“O
xurado dos Premios da Cultura Galega 2010 determinou na reunión celebrada na Fundación Cidade da Cultura os sete premiados que recibirán os galardóns en recoñecemento do traballo creativo da nosa comunidade e a súa expansión no exterior nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural, Promoción Cultural de Galicia, Música e Creación Audiovisual.
A segunda sesión de deliberación estivo presidida polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e contou coa participación como vogais institucionais do director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja; o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o vicerreitor de extensión universitaria, cultura e sociedade da Universidade de Santiago de Compostela, Javier Garbayo e a presidenta da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Mercedes Goicoa. Como membros do xurado designados pola Consellería de Cultura e Turismo tamén participaron na xuntanza o catedrático de Teoría da Literatura e secretario da Real Academia Española, Darío Villanueva; o profesor e crítico de arte Antón Castro Fernández; a arquitecta Isabel Aguirre Urcola; e o compositor Juan Vara García.
A relación de premiados é a seguinte:
– O escritor Agustín Fernández Paz é o galardoado co premio Cultura Galega das Letras en recoñecemento a súa traxectoria vencellada á escrita galega. A proposta foi realizada polo Consello da Cultura Galega e aprobada por maioría.
– A artista Menchu Lamas recibe o Premio Cultura Galega das Artes Plásticas polo seu traballo creativo, desenvolvemento de recursos expresivos e investigación de linguaxes propias. A proposta foi realizada polo Consello da Cultura Galega e aprobada por maioría.
– O Premio Cultura Galega das Artes Escénicas recae en Eduardo Alonso Rodríguez polo seu traballo a prol da dramaturxia galega. A proposta foi realizada por Escena Galega e outras tres entidades e aprobada por maioría.
– A Fundación Barrié de la Maza resulta distinguida co Premio Cultura Galega ás Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural polo seu traballo de catalogación e restauración de bens patrimoniais. A proposta foi realizada polo Consello da Cultura Galega e aprobada por maioría.
– O Premio Cultura Galega á Promoción Cultural de Galicia recoñece á Editorial Galaxia pola súa traxectoria vencellada á expansión cultural de Galicia fóra da comunidade autónoma e á súa difusión no exterior. A proposta foi realizada por distintos membros do xurado e aprobada por unanimidade.
– A Orquestra Sinfónica de Galicia recibe o Premio Cultura Galega de Música pola súa traxectoria vencellada á creación, consolidación e expansión da música galega, dentro da comunidade e no exterior. A proposta foi realizada pola Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e distintos membros do xurado e aprobada por maioría.
– O Premio Cultura Galega de Creación Audiovisual distingue á produtora Vaca Films pola súa actividade, dentro da comunidade e no exterior, a prol dunha linguaxe de calidade, con personalidade propia e con capacidade para se integrar nos escenarios internacionais. A proposta foi realizada por distintos membros do xurado e aprobada por unanimidade.
Con esta decisión, o xurado distingue a persoas e institucións que traballan nos distintos eidos da creación, da conservación e revalorización do patrimonio e da actualización e difusión do noso capital intelectual. O premio consistirá nunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por un artista galego de recoñecido prestixio e nun diploma acreditativo.
Coa creación e convocatoria dos Premios da Cultura Galega 2010, a Consellería de Cultura e Turismo pretende distinguir as persoas e institucións que traballan nos distintos eidos da creación, da conservación e revalorización do patrimonio e da actualización e difusión deste capital intelectual, na propia comunidade ou para o mundo.” Vía Consellería de Cultura.
Laura Seara: “Aínda hai mulleres discriminadas, como o foi Rosalía”
(Xornal)
Vigo: 1ª Xornada Internacional de Crítica e Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil
O xoves 18 e venres 19 de novembro desenvólvese, no Hotel AC Palacio Universal de Vigo, a 1ª Xornada Internacional de Crítica e Investigación de Literatura Infantil e Xuvenil, organizada pola Asociación ANILIJ, que conta coa seguinte presenza galega:
– 18 de novembro:
10.00 h. A Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil (Grupos de investigación):
– Araceli Herrero Figueroa. Grupo de investigación GI-2023 (Universidade de Santiago).
