A feira das industrias culturais galegas ten previsto celebrarse do 10 ao 12 de decembro na Coruña. O presidente da recentemente creada Asociación Culturgal, Xulio Amigo, reuniuse onte coa concelleira de Cultura coruñesa, María Xosé Bravo, acompañado polos tres membros da executiva de Culturgal: o vicepresidente da asociación, Ernesto Chao, o secretario, Cándido Meixide e a tesoureira, Beatriz Sieira, para comezar a andaina da que ten que ser a gran cita referencial da cultura galega. Polo de agora, o Concello da Coruña e Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) son os únicos apoios económicos garantidos para patrocinar o Culturgal, un encontro da industria da cultura que, en palabras do presidente da Asociación Culturgal, Xulio Amigo, “debe de estar sempre por enriba de circunstancias políticas” de tal xeito que o apoio se manteña independentemente de quen detente o poder no país.
Homenaxe a Francisco Fernández del Riego no seu domicilio
Amigos e responsables da Fundación Penzol e de Galaxia, acompañados do Presidente da Real Academia Galega, homenaxearon o pasado venres 23 de xullo a Francisco Fernández del Riego, visitándoo na súa casa para, nun acto sinxelo pero pleno de emotividade, entregarlle unha placa pero, sobre todo, para entregarlle o agarimo, as apertas de todo un país e, moi en especial, para facerlle saber do profundo agradecemento que todos sentimos pola súa vida, exemplar, ao servizo do noso país e da nosa cultura. Durante todo o acto, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, mantívose ao carón de don Paco, nunha xornada que o protagonista definiu como “inesquencible” e como “un agasallo”. Nun discurso pleno de emoción explicou como durante estes anos xa fora receptor de moitas homenaxes, pero que aquela, dos seus amigos, era sen dúbida a máis importante e a que máis dentro lle chegara. Máis información aquí.
Xornal: “Manuel Rivas mergúllase no contrabando coa nova novela que publicará en outono”
Entrevista a Manuel Rivas en Xornal:
“Manuel Rivas ofrecerá en outono unha nova novela da man da Editorial Xerais. Nesta ocasión, o escritor e académico introducirase no mundo do contrabando. Para iso, ideará unha vila inventada como escenario da súa nova creación, titulada Todo é silencio. “Acontece nun lugar imaxinario con referencias reais da costa atlántica. Nárrase o ascenso dun capo do contrabando, pero o realmente esencial na obra son as personaxes. O contrabando é simplemente o pano de fondo”, adianta o académico Manuel Rivas. Dende esa vontade de poñer en primeiro plano as personaxes, realiza un percorrido temporal polo transcorrer desta vila imaxinaria. “O libro está ambientado nas últimas décadas do século XX, trata da vida da xente deste lugar e das distintas xeracións. Pódese dicir que trata das almas da vila”, explica o autor de Que me queres, amor?.
A nova tamén é sinalada en Faro de Vigo, La Opinión e Xerais.
Bookcrossing con Dragal, de Elena Gallego
O aeroporto Charles de Gaulle de París, a cidade de Beijing e o porto xaponés de Kyoshu son algúns dos lugares elixidos pola escritora Elena Gallego para ceibar senllos exemplares da súa novela Dragal, a herdanza do dragón, editada por Xerais. A andaina dos libros, rexistrados e ceibados coas etiquetas de bookcrossing números: 178-8134411 Aeroporto Vigo 24 xullo, 194-8188676 Aeroporto Charles de Gaulle-París 24 xullo, 198-8128827 Beijing- 25 de xullo e 518-8129916 Porto de Kyoshu, illa de Fukuoka, Xapón 1 agosto, poderá seguirse a través da web internacional de Bookcrossing. A autora tamén abriu un espazo bookcrossing na web da novela, na que aquelas persoas que atopen os libros ceibados nesta novidosa experiencia poidan subir cometarios e fotos.
