalidade ou entidade viva e residente en Galicia que máis destacou na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional ao longo do ano ou nunha traxectoria vital”. Pola súa banda, o Premio Pedrón de Honra entrégase a residentes foráneos “que destacasen coas súas achegas ao engrandecimiento da nación e da cultura”. Vía Galiciaé e Galicia Hoxe.
Recital poético de María do Cebreiro na Universidade de Cantabria
Marcos Abalde Covelo gaña o VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo 2011
O
xurado do VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo reuniuseo luns 2 de maio para decidir o artigo gañador deste certame, ao que se presentaron 48 traballos, e decidiu concederlle o premio, dotado con 1.000 euros e a publicación do artigo en A Nosa Terra Diario, Diario de Bergantiños, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Longa Lingua, Radio Líder, Tempos Novos e Xornal de Galicia, ao artigo titulado Empoderármonos, de Marcos Abalde Covelo. Segundo o xurado, o recoñecemento deste artigo débese ao “paralelismo entre a situación das mulleres e a da lingua galega, adentrándose na violencia simbólica exercida contra o galego e contra as mulleres”. Na acta do xurado sinálase que o artigo “fala sobre a hibridación do galego co castelán, ten interesantes conexións intertextuais e chama a atención individual fronte a esa situación”. Ademais, “destaca a súa calidade lingüística, a linguaxe directa e a capacidade de incidencia no público”.
O xurado decidiu tamén outorgarlle un accésit sen dotación económica ao artigo Gas, do autor Diego Giráldez, e recoméndalles aos medios colaboradores a súa publicación. O accésit concédeselle “pola necesaria reivindicación dos medios en galego, nun momento difícil para eses medios” e pola “calidade de estilo e as referencias intertextuais, tanto a ámbitos literarios como científicos”.
O xurado do VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo estivo composto por Belén Puñal, xornalista carballesa, redactora da revista Tempos Novos; Marica Campo, profesora, escritora e gañadora da edición 2010 do certame; Iván Méndez, técnico de normalización lingüística do Concello de Cerceda e colaborador en prensa; e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística do Concello de Carballo, como secretario, sen voto. Os obxectivos do premio son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso do idioma galego e promover o emprego do galego na prensa escrita.
A entrega do premio terá lugar no transcurso da Festa da Lingua, que terá lugar o sábado 7 no Pazo da Cultura de Carballo, e na que actuará o grupo musical Marful, o teatral Berrobambán e será presentada por Yolanda Castaño.
Convocado o I Concurso de Microcontos do Concello de Valdoviño
O Concello de Valdoviño a través da Concellaría de Cultura e da Biblioteca Municipal convoca o I Concurso de Microcontos, que rexerán as seguintes bases:
1.- Poderá participar neste concurso calquera persoa residente na comunidade autónoma galega, sempre que o texto presentado esté escrito en língua galega e se cumpran os requisitos esixidos na presente convocatoria.
2.- Establecense as seguintes categorías de participación:
A) De 8 a 11 anos.
B) De 12 a 17 anos.
C) Adultos.
3.- Os temas de referencia dos textos serán:
– os bosques (a ONU declarou o 2011 como o Ano Internacional dos Bosques)
– a música (o Decreto 4/2011 de 13 de xaneiro declara o ano 2011 como Ano da Música de Galicia)
4.- A extensión máxima será de 300 palabras incluído o título.
5.- Os traballos presentaranse por quintuplicado, debendo ser inéditos e non premiados noutros concursos.
6.- O modo de presentación dos traballos será: sobre grande no que conste a categoría e o pseudónimo do autor. No interior deste sobre introducirase :
– O traballo a presentar asinado co pseudónimo.
– Un sobre de menor tamaño, pechado, que leve dentro os datos do autor (nome, apelidos, enderezo, DNI e teléfono) e escrito no exterior o pseudónimo do autor.
7.- O prazo de entrega rematará o mércores 18 de maio ás 14:00 horas. O lugar de entrega será a Biblioteca de Valdoviño sita en Casa de Cultura, Gándara de Abaixo , s/n. Valdoviño C. P. 15552.
8.- Os premios consistirán en vales canxeables por libros en librerías da comarca polos seguintes importes:
* Categoría A: MELLOR MICROCONTO : 40’00 euros / MENCIÓN ESPECIAL : 30’00 euros.
* Categoría B: MELLOR MICROCONTO : 50’00 euros / MENCIÓN ESPECIAL : 35’00 euros.
* Categoría C: MELLOR MICROCONTO : 100’00 euros / MENCIÓN ESPECIAL : 45’00 euros.
9.- Os orixinais premiados quedarán en propiedade do Concello de Valdoviño. Os orixinais non premiados serán destruídos. A participación no concurso conleva a autorización expresa dos autores a que os seus textos podan publicarse e difundirse a través da páxina web do Concello; así mesmo, o Concello de Valdoviño reserva os dereitos para unha posible edición local polo que os autores cederán os correspondentes dereitos de publicación.
10.- O xurado darase a coñecer no mes de maio a través da páxina web do Concello e no taboleiro de anuncios da Casa de Cultura e estará formado por persoas de recoñecida capacidade para xulgar este concurso. Este xurado quedará facultado para resolver calquera incidencia que puidera producirse e non estea contemplada nas bases. Terá en conta o valor literario, o correcto emprego da língua galega e a capacidade de transmisión da mensaxe escrita. As decisións do xurado serán tomadas en única votación por maioría de votos e o seu fallo será irrevocable podendo declarar desertos os premios se estiman que os textos non teñen calidade suficiente. O xurado resérvase o dereito de non admitir a concurso os microcontos que atenten contra os dereitos á intimidade, honra e a propia imaxe ou que conteñan connotacións sexistas, discriminatorias, difamatorias ou calesquera que atenten contra a dignidade.
11.- O fallo do xurado farase público o día 24 de maio e será publicado na páxina web do Concello. Os premios serán entregados en acto público o domingo 29 de maio coincidindo co peche de actos celebrados co gallo das Letras Galegas 2011 .
12.- A participación no concurso implica a aceptación das presentes bases.
En Valdoviño, abril de 2011.
Alcaldesa, Mª Isabel Álvarez Diéguez.
Xosé Luís Regueira: “Hai un intento político para desmontar a normalización do galego”
(Xornal)