Entrevista a Chus Pato en Galicia Hoxe:
“Secesión, o seu primeiro libro con formato editorial prosístico, editado por Galaxia no 2009 e presentado como unha especie de “memorias”, pertencería ao mesmo ciclo. “Se ben a súa aparencia é prosística”, subliña, “Secesión está concibido desde a matriz da poesía e non é diferente dos outros. Dalgunha maneira, estou moi cansa dos cortes dos versos por cuestións da caixa do libro e decido poñelos en prosa. Non quero que me corten os versos”.
Pero este ciclo, con títulos como Charenton (2004) ou Hordas de escritura (2008), parece ter os días contados: actualmente escribe “algo” que lle dá pé a albiscar unha nova etapa. “Cando conclúa o segundo ciclo, poderemos dicir que a miña obra redunda nun repóker” e bota a rir cunha gargallada irónica que colpasa o auricular do teléfono polo que facemos a entrevista.
Ignora o alcance da nova etapa, entre outras razóns porque “non sei o que estou escribindo. Empecei hai pouco e non sabería definilo”. Trátase, concede despois de insistirlle, “dunha escrita moi lenta. De momento, ten dúas partes: Unha fortaleza no deserto e Non debo preocuparme polo arco da vella“. Fáltalle o título xeral e, ademais, “vai para largo”. Calcúlalle, polo menos, tres anos de traballo.”
Convocatoria dos Premios Xuventude Crea 2010
A Consellería de Traballo e Benestar convoca os Premios Xuventude Crea, que inclúen as especialidades de representacións teatrais, artes plásticas, moda, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis, deseño de xoias e monólogos, destinados a rapaces entre 16 e 30 anos. O prazo remata, en todas elas, o 31 de agosto de 2010.
– Premio de poesía: as obras serán orixinais, inéditas e en galego. O tema e a técnica serán libres. As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 250 versos a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN-A4 e en tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en único exemplar. As obras deberán presentarse tamén en CD, nas oficinas da Consellería de Traballo de A Coruña, Santiago, Vigo, Lugo e Ourense; ou ben nas Oficinas Locais de Pontevedra e Ferrol. Dotación: 1º premio de 3.000€, 2º premio de 1.500€ e 3º premio de 1.000€.
– Premio de relato breve: as obras serán orixinais, inéditas e en galego. O tema será libre. As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión máxima de 30 páxinas, mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN-A4, e en tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en único exemplar. As obras deberán presentarse tamén en CD, nas oficinas da Consellería de Traballo de A Coruña, Santiago, Vigo, Lugo e Ourense; ou ben nas Oficinas Locais de Pontevedra e Ferrol. Dotación: 1º premio de 3.000€, 2º premio de 1.500€ e 3º premio de 1.000€.
Máis información na convocatoria oficial.
Santiago: Ao pé do prelo, mostra con 300 publicacións para lembrar ao Luís Seoane editor”
Até o 3 de outubro, na Casa da Parra de Santiago: (Cultura galega, La Opinión, Xornal).
Santiago: presentación do libro Penúltimo acto, do Grupo de acción poética
O sábado 24 de xullo, a partir das 18:30 h., no local de Sargadelos de Santiago (na rúa Nova), o Grupo de acción poética Penúltimo Acto presenta o libro, co mesmo nome do grupo, Penúltimo Acto.
Manuel Lourenzo gaña o Premio Abrente de Ribadavia
O académico e dramaturgo Manuel Lourenzo, un dos nomes clave no desenvolvemento do teatro en Galicia, foi o gañador con Aquelas cousas do verán da quinta edición do Premio Abrente de Textos Teatrais, que convoca o Concello de Ribadavia xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística coincidindo coa celebración da Mostra Internacional de Teatro da capital do Ribeiro. O xurado do galardón, dorado con 3.000 euros, resaltou a madureza da obra “tanto na linguaxe coma na escrita e que require dun tratamento escénico moi sutil, en concordancia coa propia sutileza dos componentes do texto”. Aquelas cousas do verán, ademais, posúe en opinión do xurado grandes posibilidades escénicas mediante a creación “dun universo de ficción onde o bo manexo das convencións ou da intertextualidade dotan a obra dunha calidade e madurez especial”. Trátase dun texto, engaden, “que bota man para a súa composición de moi dosificadas pinceladas simbólicas pero que trata con profundidade e moi interesante e transversalmente a actualidade. É unha peza profunda que fala das relacións entre as persoas cun impecable dominio da tensión dramática”. O xurado do premio estaba presidido polo alcalde de Ribadavia, o concelleiro de Cultura da vila, o director da MIT, Roberto Pascual, xunto a un grupo de profesionais das artes escénicas composto por Cristina Domínguez, Tito Asorey e Santi Prego.