Culleredo: exposición Feito en Culleredo II, de artes plásticas, visuais, cómic e poesía
O mércores 28 de xullo, ás 20:30 h., na sala de exposicións “Xosé Rey Lago”, dos Muíños de Acea de Ama (O Burgo, Culleredo), inaugúrase, coa participación de Celestino Poza e Carlos Pereira, a exposición colectiva Feito en Culleredo II, organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Culleredo, que permanecerá aberta até o 3 de setembro, cun horario de luns a venres de 18 a 21 h., e sábados de 12 a 14 e de 16 a 20 h. Nesta exposición participan os poetas Pablo Bouza, Luz Campello e Miguel Anxo Fernán-Vello, xunto ao ceramista Rafael Magán, o autor de cómic Xurxo García Penalta, as escultoras Soledad Penalta e Iria Rodríguez, os fotógrafos Luís M. Iglesias, Xurxo Lobato, Román Montesinos e Pedro Pastor, e os pintores Charo Arriaza, Diana Atchinson, Lola Beade, Tim Behrens, Lidia Carrión, Miguel Anxo Lamela, Vanessa Lodeiro, María Martínez, Miguel Melero, Carlos Montero, Nuria Mosqueira, Carlos Pereira, Isabel Pintado, Tino Poza, Carmen Quiñoá, Beatriz Ruiz, Gosia Trebacz e Luisa Valdés.
Manuel Lourenzo: “Son adicto á irreverencia co poder existente, non quero saber del; paréceme inmundo”
Entrevista a Manuel Lourenzo en Xornal:
“Xornal (X): Que ofrece Manuel Lourenzo na obra As cousas do verán?
Manuel Lourenzo (ML): Pois cousas do verán [Ri]. Realmente achega retallos, elementos de diversos lugares como a Mariña Lucense, todas esas zonas de Viveiro ou de Foz, tamén da Coruña. Son catro historias diferentes que teñen puntos en común, cousas que lles pasan á xente nesta época do ano na que nos retiramos un pouco.
(X): Fala da Mariña Lucense e da Coruña, lugares moi significativos na súa vida. A obra ten moito de autobiográfico?
(ML): Non hai nada autobiográfico nela, pero está influída polas paisaxes humanas e físicas dos lugares nos que vivo. Son os escenarios nos que se moven os protagonistas que teñen un punto en común que é o amor. Hai algunhas historias amorosas que nalgún momento reverdecen ou que quedaron aí. Creo que ten un ton lírico porque busquei unha estrutura coa que prescindir de acotacións e de determinados elementos que non están nas personaxes, omítese a técnica teatral.
(X): Como evolucionou Manuel Lourenzo dende O moucho até hoxe?
(ML): Teño unha gran capacidade para o salto. Disme iso d’O moucho e eu quedo pensando: “Que será iso…” até que caio na conta de que era unha primeira obriña que escribira aló polos sesenta. A verdade é que o propio traballo e o entusiasmo do traballo non me permite botar a vista cara atrás. Pero creo que estou como o primeiro día, creo que son máis consciente e máis forte.”
Ánxeles Penas: “O problema non é independizarnos senón loitar contra o autoodio”
Entrevista a Ánxeles Penas, en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): Que tal te levas coa narrativa e co ensaio?
Ánxeles Penas (AP): Co ensaio lévome moi ben e, de feito, teño publicados moitos ensaios, en torno á arte e literatura en actas de congresos, prensa, revistas, catálogos…, ademais, recentemente, fixen un libro sobre o pintor Alfonso Abelenda para a Deputación da Coruña e outro, con Eva Veiga, sobre Alfonso Costa. En canto á narrativa teño algúns inéditos que, quizais algún día vexan a luz , pero, como hoxe se publican tantas cousas banais, non quero caer no mesmo defecto.
(…)
(GH): De todos os libros que levas escrito, e non son poucos, de cal estás máis satisfeita?
(AP): De O santuario intocable, quizais, porque me parece que é o máis luminoso, e o que mellor toca as técolas do enigma, pero, en realidade non estou completamente segura disto. O meu primeiro libro Con los pies en la frontera xa fala tamén dese abeiramento do descoñecido e teño algún inédito, como A vara do zahorí, que volve á teima da arela de saber. Algúns estudosos da miña poesía, como Luz María Jiménez Faro, Directora de Editorial Torremozas, decántanse por Ya soy para tu muerte e, dende logo, o mellor libro é o que máis emociona o lector.”
