Xosé María Lema Suárez gaña o XV premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela

Xosé María Lema Suárez ven de gañar a XV edición do premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela que organiza a Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada por cinco artigos publicados nos medios El Correo Gallego, Xonal de Galicia, La Voz de Galicia e Música na Noite. O xurado, conformado por Nuria Campos, Valentín García Gómez, Miguel Ramón de la Calle, Luis Reimóndez e José Manuel Bouzas, valorou dos artigos de Lema Suárez “a defensa da lingua galega como definitoria da identidade e valor fundamental da nosa cultura”. O autor recibirá o galardón no marco da Feira do Moble de Galicia, que terá lugar o vindeiro 17 de setembro.
Vía Fervenzas Literarias.

Darío Xohán Cabana: “O vicio de escribir”

Entrevista a Darío Xohán Cabana en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): A literatura para un escritor é ó mesmo tempo profesión e hobby?
Darío Xoán Cabana (DXC): Para min non é unha profesión porque non vivo dela. Tampouco é un hobby, xa que é unha cousa moito máis seria ca iso. É un vicio, pois unha vez que te metes nela é coma o tabaco, que non o dás deixado.
GH: O escritor sempre ten un libro baixo o brazo?
DXC: Non, un escritor é un cidadán normal e corrente coma outro calquera, ó que lle gusta tomar uns viños, dar un paseo, estar sen facer nada ou falar coa xente.”

Francisco Castro: “Internet é o mellor invento dende a imprenta”

Entrevista a Francisco Castro en Xornal:
“Xornal (X): Vostede é un pioneiro no uso das redes sociais para interactuar cos lectores e como medio de promoción. Cre que a web 2.0. está a ser algo positivo para os escritores?
Francisco Castro (FC): Evidentemente. Eu ademais son moi estrito con isto, pois son un talibán das novas tecnoloxías. Creo que para os escritores, para os músicos, para os artistas de toda clase, é unha maneira de mostrar o seu propio traballo sen límites de ningunha clase. Para o caso concreto dos escritores é unha posibilidade fantástica para interactuar co lector. Estou convencido de que a rede, despois da imprenta, é o mellor invento no ámbito da cultura e da comunicación. E logo xa, por suposto, coido que é o único reduto real de liberdade que queda, á hora de opinar, á hora de posicionarse diante do mundo… Non existe ningunha clase de censura, polo menos no noso contorno, malia a que hai países onde si. Así que non podo ser máis que un defensor sen concesións dos blogs, do Facebook, do Twitter e do seguinte que veña.
X: Non opina, como moitos axentes do sector editorial, que internet está a provocar unha perda de ingresos no mundo do libro?
FC: Non, para nada. O segredo de Marco Polo nunca tería a difusión que ten se non existisen os meus mil e pico amigos do Facebook, que foron informados de cando saía a venda. Os medios de comunicación tradicionais dedícanlle o libro galego moi pouco espazo, salvo periódicos como Xornal de Galicia e poucos máis. Internet ofrece a posibilidade de chegar a todo o mundo de xeito gratuíto.”

Santiago: recital Camiño de Oz

O sábado 21 de agosto, ás 19:30 horas, desenvólvese o recital de poesía galega contemporánea Camiño de Oz, con Emma Pedreira, Dores Tembrás, Begoña Regueiro, Xurxo Fernández Martíns e Ana Cibeira. O acto, presentado por Teresa Seara, celébrase na Praza de Cervantes, de Santiago, sendo organizado pola Libraría Couceiro.