Dentro das actividades da Feira do Libro de Cangas, o sábado 24 de xullo ás 20:00 h., preséntase o libro-disco Cores do Atlántico, publicado por Pai-Música, con textos de Ria Lemaire, músicas de Socorro Lira e ilustracións de Quique Bordell.
A Deputación da Coruña convoca o Premio Otero Pedrayo 2010
A Deputación da Coruña é a encargada da convocatoria deste ano 2010 do Premio Otero Pedrayo, cos obxectivos de premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promocionar os valores propios de Galicia e as obras que leven ao esclarecemento e a mellora dos seus homes e institucións. Poderán optar ao premio persoas nadas ou residentes en Galicia, grupos de traballo galegos, personalidades e institucións vencelladas ao país. Pódense consultar as bases completas na convocatoria oficial.
Vidas cruzadas, de An Alfaya, gaña o Premio de Novela por Entregas de La Voz
Unha historia que se alimenta de varias tramas persoais, un matrimonio en crise, un accidente de tráfico que marca un punto de inflexión a varias vidas e, de fondo, un relato sobre a soidade e a incomunicación nos nosos días, un virus silencioso pero moi estendido. Son as raíces de Vidas cruzadas, escrita pola viguesa An Alfaya, quen resultou así gañadora do Premio de Novela por Entregas de La Voz. Os capítulos do relato serán reproducidos nas páxinas deste xornal todos os días do mes de agosto. O xurado estivo composto por Luís Ventoso, Xosé Carlos Caneiro, Ramón Loureiro, Luís Pousa e Ramón Nicolás. Máis información aquí.
Elías Portela: “En Islandia é máis doado publicar e tes máis recoñecemento”
Entrevista en Xornal.
Xinzo de Limia: presentación de Unha vida de ra, de Rafael Laso Lorenzo
O venres 23 de xullo, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Xinzo de Limia, terá lugar a presentación do libro Unha vida de ra, de Rafael Laso Lorenzo, publicado pola editorial Tambre. No acto intervirán Leopoldo Río (Editorial Tambre), Manuel Seoane (arquitecto, presidente do Centro da Cultura Popular da Limia) e o autor.
Cangas: presentación de Pan prós crocodilos, de Calros Solla
O 23 de xullo, ás 20:30 h., Calros Solla presentase o seu poemario Pan prós crocodilos, publicado por Edicións Barbantesa, no SalaSón de Cangas. No acto o autor estará acompañado por João Bieites e Rafa Quintía (Serpe Bichoca), Ana Acuña e Os Chichisos de Pontevedra.
Cangas: presentación de Cartas de republicanos galegos condenados a morte, de Xesús Alonso Montero e A rosa do viño, de Xavier Castro
Dentro das actividades da Feira do Libro de Cangas, o venres 23 de xullo ás 19:30 preséntase a segunda edición de Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948), de Xesús Alonso M
ontero, publicado por Xerais. No acto participan Manuel Bragado e o propio autor.
No mesmo día, ás 20:30 h., Xavier Castro presentará A rosa do viño, publicado en Galaxia, acompañado por Víctor F. Freixanes e Estro Montaña.
Esteiro (Muros): presentación de O frade das dúas almas, de Xosé Tobío Mayo
O venres 23 de xullo, ás 20:00 horas, preséntase O frade das dúas almas, de Xosé Tobío Mayo, publicado por Galaxia, no Centro Sociocultural Casa da Sociedade, en Solleiros s/n. Esteiro. Muros. Participan no acto o alcalde de Muros, Domingos Dosil Cubelo, Víctor Campio Pereiro, que recuperou o texto e prologa o libro, Teresa López, encargada da edición, a neta do autor, Ana Tobío, profesora da Universidade de Florencia, e Carlos Lema, director literario de Galaxia.
Convocatoria do I Premio Via Galego
A Fundación Via Galego convoca este ano a primeira edición dun galardón que recoñecerá de forma específica aquelas persoas ou entidades que desenvolvan un labor para mellorar as relacións de Galiza cos outros territorios do seu sistema lingüístico, o galego-portugués. O premio Via Galego outorgarase anualmente por esta Fundación declarada de interese público e de interese galego. As candidaturas a este galardón han de enviarse ao Padroado da Fundación Via Galego por correo electrónico (viagalego@viagalego.org) ou por correo postal (Rúa do Vilar, 15-1º dereita, Santiago de Compostela) antes do 1 de setembro de 2010. Xunto coa proposta, achegarase un currículo ou folla de méritos. A Fundación garante que as candidaturas se tratarán coa máxima confidencialidade. Ademais, os membros do xurado (que será o propio padroado da Fundación) poderán tamén propor candidaturas e, se así o consideraren, optar por deixar deserto o premio. Nestes momentos conforman o padroado da Fundación Via Galego as seguintes persoas: Carlos Callón (presidente), Susana Romero (vicepresidenta), Iria Taibo (secretaria) e os vogais Xavier Alcalá, Miguel Barros, Fátima Braña, Quico Cadaval, Pilar García Negro, Carmela González Bóo, Adolfo Muíños, Bernardo Penabade, Fran Rei, Henrique Sáez Ponte e Xavier Vence. O galardón Via Galego 2010, que reviste un carácter simbólico e carece de dotación económica, darase a coñecer o día 18 de outubro, aniversario da histórica manifestación en defensa da lingua galega. Máis información aquí.