O xoves 22 de xullo ás 19:00 h., dentro da Feira do Libro de Cangas, Elena Gallego asinará exemplares da súa novela Dragal, publicada por Edicións Xerais.
O mesmo día, ás 20:30 horas, Pepe Cáccamo presentará Un home impuntual, publicado en Galaxia, acompañado por Francisco Castro e Manuel Pizcueta.
Ás 21:00 horas, Camiño Noia presenta Catálogo tipolóxico do conto galego de tradición oral, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo.
VII Premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocan o VII Premio “Luísa Villalta” a Iniciativas Normalizadoras, dirixido ao conxunto do sistema universitario galego, ben a título individual, ben á constitución de equipos caso das comisións de normalización lingüística ou asociacións estudantís. Estabelécense dous premios: un de 3000 euros ao deseño dunha campaña normalizadora que desenvolva unha iniciativa orixinal que teña como obxectivo fomentar o uso do galego no ámbito universitario, e outro de 1500 euros a unha idea para a promoción do galego que de xeito razoado explique unha proposta cuxo obxectivo for o fomento da lingua galega no ámbito universitario. O prazo de presentación dos proxectos remata o 15 de novembro. As bases poden descargarse aquí.
Emílio Xosé Ínsua: “Facemos literatura fértil e a sociedade non a pon en valor”
Entrevista a Emílio Xosé Ínsua en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): A literatura galega, malia todo, vive un momento de esplendor…?
Emílio Xosé Ínsua (EMÍ): Non sei se “esplendor” é o termo axeitado. Que hai sobrada calidade, pluralidade e interese en moito do que se escribe en galego é un feito evidente. Mais que existe un cortocircuíto case permanente entre esa produción cualitativamente relevante e amplas capas da poboación destinataria ou lectora, tamén. E nesa contradición nos movemos. Temos unha literatura madura, fértil, potente, mais nunha sociedade que, por unhas ou por outras razóns, non a ampara, non a recibe ou non a valoriza como sería de desexar.
GH: A crítica, o ensaio e a poesía son áreas propias de Emilio Xosé?
EMÍ: Agora mesmo, todo o que escribo oriéntase á crítica, á divulgación e ao ensaio. A poesía téñoa case completamente abandonada e outros xéneros, sinceramente, non me tentan. O último libro que escribín, que acaba de publicarse da man do Seminario de Estudos Terra de Viveiro, leva por título Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo). É unha monografía que combina a perspectiva da historia local co compromiso polo idioma, pois entra de cheo no debate sobre a restauración da auténtica toponimia galega.
A entrevista completa pódese consultar aquí.
Fisterra: recital poético dentro da “2ª Festa Nacionalista da Costa da Morte”
O domingo 18 de xullo, desde as 14:00 h., no marco da “2ª Festa Nacionalista da Costa da Morte” que se celebra en Fisterra (Paseo marítimo da praia da Langosteira), terá lugar un recital poético a cargo de Rafa Villar, María Lado, Alexandre Nerium, Mónica Góñez e Modesto Fraga. O acto enmárcase na xornada de confraternidade organizada pola asemblea local do BNG de Fisterra. Haberá, amais do recital de poesía, distintas actividades culturais e un xantar de irmandade.
Informacións nos medios do Acto cívico reivindicativo da AELG
Galicia Hoxe: “Rosalía contra o silencio“.
A Nosa Terra: “Fotogalería da homenaxe no cemiterio de Adina“, e “Rosalía non cae no esquecemento“.
La Opinión: “Reclaman en Santiago unha xestión “aconfesional” do Panteón de Galegos“.
El País: “Mil persoas por un Panteón aconfesional“.
La Voz de Galicia. “Mil persoas reivindicaron cun cortexo a figura de Rosalía“.
Xornal: “Mil voces para secularizar o panteón” e “O cortexo cívico en imaxes“.
Antón Lopo gaña o premio Manuel García Barros coa novela Obediencia
Unha Compostela independente que domina de xeito despótico o seu contorno na Galicia no século XXII. Este é o contexto no que se desenvolve Obediencia a novela coa que o escritor e xornalista Antón Lopo acaba de se facer co XXII premio Manuel García Barros de novela, que convoca o Concello da Estrada. O xurado (composto por Inmaculada Otero, Manuel Santiago Fernández, Xosé Manuel Eyré, Carlos Lema e Valentín García) destacou a capacidade do autor para transmitir “sensación de futuro”. A obra será publicada proximamente pola editorial Galaxia.
A nova foi recollida deste xeito nos medios de comunicación: (El Correo Gallego, Galicia Hoxe, A Nosa Terra, La Opinión, Vieiros, Xornal).
Manuel Bragado é o novo presidente da Asociación Galega de Editores
O novo equipo está formado por Manuel Bragado, de Edicións Xerais, presidente; Belén López, de Baía, vicepresidenta; Laura Rodríguez, de Hércules de Ediciones, secretaria; Xelasio Suárez, de Ir Indo, tesoureiro; Paco Villegas, de Cumio, vogal; Xosé Aldea, de Ouvirmos, vogal; Xulio Amigo, de Galaxia, vogal; e Consuelo Carreira, de Sotelo Blanco, vogal. Máis información aquí.
