Santiago: Lingua de Amor entregou os premios da súa IV edición

O sábado 26 de xuño o Consello da Xuventude de Galicia realizou o acto de entrega de premios do concurso de cancións e declaracións de amor en galego, Lingua de amor, que xa vai pola súa cuarta edición.
O obxectivo principal deste concurso é dinamizar o uso da lingua galega entre a xente nova nas súas comunicacións a través da rede e nos espazos de lecer.
No acto, que tivo lugar na Biblioteca Pública Ánxel Casal, ás 12:00 h, as persoas gañadoras leron as declaracións e interpretaron as cancións en directo.

DECLARACIÓNS DE AMOR EN GALEGO A TRAVÉS DA REDE

Categoría A (de 14 a 19 anos):
1.º Premio: De mesturar a túa suor coa miña colonia, Uxía Pérez González (Vigo)
“Poderíamos fusionarnos. os nosos corpos. quizais tamén as nosas mentes. os sábados pola noite serían de cervexa e discos. de ti espido no sofá. do meu pelo na alfombra. de sexo. de mesturar a túa suor coa miña colonia. imaxínonos comendo cereais algunhas mañás. contándonos os hematomas das mordeduras nacidas nas noites de insomnio. en silencio.”
2.º Premio: Necesidade, Hugo Eiroá Dayán (Burela)
“Se me faltas ti, e as ganas de comer, morro.”
3.º Premio: Querer con pronome, Jessica Amado Dosil (Outes)
“Cheísta de corazón, nunca sei se “che quero” ou “te quero”.
Eu, para asegurarme,
quéroche e quérote.
En tódalas variedades dialectais posibles, meu sol.”

Categoría B (de 20 a 35 anos):
1.º Premio: Imposto (r), Alcira Otero Cruz (Miño)
“Solicito algo máis que un borrador, unha cita previa. Insisto por internet, por teléfono e ata na túa oficina. Síntome obrigada a declarar: ingreso alterada, reteño o medo, gasto saliva e deduzo desprezo. Só desexo IRPF, unha Íntima Relación, Por Favor!
Marca cun X o resultado:
A ingresar [ ] A devolver [ ]”
2.º Premio: Sábesme a g(h)loria, Antonio Iglesias Mira (Arteixo)
“Cuando nos bicamos
tu e eu
somos realmente bilingües.”
3.º Premio: Amoreando amores, Carme Otero Cruz (Santiago de Compostela)
“Amor sabor amorodo
amoricoque amoreído
amorío amortecedor
será amoral, amorfo ou amortizable tanto amor?”

CANCIÓNS DE AMOR EN LINGUA GALEGA

1.º Premio: Para beber auga e viño, Pablo González Costas (Cangas)
2.º Premio: Terra de amor, Xesús Xosé Iglesias González (Salvaterra do Miño)
3.º Premio: Fala galego, Marcos Fernández Vázquez (Ourense)
Ademais, todas estas persoas recibiron un lote de libros en galego, cedidos polas concellerías de Participación Cidadá e Cultura do Concello de Santiago de Compostela, o Consorcio de Santiago e a asociación xuvenil Don Bosco.

(Da páxina web de Lingua de amor).

A Coruña: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O martes 29 de xuño, ás 20:30 horas, na Casa Museo Casares Quiroga (Panaderas, 12) da Coruña, preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Edicións Xerais. No acto participan Manuel Rivas, Iria Taibo, Manuel Bragado e o propio autor.

A Coruña: presentación de Organoloxía, de Eva Moreda

O martes 29 de xuño, ás 20:30 horas, preséntase na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (rúa Olmos, 16-18, 1º), da Coruña, o libro Organoloxía, de Eva Moreda, publicado en Edicións Positivas, e que ven de gañar a V edición do premio Narrativas quentes. O acto desenvolverase no salón de actos da Asociación, con entrada libre.

A Real Academia Galega elixe a Lois Pereiro como autor homenaxeado no Día das Letras de 2011

O Plenario da Real Academia Galega, reunido en sesión ordinaria o día 26 de xuño de 2010, acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2011 a LOIS PEREIRO (Monforte de Lemos, 1958 – A Coruña, 1996).

