Maceda: nova edición das Polafías

O sábado 13 de novembro, a partir das 18:00 h., no Centro Sociocomunitario de Maceda (Rúa Toural, 10), con entrada libre, nova edición das Polafías: Portadores de tradicións. Participarán artesáns que falarán de vivencias relacionadas co seu oficio, xunto a conveciños/as nosos sabedores/as de historias e lendas da bisbarra. O apartado musical está a cargo do grupo de pandereteiras Debanadoira e compoñentes da Banda de Gaitas de Maceda. Recitará poemas Isidro Novo. Organizado pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e patrocinado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Pontevedra: Ponte-Poética, I Festival de Poesía das Linguas do Estado

O venres 12 e sábado 13 de novembro, celébrase o I Festival de Poesía das Linguas do Estado en Pontevedra, Ponte-Poética, organizado polo Ateneo, que quere ofrecer, nun encontro anual, a mellor poesía escrita en galego, castelán, catalán e éuscaro a todos os amantes do xénero que queiran achegarse a escoitalo na voz dos seus propios autores, nun completo programa de recitais, en distintos espazos da cidade, abertos e gratuítos a todo o público interesado. A dirección do Festival corre a cargo de Yolanda Castaño, a coordinación Xaime Toxo, Antón Sobral e Carlos Fontes, baixo o patrocinio da Concellería de Cultura de Pontevedra, a Consellería de Cultura e Turismo, a Deputación Provincial de Pontevedra e Caixanova.

O programa é o seguinte:
Venres 12 de novembro:
– 18:30 h. Salón Nobre da Deputacion de Pontevedra. Sesión inaugural: David Castillo, Román Raña e Ada Salas.
– 20:00 h. Salón Nobre da Deputación de Pontevedra: Miren Agur Meabe, Josep Pedrals e Manuel Forcadela.

Sábado 13 de novembro:
12:30 h. Teatro Principal de Pontevedra: Leire Bilbao, Elena Medel, María Lado e Lucía Aldao.
18:00 h. Teatro Principal de Pontevedra. Recital final con todos os poetas participantes e clausura do Festival Ponte-Poética.

Neste arquivo pódese descargar máis información: Ponte-Poética 2010.

Ditames do XVIII Certame de ensaio e narrativa Carvalho Calero

O xurado do XVIII Certame Literario e Lingüístico Carvalho Calero, presidido por Mercedes Carbajales, e con Ángeles González como secretaria, e integrado por Xabier P. Docampo, Rosa Aneiros, Carlos Pazos, Carlos Garrido e Victoria Salgado, deu a coñecer o seu fallo, anunciando que o catedrático e filólogo coruñés Manuel Castelao Mexuto resultou gañador no apartado de ensaio pola súa obra Elucidacións na sombra. Análise e interpretación de dúas pezas teatrais de Carvalho Calero. Na categoría de narrativa o premio quedou deserto por segundo ano consecutivo, xa que os traballos presentados non alcanzaron a calidade requerida nun certame que, recentemente, se decidía consolidar como bianual, co que a próxima convocatoria terá lugar no 2013. A entrega do premio celebrarase a finais de mes e destacaron a importancia da data, xa que neste ano se cumpre o centenario do nacemento de Ricardo Carvalho Calero, ilustre filólogo e escritor, membro numerario da Real Academia Galega e primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela. O gañador, Manuel Castelao Mexuto, verá editada a súa obra e recibirá un premio en metálico de 3.700 euros, destacando o xurado o traballo interpretativo e reflexivo, así como o gran esforzo didáctico do autor, ampliando así o seu público potencial. (Concello de Ferrol. Tamén se recolle a nova en Galicia HoxeDiario de Ferrol, Cultura Galega).

Santiago: presentación do Dicionario Galego de Pedagoxía

O luns 15 de novembro, ás 19:30 h, na sala de xuntas da Facultade de Ciencias da Educación, Campus Vida, de Santiago de Compostela, preséntase o Dicionario galego de Pedagoxía, publicado por Galaxia. No acto participan Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, Juan Casares Long, Reitor da USC, Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística, e os directores do dicionario, Felipe Trillo e José Antonio Caride.

Santiago: Círculos Poéticos Abertos na defensa da língua

O domingo 14 de novembro, a partir das 19:00 h., na Casa das Crechas (Vía Sacra, nº 3) de Santiago, desenvólvense os Círculos Poéticos Abertos na defensa da lingua. Todas as persoas que queiran colaborar neste acto, xa se poden anotar a través do correo electrónico: penultimoacto@gmail.com. Ademais de Penúltimo Acto (Enrique Leirachá, rosanegra, Cruz Martínez) e Wladimir Dragossán. Xa confirmaron asistencia a este acto: Pere Tobaruela, Iolanda Aldrei, Concha Rousia, Dara Escribano, Simón Cabo, Belém Grandal, Telmo Rodríguez…

O Temple, Cambre: Vermú literario en torno a Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz

O sábado 13 de novembro, a partir das 13:30 h., na Librería A Libreira (Rúa Luís Seoane 2, O Temple, Cambre) terá lugar Vermú Literario arredor do do libro Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz, publicado en Xerais. Durante o acto haberá un encontro co autor para celebrar a saída da segunda edición do libro. Máis información aquí.