A nova aparece recollida en varios medios de comunicación: Culturagalega.org, Galicia Hoxe, A Nosa Terra e Xornal.
Francisco Castro: “O dereito a soñar”
Francisco Castro é entrevistado en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): A liberdade, o soño, a utopía persoal xa estaban no teu libro As palabras da néboa. Como o amor estaba en A canción do náufrago, a opresión en Spam… Hai moitas conexións desta novela coas outras que escribiches. Como en As palabras da néboa ou Memorial do infortunio, hai un nesta fondo de Historia, aínda que non é unha novela histórica. E o escenario é Venecia, que debe ser unha das cidades do mundo nas que hai ambientadas máis novelas… Como preparaches esa parte histórica?
Francisco Castro (FC): Eu creo que Venecia é un lugar polo que todos os novelistas teñen que pasar. É un mundo dentro dun mundo, un mundo pechado… E si é certo que hai determinadas cousas que se repiten. Temas que me preocupan: na literatura, na miña vida, no blog: a loita contra o poder opresivo, a necesidade de darlles unha oportunidade ós nosos soños. Todo o mundo ten dereito a ter o seu soño de liberdade. A documentación histórica é moi importante, e está moi coidada. As rúas son as reais do século XIII. Estiven un ano enteiro buscando, lin o Libro das Marabillas de Marco Polo… Investiguei como foi recibido polos seus contemporáneos o Marco Polo real. Chamábanlle o Milione, porque, nun universo tan pequeno como Venecia, falaba dun mundo moi grande, con millóns de persoas en China…
GH: A técnica narrativa é máis clásica que a das túas novelas que foron cualificadas como “posmodernas”, como Spam… Supoño que estabas a pensar nun público xuvenil…
FC: Eu respecto, aínda que desconfío, da xente que di que non pensa na idade do lector, os que din que é o editor quen decide se a súa novela é xuvenil ou para adultos. Eu tiña claro que estaba a escribir para un público mozo. En Spam ou en Xeración Perdida había un narrador que saltaba as normas clásicas da escrita…”
Pódese ver a entrevista completa aquí.
Santiago: actividades da Fundación Uxío Novoneyra e Rei Zentolo no Festigal
A Fundación Uxío Novoneyra e Rei Zentolo, da cal a marca galega é patrona, únense para festexar o día da Patria Galega durante toda a fin de semana. Instalarán un stand na zona de Feira do Festigal 2010 no que se pasarán diferentes documentais e documentos sonoros e audiovisuais de Uxío Novoneyra, presentarase a fundación recén nada e o seu proxecto de desenvolvemento, e venderanse packs de camisolas de Novoneyra, da súa camisola de homenaxe de Rei Zentolo, xunto a libros do poeta. A Fundación Novoneyra distribuirá as diferentes obras do poeta, ademais de expor e vender a carpeta de “HOMENAXE A UXÍO NOVONEYRA” co gallo das letras galegas deste ano 2010 e unha serie de reproducións de gravados do propio autor courelao, faceta súa, ate hoxe, case inédita. Todos os beneficios das vendas das súas obras (cedidas polas diferentes editoriais: Galaxia, Espiral Maior, Toxosoutos, Alvarellos, …) doaranse á Fundación.
Santiago: presentacións de libros no Festigal o sábado 24 de xullo
Na Galería das Letras do Festigal 2010, que se celebrará no Campus Universitario Sul, desenvolveranse as seguintes
presentacións de libros o sábado 24 de xullo:
Ás 13:00 h., presentación de Cantares Galegos, de Rosalia de Castro, adaptado polo académico da AGLP Higinio Martins. No acto intervirán tamén Héitor Rodal, Ernesto Vázquez Souza e Concha Rousia.
