Santiago: presentación de Abelcebú, de Carlos Negro

O sábado 26 de xuño, ás 23:00 horas, na Granxa do Sexto, en Santiago, preséntase Abelcebú, de Carlos Negro, publicado por Edicións Positivas. O acto, segundo informan, consistirá nun Gran Show con queimada con glamour, tómbola popular, empanada a esgalla e exorcismos literarios, organizado por O Demo Perello e a Mona Chita, onde participan o propio autor, Camilo Franco e Iñaki de Lalín. Segundo advirten, “queda terminantemente prohibido que acudan ao espectáculo representantes das forzas vivas ou mortas da cidade, alén de banqueiros, especuladores bolsistas, poetas demasiado consagrados, fanáticos da selección española e, por suposto, os conselleiros de educación e de cultura.”

Xosé Ramón Barreiro, premio Trasalba 2010

O historiador e académico Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega (RAG) ata o pasado mes de xaneiro, é o galardoado co Premio Trasalba 2010, que concede anualmente a Fundación Otero Pedrayo como recoñecemento á aportación de distintas figuras á cultura galega. O premio, que ten carácter honorífico, entregarase na festa literaria que se celebra este domingo na casa grande de Cimadevila, en Trasalba (Ourense).
Este é un galardón que pretende recoñecer a súa traxectoria ao servizo da cultura galega, na liña histórica que representa a memoria de Otero Pedrayo e a Xeración Nós, atendendo aos seus méritos como intelectual galeguista e, moi principalmente, como renovador da historiografía galega.

Máis información aquí.

Pontevedra: presentación de Pan prós crocodilos, de Calros Solla

O poemario Pan prós crocodilos, de Calros Solla, publicado en Edicións Barbantesa, será presentado o venres 25 de xuño na galería Sargadelos de Pontevedra, ás 20:30 h. No acto participarán Ana Acuña, Joao Bieites e Rafa Quintía (Serpe Bichoca), Óscar Franco e os Chichisos de Pontevedra.

Santiago: presentación de Cantares Galegos e Ayes de mi país, patrocinadas pola AGLP

O sábado 26 de xuño, a partir das 18:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago (Praza de Cervantes, 6), preséntanse a edición de Cantares Galegos, de Rosalía de Castro, ao coidado de Higínio Martins, publicada pola Academia Galega da Língua Portuguesa e Edições da Galiza, xunto á do cancioneiro de Marcial Valladares, intitulado Ayes de mi país, en edición de José Luís do Pico e Isabel Rei Sanmartim, publicado pola editora Dos Acordes coa colaboración da Central Folque e a AGLP. A presentación será seguida por un recital de poesía e música.