– Blanca Roig Rechou. Grupo LITER21 (GI-1819). Literatura galega. Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas. Facultade de Filoloxía. Departamento de Filoloxía Galega (Univ. Santiago Compostela).
17.00- 18.30 h.: A Investigación en LIX (Exposición de proxectos de investigación):
Blanca Roig Rechou e Veljka Ruzicka Kenfel. Facultade de Ciencias da Educación (Universidade de Santiago de Compostela) e Facultade Filoloxía e Tradución (Universidade de Vigo). Proxecto coordinado: A guerra civil española na narrativa infantil e xuvenil.
– 19 de noviembre:
16:00 h.: Panel de presentación de teses de doutorado en curso ou xa lidas nos dous últimos anos por parte dos propios doutorandos/as ou doutores/as.
– Eulalia Agrelo (USC). Da institución escolar ao centro do canon: Agustín Fernández Paz.
– Pilar Bendoiro Mariño (USC). Análise das tipoloxías de transvase inglés-galego na Literatura Infantil e Xuvenil.
– Mar Fernández Vázquez (USC). A actuación de Carlos Casares no sistema literario galego.
– Carmen Ferreira Boo (USC). Reescrituras do conto de transmisión oral na Literatura Infantil e Xuvenil galega.
– Vanessa Regina Ferreira da Silva (USC-UNESP). A literatura xuvenil en sistemas literarios periféricos: Brasil e Galicia.
– Geovana Gentili (USC-UNESP). A tradición dos contos de fadas e a constitución da literatura infanto-xuvenil brasileira e galega.
– Isabel Mociño (USC). Estudo comparado da narrativa infantil de ficción científica nas literaturas galega e portuguesa.
– Marta Neira (USC). A muller na narrativa infantil e xuvenil sobre a Guerra Civil española no marco ibérico.
Vilaboa (Culleredo): presentación de A Galicia heterodoxa, de Carlos Pereira
O
mércores 17 de novembro, ás 20:00 h., na Biblioteca de Poesía “Uxío Novoneyra“, sita no Pazo de Vila Melania, Vilaboa, Culleredo (Avda. de Vilaboa nº 42), preséntase o libro A Galicia heterodoxa, de Carlos Pereira Martínez, publicado por Espiral Maior, inaugurando a súa nova colección O país das luces. No acto tomarán a palabra Celestino Poza, concelleiro de Cultura, Xosé María Barja, reitor da Universidade da Coruña, Xosé Ramón Barreiro Fernández, historiador e académico, Miguel Anxo Fernán-Vello, editor, e o propio autor.
Santa Cruz, Oleiros: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón
O
mércores 17 de novembro, ás 20:00 h., no Teatro das Torres de Santa Cruz, no concello de Oleiros, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto participarán Antón Reixa e o propio autor.
Algueirada presenta un servizo de edición de textos electrónico
Galaxia presenta os primeiros contos en galego para iPad e iPhone
(Galaxia)
A Coruña: regueifa entre Pinto de Herbón e Suso de Xornes na Biblioteca González Garcés
Ponteceso: conferencias de Sechu Sende no Outono Pondaliano
O
martes 16 de novembro, a partir das 16:00 h., na Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, proseguen as actividades do Outono Pondaliano, coa conferencia de Sechu Sende sobre Os prexuízos lingüísticos desde Eduardo Pondal ata hoxe. O programa completo pódese consultar aquí. Vía Fervenzas Literarias.
Santiago: presentación de En defensa do poleiro
O
martes 16 de novembro, a partir das 19:30 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase En defensa do poleiro, publicado por Toxosoutos, libro colectivo, iniciativa da Plataforma en defensa do uso público e educativo do mosteiro de Celanova, que contou coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e no que participaron máis de 60 escritores galegos. No acto estarán presentes Xoán Carlos Domínguez Alberte, coordinador do volume, con David Otero, Mariña Pérez Rei, Xan Fraga, Lourdes Maceiras, Xosé Manuel Lobato e Baldo Ramos. Tamén se proxectará o audiovisual: O Iesplicable.