Xa é posible mercar ebooks desde a web de Galaxia
(Galaxia)
Contido do manifesto da AELG a ler diante do Panteón de Galegos Ilustres
“Hoxe continuamos a te refrendar Rosalía de Castro como a poeta fundadora da literatura galega contemporánea, pois o teu pensamento intelectual traspasa uns versos conscientes de lle estar a dar forma a unha materia patriótica senlleira a través da publicación daquel que foi o teu primeiro monumento literario da modernidade en 1863 e, asemade, voz colectiva da nación: Cantares gallegos. E o compromiso co teu pobo esixíache a utilización da lingua de seu.
Na Habana, en 1880, o teu segundo poemario, Follas Novas, despois de impedimentos e censuras varias, olla a luz e supón a túa consagración definitiva da máis galega e, ao tempo, a máis universal dos nosos escritores. E entón o teu eu xeneroso de escritora comprometida debrúzase e asume ser a voz da solidariedade maiúscula cos marxinados, cos asoballados, coas mulleres do pobo, vítimas dobres dos danos infrinxidos á Galiza, á procura de ser novamente dona da súa propia liña do tempo.
Os que hoxe nos negan, como a ti te negaron ao longo de tanto tempo, son da estirpe dos que ocultaron o xenio do teu verso construíndoche unha imaxe distorsionada para afastarnos da exactitude das túas palabras, co único obxectivo de impediren que o teu verbo incendiase a nosa vontade e a luz dos teus versos abrise ventás de claridade no noso coñecemento. Deformábante para ocultarte, mentían, como nos seguen a mentir hoxe para destruíren a nosa cerna e esborrallaren a espiral de conciencia que ti iniciaches un día, con ese atrevemento histórico que foi un verdadeiro contrato de xustiza co pobo de noso e co futuro. Mais esta celebración de hoxe, 125 anos despois, trae canda nós a reivindicación da túa personalidade consciente, a de ser a primeira feminista da nación galega: pola túa rebeldía ao non aceptares normas masculinas exteriores e superiores á súa propia conciencia e á súa libre vontade; porque te internaches con toda naturalidade no repertorio temático que se reputaba privativo dos homes; porque amosaches a túa solidariedade profunda coa vida e as circunstancias discriminadas das mulleres en xeral e das galegas e traballadoras en particular.
É por iso que neste Nós plural e colectivo que hoxe acode na túa orgullosa lembranza a este Panteón, declarámonos mulleres e homes fillos da túa estirpe e coa forza do teu legado imprescindíbel diremos unha e outra vez, unha e outra vez, unha e tantas veces como sexa necesario, coa mesma lingua coa que ti renegaches dunha emigración que nos destruía, coa mesma lingua coa que reclamaches respecto para os nosos traballadores, coa mesma lingua coa que denunciaches as inxustizas para coas mulleres, esa lingua que ti erguiches da terra para a converteres en material precioso digno do mellor ourive; con esa mesma lingua nós ergueremos a bandeira do noso orgullo de galegas e galegos para seguir pregoando o noso amor, ese amor que nos une a ti por riba do tempo e do espazo, máis alá da existencia material e tanxíbel, o amor por este idioma noso, que en ti volveu nacer e polo que nós tamén daremos a nosa alma nestes tempos agromadores de férridos e escuros.
Porque soubeches ser quen eras e defendíchelo co orgullo dunha voz pública propia e sen medo a non ser entendida ou a seres negada. Como valor humano galego universal que simboliza a nosa identidade de galegos e galegas, e diante da nova situación deste lugar que era laico e de libre acceso e acaba de se converter nun lugar de confesión relixiosa e de acceso restrinxido conforme a vontade dos novos administradores, lonxe de permanecermos inermes e queixosos, non permitiremos que unha parte esencial dos nosos símbolos nacionais, que nos representaron e representan aínda no presente como pobo, fiquen alleados nunha prisión de indiferenza e hostil anulación, demandamos perante túa a nosa dupla vindicación:
1. Apertura ao público do Panteón de Galegos Ilustres en horario de mañá e tarde, por conta da Administración, que permita convertelo nun espazo aberto á sociedade, galega e foránea.
2. Reclamo da aconfesionalidade para o espazo do Panteón, así como a xestión pública do mesmo.”
Manuel Núñez Singala: “Literatura á carta”
Entrevista a Manuel Núñez Singala en Galicia Hoxe:
“Galicia Hoxe (GH): O concepto de literatura á carta está vinculado dalgún xeito aos medios dixitais, máis alá do tan sonado e-book…
Manuel Núñez Singala (MNS): Agora, sobre todo os rapaces novos teñen unha cultura dixital que os que somos máis vellos non temos ou que non temos con tanta facilidade. Unha das cousas que me chama a atención dos rapaces, facendo un símil, é que son multiárea: á vez que están escribindo un texto, teñen aberto o Facebook e chatean no Messenger. Por iso, aínda que un libro non é un formato interactivo por definición, ten en conta o público ao que se pretende chegar.
GH: Que textos lle resultaron máis complexos de escribir: os máis longos ou os máis breves?
MNS: O conto é un xénero moi difícil porque non pode faltar nada pero tampouco pode sobrar. Todo o que escribes nun conto ten que ter unha razón de ser. Eu intentei podar todo o superfluo e deixar só o que era imprescindible. Un defecto que atopo nos relatos é que existen elementos de máis como descricións pesadas ou repeticións. De aí que haxa un conto que só é unha frase aínda que podería ser moito máis longo. Procurei que todo fose importante. Por iso ás veces, os máis curtos son máis complexos que os máis longos.”
A entrevista completa pódese ler aquí.