Ás 16:00 h., presentación de Liquilí, portal galego de cultura infantil.
Ás 16:30 h., Ugia Pedreira presenta Noente Paradise, publicado en Através Editora, da AGAL.
Ás 17:00 h., preséntase o libro Xosé Chao Rego. Renacer galego. Actas do Simposio-Homenaxe, publicado pola Fundación Bautista Álvarez, coa presenza de Francisco Fernández Rei, Bernardo García Cendán e Marcos Maceiras Eiras.
Ás 17:45 h., Séchu Sende presenta Animais!, tamén publicado en Através Editora, da AGAL.
Ás 18:30 h., Rosa Aneiros presenta Sol de Inverno, premio Xerais 2009. Neste acto intervirán Manuel Bragado e a propia autora.
Ás 19:15 h., Carlos Callón presenta En castellano no hay problema, publicado en Xerais, acompañado de Manuel Bragado, Alba Nogueira e Caetano Díaz.
Ás 20:00 h., Goretti Sanmartín presenta o libro, coordinado por ela, Lingua e futuro, publicado en Laiovento.
Ás 20:45 h., Artur Alonso Novelhe presenta Filhos da brétema, publicado en Galiza Editora.
Ás 21:30 h., Moncho Iglesias presenta Tres cores: azul, publicado en Estaleiro, acompañado de Vítor Suárez e Samuel Solleiro.
E, por último, ás 22:00 h., Luis Villares presenta Estudos xurídicos sobre o Decreto do plurilingüismo, publicado en Laiovento.
Santiago: actos culturais no Festigal o domingo 25 de xullo
Na Galería das Letras do Festigal 2010, que se celebrará no Campus Universitario Sul, desenvolveranse os seguintes
actos culturais o domingo 25 de xullo:
Ás 15:30 h., presentación de Galiza en Suíza. 50 anos de presenza galega na Suíza, de Xurxo Martínez Crespo, editado pola CIG. No acto participarán Luís Manuel Calvo Salgado e o propio autor.
Ás 16:00 h., Carlos G. Figueiras presenta Quero saber onde se agacham as cores, publicado en Galiza Editora.
Ás 16:30 h., Pepe Cáccamo presenta Un home impuntual, publicado en Galaxia, acompañado por Francisco Castro.
Ás 17:00 h., Carlos Taibo presenta Parecia não pisar o chão, publicado en Avante Editora, da AGAL, acompañado por Valentim R. Fagim.
Ás 17:45 h., María Pilar García Negro presenta O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro, ensaio e feminismo, publicado en Sotelo Blanco, acompañada de Diego Pardo Amado.
Ás 18:30 h., Marilar Aleixandre presenta O coitelo en novembro, publicado en Xerais. No acto participan coa autora Manuel Bragado e Dolores Vilavedra.
Ás 19:15 h. haberá un recital de poesía con textos de Uxío Novoneyra e Rosalía de Castro.
Ás 20:00 h., Teresa Moure presenta A Intervención, publicado en Xerais, acompañada por Manuel Bragado. No acto proxectarase unha videointervención creada pola propia autora.
Ás 20:45h., Francisco Castro presenta O segredo de Marco Polo, publicado en Galaxia, acompañado por Víctor F. Freixanes e Montse Penas Presas.
E, por último, ás 21:30 h., preséntase a primeira versión en galego-portugués do Sempre en Galiza, publicado en Avante Editora, da AGAL, onde intervirán Fernando V. Corredoira, Camilo Nogueira e Miguel R. Penas.
A Coruña: Encontros en Milpedras, recital de poesía, música e pintura en directo
Este venres 23 de xullo, ás 20:30 h., desenvolverase no Taller de Litografía Milpedras, na rúa Brasil, nº 3, baixo, da Coruña, a primeira edición de Encontros en Milpedras, unha proposta para unir en diálogo libre, ao vivo e en directo, poesía, música e artes plásticas. Actuarán recitando poemas Xoán Abeleira, Pedro Casteleiro, François Davó e Ramiro Torres, co músico Dúbi Baamonde e o artista plástico sirio Ali Ali.