Lois Pereiro naceu en Monforte de Lemos no ano 1958. Con dezasete anos marchou a Madrid onde cursou estudos de Políticas, que logo abandonou polos idiomas e a informática. Na cidade madrileña fundou, xunto con Antón Patiño, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas, a revista Loia, que só coñecería catro números (o último de 1978). Nesta publicación apareceron poemas do escritor monfortino que posteriormente serían recollidos en Poemas para unha loia (1996), libro no que se inclúe o ensaio “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia”, que fora dado a coñecer ese mesmo ano nas páxinas da revista Luzes de Galiza.
De regreso ao país, onde compaxinou profesionalmente o exercicio da tradución co labor poético, figurou nas antoloxías colectivas recollidas baixo os títulos De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985), compilacións nas que figuran nomes como Pilar Pallarés, Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel Rivas, Xavier Seoane, Francisco Salinas, Xulio Valcárcel, Lino Braxe e outros poetas de moi diferentes tendencias, mais que partillaban inquedanzas culturais. Entre as iniciativas conxuntas deste grupo heteroxéneo destaca o sostemento da revista.
Sempre reticente á difusión individual do seu traballo, foi non obstante colaborador de non poucas empresas de fasquía renovadora, de aí a participación en consellos de redacción e mailos artigos, poemas e relatos espallados por La Naval, Trilateral, Das Capital ou Luzes de Galiza, onde viron a luz -amais do ensaio xa citado- os oitos primeiros capítulos da súa novela inconclusa Naúfragos do paradiso. Nesta mesma liña actuou como letrista con Radio Océano e redactou guión televisivos.
En vida, Pereiro só publicou dúas obras, Poemas 1981/1991 (Santiago de Compostela, Positivas, 1992), na que segundo consta na contracapa se recollen “tódolos poemas que escribiu ó longo da súa vida como poeta”; e Poesía última de amor e enfermidade (Santiago de Compostela, Positivas, 1995), duros e espidos poemarios nos que se fan patentes as pegadas expresionistas, as referencias á literatura xermánica e certos trazos da contracultura.
Lois Pereiro, demorado e morno na publicación dos seus artigos, cultivou desde os inicios unha imaxe e unha estética que logo fixeron del un autor de culto. Cartografou coma ninguén o labirinto do mundo contemporáneo conciliando para tal fin o individualismo escéptico coa tradición demoledora do expresionismo centroeuropeo. A súa proposta callou na sensibilidade emerxente, mergullada no posmodernismo, e desexosa de atoparse nun discurso reflexivo, acuciante e non retardatario.
A morte sobreviríalle na cidade da Coruña no ano 1996. (Da páxina web da Real Academia Galega).

Repercusión en: Vieiros, A Nosa Terra, Galiciaé, La Voz de Galicia e Xornal de Galicia.

A Coruña: Terra Berger, homenaxe poético-musical a John Berger

O mércores 30, ás 20:30, no Antigo Cárcere Provincial da Coruña, haberá un recital poético-musical de homenaxe a John Berger, Terra Berger, coa participación de Xoán Abeleira, Rosa Aneiros, Lupe Gómez, Xavier Seoane, Manuel Rivas, Yolanda Castaño e Cesáreo Sánchez Iglesias, acompañados da actuación en directo de Berrogüetto. O aforo limitado, e as entradas son convite (repártense desde o luns 28, no recinto do Cárcere, entre as 12:00 e 14:00, e de 18:00 a 21:00).

A Coruña: presentación de Desaprenda a falar galego en 15 días, de Henrique Harguindey

O martes 29 de xuño, ás 20:30 horas, preséntase na Libraría Couceiro (Praza do Libro) da Coruña, o libro Desaprenda a falar galego en 15 días cos erros dun tradutor automático, de Henrique Harguindey Banet, publicado por Laiovento. No acto participarán o propio autor e Francisco Pillado.