A Coruña: World slam title, regueifa poética entre Antía Otero e Dores Tembrás

O domingo 1 de agosto, ás 13:00 h., Antía Otero e Dores Tembrás contenderán nunha regueifa poética para conseguir o World Slam Title, organizado cada primeiro domingo de mes polo Café Bar O’Delito (rúa Tabares, 1) da Coruña. A entrada será libre até completar capacidade.

Lira (Carnota): presentación de Ao pé da Laxa da Moa, de Antón Cortizas

O venres 30 de xullo, ás 20:00 h., preséntase o libro de Antón Cortizas Ao pé da Laxa da Moa. Literatura de tradición oral de Carnota, publicado en Xerais, na Confraría de Pescadoras de Lira Portocubelo, en Carnota. No acto participarán Manuel Bragado, Belén Campos, Francisco X. Fernández Naval e Manuel Souto acompañando ao autor. Ao remate da presentación María de Fetós interpretará unhas pezas musicais coa súa pandeireta.

Vigo: presentación de Tres cores: azul, de Moncho Iglesias

O xoves 29 de xullo, ás 21:00, no pub Batallón (rúa Martín Códax, 17) de Vigo, Moncho Iglesias presenta o seu libro Tres cores: azul, publicado por Estaleiro Editora. No acto, organizado pola Libraría Cartabón, participará, co autor Vítor Suárez, membro da editorial.

Xosé Luís Méndez Ferrín gaña o Premio Fernández Latorre

“O Padroado da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, constituído en Xurado para fallar o LII Premio Fernández Latorre, instituído en memoria do fundador de La Voz de Galicia, acordou conceder por unanimidade o premio Fernández Latorre na súa edición do 2010, dotado con 10.000 euros, a Xosé Luís Méndez Ferrín, escritor e presidente da Real Academia Galega. O xurado desta 52ª edición (composto por Santiago Rey Fernández-Latorre, presidente da fundación; Roberto Blanco Valdés, Sergio Cancelo Mallo, Luciano Vidán Martínez, vogais; José Francisco Sánchez Sánchez, vogal e director da fundación; José María Arias Mosquera, José Arnau Sierra, Manuel Fernández de Sousa Faro, Manuel Jove Capellán, José Carlos Martínez Pérez e José Luis Méndez López, patróns de honra da fundación; Xosé Luís Vilela Conde, director de La Voz de Galicia, e Manuel Areán Lalín, vicepresidente da fundación, que actuou tamén como secretario) tivo en conta a súa longa e fecunda traxectoria literaria, que o ten convertido na figura fundamental das letras galegas do último medio século, non só pola súa faceta narrativa e poética, senón tamén pola súa vasta produción periodística e polos seus traballos de investigación e de crítica. Salientou ademais o seu compromiso constante e irrenunciable coa lingua e a cultura galegas, polas que Méndez Ferrín ten traballado con afouteza durante toda a súa vida e que ten inspirado a súa obra literaria, o seu labor docente e investigador e a súa actividade pública. A entrega do galardón terá lugar no último trimestre do ano nunha velada que se desenvolverá no Museo Santiago Rey Fernández-Latorre.” Máis información aquí.

Xosé Luís Méndez Ferrín: “Eu non creo niso de norte e sur”

Entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín en La Voz de Galicia:
“La Voz de Galicia (LVG): Falemos de literatura. En Galicia hai sempre esa obsesión de que falta “a gran novela”, aínda que temos mestres en xéneros dificilísimos como a poesía e o conto.
Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): Iso foi unha idea de Torrente Ballester, que empezou a dicir: “Falta la gran novela gallega”. Eu creo que o conto é un xénero máis difícil que a novela. Como dicía Cortázar: “En la novela puedes ganar por puntos, pero en el cuento tienes que ganar por K. O.”. Non hai termo medio, un conto non pode ser regular. Ten que ser perfecto.
LVG: Na súa prosa, un dos seus grandes temas é a raia.
XLMF: Si, os que vivimos preto de Portugal, da raia, temos unha sensación ambigua, porque estamos ao lado dunha fronteira política que é a máis antiga de Europa, porque data do século XII e, polo tanto, é unha raia moi poboada e moi permeable, na que se dan cousas curiosas: o contrabando, un mundo ancestral que xa non existe, os refuxiados políticos… Todo isto sempre me suxeriu moitas ideas para as novelas.
LVG: De Vigo a Oxford. Coincidiu por alí cun tal Tolkien.
XLMF: Tolkien era profesor alí e tomaba cervexas no mesmo bar ao que ía eu. Todas as tardiñas, ás sete, estaba alí con Carl S. Lewis e un bispo anglicano. Nós non sabiamos quen eran eses señores con pinta de catedráticos. Ata que, pasados os anos, volvo entrar alí e vexo na parede unhas fotos de clientes ilustres e vexo aqueles señores e debaixo os nomes: Tolkien, Carl S. Lewis e o bispo non sei quen…”

Alfonso Pexegueiro: “O mundo non escrito”

Entrevista a Alfonso Pexegueiro en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): Como nace o proxecto de adaptar ao teatro o poemario A illa das mulleres loucas?
Alfonso Pexegueiro (AP): É un proxecto longo, que empezou hai sete anos, coa reedición de A illa das mulleres loucas en Galaxia no ano 2004. Pero cos músicos, Anxo Pintos e Quico Comesaña, levamos traballando xa sete anos. Vimos a posibilidade de levalo a escena porque a xente conectaba moi ben co espectáculo pero só duraba 18 minutos. Contactamos con dúas actrices, Vanesa Sotelo e María Caparrini e con elas levamos traballando dous anos. Ao final, conseguimos que as luces as fixera Baltasar Patiño, un traballo excelente que completou a obra.
GH: Vostede pon a voz no espectáculo. De que maneira?
AP: Si, eu poño a voz e tamén me movo polo escenario. É un diálogo entre os instrumentos e as actrices. Todo parte do libro, que ten unha presenza escénica, xa que eu o levo no escenario como se todo saíra do libro e cando se pecha o libro, péchase o espectáculo. Non é tanto como cómic pero si para dar a imaxe de que todo sae dun mundo que está nesa illa que todos percorremos algunha vez porque a temos dentro de nós”.

Moncho Iglesias: “A necesidade de atopar”

Entrevista a Moncho Iglesias en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): Tres cores: azul é unha novela complexa e arriscada.
Moncho Iglesias (MI): Si, a verdade é que é arriscada porque non é unha novela que poidas traer á praia e poidas ler descansando e relaxadamente. É prosa poética, non segues un fío argumental no que se suceden os feitos nin hai todo o engranaxe que pode haber nunha novela. É máis complicada no sentido de que require outro ritmo distinto que unha novela cun principio, medio e final.
GH: A prosa poética é unha continua descrición dos sentidos, de aí a complexidade de seguir o texto.
MI: Son consciente de que influíron moito as obras que estaba lendo mentres escribía. Na primeira parte estaba vivindo en México, viaxaba por Centroamérica e empapeime da literatura deses lugares. Despois de viaxar, coñecín autores dos que me namorei. Estando en México namoreime de Carlos Fuentes ou de Ramón López Velarde, poetas que viaxaron comigo. Esa prosa ten bastante que ver con el. E na India, a obra ten que ver con Salman Rushdie. O narrador acaba coñecendo as palabras de Carlos Fuentes que en certa maneira tamén se converte nun personaxe da obra.”

Recital dramático de A illa das mulleres loucas, de Alfonso Pexegueiro

O 28 de xullo, ás 22:00 h., no Auditorio Municipal de Cangas, Inversa Teatro presenta A illa das mulleres loucas, dirixida por Vanesa Sotelo, un recital dramático baseado na obra homónima de Alfonso Pexegueiro. Esta representación une á calidade da proposta textual e interpretativa a música a cargo de dous dos compoñentes de Berrogüetto, Anxo Pintos e Quico Comesaña.