

Entrevista de María Viñas a Xavier Alcalá en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Comandantes e familiares abre o camiño cara a Tempo de fugas. Que papel xoga esta novela dentro da «Triloxía dos mayimbes»?
– Xavier Alcalá (XA): É o elo central, o que mergulla o lector directamente nas entrañas do poder revolucionario cubano. Se A capital do mundo nos levaba ata Nova York e mostraba a vida dun emigrante galego na metrópole capitalista, aquí a protagonista queda atrapada no mundo oposto: o socialismo tropical, con todas as súas contradicións. Comandantes e familiares amosa como a Revolución tamén se humaniza, ou se descompón, nas relacións de familia, de confianza, de conveniencia.
– LVG: É a protagonista a chave para comprender a trama?
– XA: Sen dúbida. Nieves é o fío que entretece as tres novelas. Non é unha heroína ao uso, senón unha muller que observa, que sofre e que actúa segundo as súas conviccións. Ten unha capacidade rara de adaptarse sen renunciar a si mesma. No fondo, é unha emigrante que non deixa de ser galega, e iso dálle un punto de vista diferente, libre, incómodo mesmo para os que a rodean. (…)”
Artigo enviado por Suso de Toro:
“Cando o lume sexa apagado e se poida socorrer as persoas e familias prexudicadas e darlles conforto, o seguinte que debe facer a sociedade galega é dar homenaxe e, sobre todo, escoitar a veciñanza dos concellos tan afectados polo lume, e escoitar os traballadores que apagaron os lumes, que até agora non foron escoitados e, polo contrario, foron desoídos pola Xunta e desprezadas as súas razóns.
Cando o lume sexa apagado, todo o país, toda Galiza, ten que reflexionar sobre o camiño de desidia e destrución no que nos teñen desde hai anos. Temos que reflexionar criticamente sobre AS POLÍTICAS QUE FAN DO NOSO PAÍS UNHA MERCADORÍA QUE SE VENDE A PEDAZOS A EMPRESAS FORÁNEAS. Reflexionar criticamente sobre AS POLÍTICAS DESTRUTIVAS QUE MALTRATAN O NOSO TERRITORIO E DESTRÚEN AS NOSAS RIQUEZAS NATURAIS E O NOSO FUTURO.
Cando o lume sexa apagado, o noso país tense que ollar nun espello limpo e dicir en voz alta: “Non queremos seguir así, non podemos permitir que destrúan a nosa Terra, non podemos permitir que nos destrúan. Temos que mudar de rumbo.””
Artigo de Carme Adán en Nós Diario:
“Terríbel. Esta é a palabra máis repetida nesta vaga de lumes. Desesperación e tristeza ante unha perda humana, gandeira e medioambiental irreparábel. A veciñanza desesperada apaga os lumes como pode. Onte escoitaba a unha amiga narrar como usan xestas porque non teñen material. Fora a propaganda política e os chalecos dos cargos políticos do PP, a situación é desoladora. Era cuestión e tempo, meteorolóxico e cronolóxico, que isto sucedese.
As brigadas e os bombeiros en situación precaria e só contratados por tempadas. Mentres, o gasto en militarizar en Europa imponse como unha prioridade, o desleixo cara o agro e o monte é unha constante na Galiza e no Estado. A Xunta entende o monte como un monocultivo de eucaliptos e piñeiros para o negocio das empresas pasteiras; véxase o seu empeño por lexitimar acabar coa riqueza da Ulloa. O modelo de Altri ou Ence sabemos que non xera riqueza no país, todo o contrario: deteriora formas de vida que respectan a biodiversidade.
Hai que pedir responsabilidades en dous sentidos nesta catástrofe. Un sobre como se afronta a extinción dos incendios e outro sobre a prevención. Porque faltaban efectivos cando as alertas por calor extremo se repiten dende hai un mes? Onde están os efectivos da Xunta? A coordinación cos concellos? Non chega coas roldas de prensa nin co control mediático. Anos reducindo os orzamentos e rezando para que chova ten consecuencias. A realidade deixa ao descuberto que os montes necesitan unha política forestal que os poña en valor todo o ano. Aí comeza a prevención. Non é un pacto pola emerxencia climática, é escoitar aos que viven no rural e levan proxectos de rexeneración das especies autóctonas. Especies que en moitos casos son devasas naturais.
A prevención sempre é lenta e cara. No caso da política forestal, as persoas expertas levan décadas alertando da necesidade de mudar o modelo de explotación do monte. Pensemos que os pastos de gando están sendo reforestado con eucalipto, que non se roza o monte ou se fai só para plantacións de especies de crecemento rápido. O suposto abandono do rural asúmese como un mal necesario en nome do progreso. Vai sendo hora de poñer en cuestión que entendemos por “progreso”. Unha palabra vencellada ás cidades e a industrialización da que hoxe, a pouco que a sometamos a análise, vemos as súas trampas.
