Foro Academia Aberta 2010: Creatividade na crise. Adaptarse ou desaparecer

Do martes 16 ao xoves 18 de novembro, na sede da Fundación Caixa Galicia de Santiago, e no marco de Cineuropa, desenvólvese a oitava edición do Foro Academia Aberta 2010, que baixo o título Creatividade na crise. Adaptarse ou desaparecer, afondará no problema da crise económica estructural e en como potenciar as dificultades para convertelas en oportunidades de éxito apoiándose, sobre todo, na creatividade e na innovación. Coordinado por Manolo González, o Foro contará con tres mesas redondas. O martes 16, baixo o título O Financiamento afondará nas novas formas de financiamento que posibiliten producir proxectos viables. Nesta mesa participarán contando a súa experiencia Luis Miñarro, produtor de cine independente; Rubén Zarauza, produtor; e Toni Carrizosa, director de produción. O mércores 17, será o momento de falar dos procesos intermedios que posibilitan o contacto do publico coa obra audiovisual, a Explotación e difusión de obras. Para afondar no tema os convidados serán Jaume Ripoll, director de proxecto de Filmin; Jorge Carrasco, especialista en Cine Dixital; e María Yáñez, produtora de contidos de A Navalla Suíza. Xa para finalizar, o xoves 18 porá o seu peche cun coloquio adicado aos Creadores. A pesares da crise xeral na que está sumido o sector, existen creadores que seguen sacando adiante os seus filmes baixo a etiqueta “de baixo orzamento” e acadando importantes éxitos dentro e fóra das nosas fronteiras. Albert Serra, director; Ángel Santos Touza, director; Mario Iglesias, director; e Olaia Sendón, documentalista; serán os encargados de afondar neste tema. Todas as mesas redondas serán ás 18 horas. Máis información na páxina web da Academia Galega do Audiovisual, ou descargando o programa en formato .pdf: Foro Academia Aberta 2010.

Antón Cortizas: “A escola debe recuperar o patrimonio do xogo tradicional”

Entrevista a Antón Cortizas en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe: Calquera materia se pode aproveitar destes recursos?
Antón Cortizas: O ensino pode recorrer a esta sabedoría sempre. É máis, un dos mandatos da Unión Europea é traballar por competencias básicas e iso quere dicir desenvolver as habilidades que o individuo debe densenvolver para poder desenvolverse na vida. Con calquera disciplina e calquera enredo pódese traballar iso. Cando ensinas ciencias naturais tamén estás ensinando lingua e se temos que tomar medidas utilizamos matemáticas, é unha globalidade, que tamén é o que suxire as competencias, no sentido de traballar desde distintos eidos da aprendizaxe. O brinquedo foi unha escola, a escola da natureza e do aire libre, a escola da tradición e da comunicación era unha forma de endoculturación, de absorber a forma de vida e de ser do grupo ó que se pertence e de aproveitamento do contorno. Xa que logo, a construción e uso do xogo tradicional son válidos para calquera materia, nivel e tipos de nenos. A escola ten que ser o máis lúdica posible, porque iso é cultura.”.

Ramón Caride: “Só morre o idioma que se deixa matar. A guerra non a temos perdida”

Entrevista a Ramón Caride en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe: Ramón Caride e a poesía… Ultimamente, Ramón, parece que a tes abandonada, ou cecais fuches abandonado por ela; pero talvez exerces o teu labor poético nun silencio moderato, tal que un exercicio reflexivo, espiritual, pero espero que non haberá tardanza en ler as túas novas poéticas. Fálame do anterior e do novo, que creo que axiña leremos. Non, Ramón?
Ramón Caride: Eu comecei como poeta xa hai moito tempo, falamos do 1986, cun libro autoeditado, a este seguiron outros dous de difícil publicación e edición escasa, que eu, á volta dos anos, considero obras máis ca nada de aprendizaxe, non estou moi certo delas. Por iso estes tres primeiros poemarios non as incluín en As máscaras de Cronos –Poemas 1994-2005-, que se publicou hai catro anos. Este é un volume de máis de dúas centas cincuenta páxinas de poesía, o cal para min xa é case excesivo, pois eu son máis de obras intensas que de libros extensos; así que quedei moi satisfeito desa obra poética, e sen intención de facer máis poesía. Pero como un non é dono da poesía, como ti ben dixeches, a poesía non ten dono, pois tres anos máis tarde publiquei Criptografías en Libros da Frouma, que se presentou neste ano aquí en Compostela, e axiña tirarei do prelo A Chuvia Humana en Toxosoutos, un novo poemario. A verdade é que me dá un chisco de vertixe publicar dous poemarios tan consecutivos, e non acabo de entendelo eu mesmo, pero non quero parar a pensalo moito. Como digo neste último libro, que é en grande parte de micropoemas:”A poesía non se explica / revélase / ou non é tal”. Seguramente, a esencia da poesía é o misterio. E ríome dos canonizadores, catalogadores e clasificadores: “O taxonomista / nunca pode ollar / o voo da bolboreta”.

Víctor F. Freixanes: “Nós era a modernidade”

Entrevista a Víctor F. Freixanes en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe: ¿Que significa a revista Nós no seu contexto temporal e o noso contexto contemporáneo? ¿Segue a haber unha influencia hoxe?
Víctor F. Freixanes: Desde o meu punto de vista, a revista representa a modernidade: a aposta pola modernidade da lingua e da cultura galegas, abertas ao mundo, sen intermediarios. Esta é unha idea importante que os promotores da publicación declaran explicitamente: podemos (e debemos) ser galegos, vivir a nosa lingua e a nosa condición de tales sen ter que pasar por alfándega nin fielato ningún, naquel momento referíanse moi especialmente a Madrid. Aínda hoxe, a cultura galega, a nosa proxección exterior sobre todo, pasa case irremediablemente pola intermediación dos cenáculos ou plataformas madrileñas, que é onde están os mecanismos de poder, tamén do poder cultural. Outra dimensión da revista que me parece importante é a súa interdisciplinariedade, a concepción da cultura non como compartimentos estancos, senón como espazos integradores, mesmo globalizadores: a economía, a arqueoloxía, a lingua, a literatura, as artes plásticas, a organización do territorio, as tradicións, os mitos… Tamén un espazo integrador de distintas xeracións. Nunca lamentaremos abondo o terrible golpe que significou a Guerra Civil para todo ese desenvolvemento que se anunciaba”.

A Coruña: conferencia de Xulio Pardo de Neyra sobre A xestación da literatura infantil galega

O martes 16 de novembro, a partir das 20:00 h., na Fundación Caixa Galicia (Cantón Grande, s/n.) da Coruña, Xulio Pardo de Neyra, doutor en Filoloxía Galega e en Historia Contemporánea, e docente da Universidade da Coruña, falará sobre A xestación da literatura infantil galega, dentro do ciclo Lingua, Literatura e Nación que organiza a A. C. O Facho.