Elena Veiga Rilo gaña o 6º Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos
Con Morto en fucsia, Elena Veiga Rilo (Guísamo-A Coruña, 1991), estudante de Filoloxía na Universidade de Santiago, é a gañadora do 6.º Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 anos que se fallou o pasado venres 23 de xullo na tradicional cea que reúne cada ano na Casa Grande do Bachao a máis dun cento de persoas relacionadas co mundo da cultura e do sector turístico galegos. O premio achégalle á gañadora unha escultura de Luís Loureira titulada A peneira dos soños, un ordenador portátil, a estancia ao longo do mes de outubro na Casa Grande do Bachao para ultimar a súa novela coa colaboración de Fina Casalderrey como titora e a edición da obra en galego e castelán antes de rematar o ano. Con Elena Veiga foi finalista Andrea Maceiras Lafuente, presente na cea e que recibiu unha placa conmemorativa ademais da recomendación do xurado de rematar o seu proxecto, no que tamén viu grandes posibilidades de rematar nunha boa novela.
O xurado, integrado por Fina Casalderrey, Pablo García Martínez (gañador da quinta edición) e Tucho Calvo, considera que, “cunha vizosa imaxinación e unha excelente agudeza no emprego da retranca, Elena Veiga ofrécenos unha historia tráxica de lectura amable, capaz de conmover nalgunha páxina ata encollerche o peito, e de arrincarche de súpeto unha gargallada en momentos de esperpento e hipérbole”, constituíndo “unha crítica mordaz e irreverente da sociedade actual que non deixa títere con cabeza: a igrexa, a pedofilia, os malos tratos, a violencia de xénero, os marxinados sociais, o mundo da moda, a hipocrisía enquistada e aceptada polos cidadáns, a droga, a transexualidade, a aparencia, o fraude, os traumas da infancia que quedan como tatuaxes na alma”. Conclúe o xurado que, “auténtica expoñente da que podería ser a nova Xeración Facebook, en Elena Veiga cómpre destacar o ben que xoga durante a construción da trama coa virtualidade e como se aproveita dela para agachar unha proposta de final que abate o lector”.
Antes da lectura da acta do xurado, os convidados puideron disfrutar dun breve concerto do Quinteto Pentalfa que lidera o gaiteiro Bieito Romero e tamén participaron na homenaxe que recibiu o libreiro Xesús Couceiro, a quen se lle fixo entrega do 2.º Premio á Colaboración Necesaria coa Cultura da asociación Pazos de Galicia que visualiza nunha escultura do artista Luís Loureira. Biblos e Pazos de Galicia quixeron salientar unha vez máis o papel fundamental e o esforzo totalmente altruísta que os titores veñen desempeñando no premio que organizan e, para deixarlles constancia do seu agradecemento, fixéronlles entrega dunha escultura creada para a ocasión por Ramón Conde e personalizada cos nomes de Xosé Luís Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana, Helena Villar Janeiro, Agustín Fernández Paz, Manuel Rivas e Fina Casalderrey.
Constituída a Asociación Culturgal
Ven de constituirse hai uns días a Asociación Culturgal. A directiva estará presidida polo director comercial da Editorial Galaxia, Xulio Amigo. As entidades AGE, AGAPHONO, AGEM e Escena Galega, asinaron os estatutos e acta de constitución da ASOCIACIÓN CULTURGAL. Por cuestións burocráticas outros colectivos culturais como AGAPI e EGANET vanse incorporar proximamente. Ademais de Xulio Amigo, como presidente en representación da Asociación Galega de Editores, a directiva queda constituida polo seguintes membros:
Vicepresidencia: Escena Galega- Ernesto Chao.
Secretaría: AGAPHONO- Cándido Meixide.
Tesouraría: AGEM – Beatriz Sieira.
Séchu Sende: “O poder da palabra”
Entrevista en Galicia Hoxe.