A respecto desta cuestión quixera facer unha reflexión. Hai xente nova que se viu expulsada do espazo rural por falta de servizos e pola infravaloración do traballo no campo. Explotacións que tiveron que pechar pola baixada dos prezos ou o consumo alimenticio baseado nas grandes superficies son un exemplo. Vivimos de costas ao monte. As crianzas aínda máis. Podemos repasar os contidos curriculares, ou incluso os transversais e detectaremos un desprezo polo noso rural. É certo que en ocasións poñemos o acento no deterioro do planeta, sen reparar que o ecoloxismo é un compromiso coa natureza e a vida desde nós e o noso contorno.
Servirá tanta dor e tantas perdas para que outra política forestal se poña no centro do debate e dos orzamentos?”
Artigo enviado por Alberte Blanco Casal:
“As condicións climáticas adversas, como as deste mes de agosto, facilitan a proliferación dos lumes, pero non resulta comprensíbel nin razoábel que cada foco se converta nun gran incendio. Algo non funciona ben na xestión de Medio Rural para que isto suceda, con esta dimensión catastrófica. Sábese que circunstancias meteorolóxicas adversas son recorrentes cada verán e van en aumento, como sinalamos na Comisión de expertos do Parlamento Galego de 2019. Nos documentos finais que trasladamos ao Parlamento e ao Goberno Galego había unha análise pormenorizada dos elementos clave do sistema de defensa do monte, ademais dunha lista exhaustiva de recomendacións para afrontar con certas garantías unha crise incendiaria. Lamentablemente, non parece que se tivesen moito en conta.
O fundamental nunha política contra-incendios é o desenvolvemento rural. Ter un dispositivo altamente cualificado é importante, pero hai países con excelentes servizos contra incendios (o noso tamén o ten) que non resolven o problema. Hai outros factores estruturais que deben de ser tidos en conta, non centrar todo na extinción.
Debemos ter moi presente que Galiza conta cunha gran cantidade de núcleos rurais dispersos por toda a xeografía do país. Se queremos que o Servizo de Prevención de Incendios (SPIF) sexa eficaz durante unha crise incendiaria de nivel 1 ou 2 (afectación potencial importante a persoas e bens públicos e privados non forestais), cómpre que as faixas de protección contempladas pola Lei de incendios estean en perfectas condicións. É dicir, coas bandas de protección en torno ao perímetro dos núcleos sen biomasa.
Daquela, o SPIF podería actuar con máis eficacia e centrarse nos puntos críticos; do contrario, a emerxencia vólvese ingobernábel. Vista a deriva climática, cada vez máis adversa, haberá que ampliar o ancho das faixas e mesmo realizar devasas de protección nas zonas de pendente que rodean os núcleos para dar unha maior seguridade. Esta medida é esencial, porque temos un grande número de fincas agrícolas abandonadas con matogueira, sen descontinuidade de biomasa altamente combustíbel entre o monte e o medio urbano. Unha bomba. Tampouco se trata de limpar o monte (é imposíbel, ademais de innecesario), só os accesos, pistas e devasas de seguridade.
En definitiva, unha parte significativa da responsabilidade desta catástrofe hai que adxudicarlla á ausencia de prevención, ao abandono do medio rural e á desidia das autoridades. Hai unha aplicación deficiente da lexislación agro-forestal que temos neste momento, aínda que é manifestamente mellorábel. De aplicarse, de facer cumprir cuestións como os perímetros de protección, o control e posta a disposición de emprendedores das fincas agrícolas abandonadas polo Banco de Terras, promocionando o desenvolvemento rural, a ordenación do territorio e un monte onde prevalecese o cultivo en mosaico, con especies alternadas para frear os incendios, o resultado sería outro moi diferente. Non se poden evitar totalmente os incendios, pero poderíanse controlar mellor e evitar moitas catástrofes. Este modelo sería infinitamente máis barato. Lamentabelmente, non parece que este Goberno queira poñelo en práctica.
Ademais da estrutura forestal, o monte multi-funcional ou o desenvolvemento hai un factor indispensábel: implicar a veciñanza do rural na xestión do territorio. O dispositivo contra os incendios non pode ser unha estrutura, por dicilo así, de funcionarios públicos afastados do territorio. Hai que involucrar as comunidades de montes, os propietarios particulares, as cooperativas. Cando se fixo isto, logrouse unha cohesión entre a xente e a administración que resultou moi positivo para o medio rural; o número de incendios e de hectáreas ardidas minguou en máis do 70% a partir da aplicación desa política.
Mais, para iso hai que mudar de mentalidade ou de Goberno. O abandono do medio rural é a causa principal dos incendios. Un rural desenvolvido e ordenado territorialmente non sufriría desfeitas destas proporcións.”