Muxía: Camiño ao mar, o espectáculo poético de X. H. Rivadulla Corcón

Camiño ao mar é o titulo do novo libro de poesía de X. H. Rivadulla Corcón, que edita Auga Editora, e serve como base para o espectáculo poético do mesmo título, onde o poeta estará acompañado polo trompetista cubano Franky Valencia. Será próximo sábado 29, no Salón de Actos do Voluntariado de Muxía.

Camiño ao mar de X. H. Rivadulla Corcón, é un poemario narrativo, no que un mariñeiro que vive de vagabundo en Compostela, atopa unha gaivota morta na Quintana dos Mortos, e este feito motívao para iniciar a viaxe de regreso ao seu mundo, o mar, coa intención de enterrar unha pluma desa gaivota nunha praia da Costa da Morte. A viaxe transcorre a través do Camiño Xacobeo de Santiago-Fisterra-Muxía. En realidade trátase dunha viaxe na procura da verdade interior do vagabundo.

O poemario está estruturado en cinco partes, compostas cada unha delas por un poema longo de 126 versos cada un. A primeira parte refírese a cidade de Compostela, e as outras catro aluden cada unha as catro etapas que tradicionalmente configuran a rota Xacobea a Fisterra e Muxía.

Edicións Xerais na Feira do libro de Ourense

Día 29, sábado
13:00 horas
Teresa Moure dará o pregón da Feira do Libro de Ourense, na Praza do Bispo Cesáreo.

19:00 horas
Elena Gallego asinará exemplares da súa novela Dragal.

20:30 horas
Presentación da novela A intervención de Teresa Moure.

A Coruña: presentación do libro Lingua de calidade, de Xosé Ramón Freixeiro Mato

«A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que o vindeiro luns 24 de maio, terá lugar a presentación do libro Lingua de calidade. Vinte reflexións e unha proposta esperanzada para un galego con futuro e posterior charla de Xosé Ramón Freixeiro Mato. Será ás 20:30 h, no salón de actos da asociación, con entrada libre.
Lingua de calidade, editado por Edicións Xerais de Galicia, pretende dar algunhas receitas para determos o proceso de deturpación castelanizadora da nosa lingua e para (re)construírmos un galego de calidade liberado de interferencias espurias, un galego máis auténtico e por iso con futuro. Aínda que boa parte desas receitas son de natureza lingüístico-gramatical (fonéticas, morfolóxicas, sintácticas, léxicas ou pragmáticas), tamén se inclúen algunhas reflexións que pretenden contribuír para o fortalecemento da nosa autoestima lingüística, tentando desfacer de paso algunhas ideas preconceptuosas sobre a súa historia e situación actual. Un galego de calidade utilizado oralmente e por escrito por persoas orgullosas e conscientes da importancia do seu idioma é a fórmula máis acaída para garantirmos o seu futuro.»

Cambados: presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

En castellano no hay problema (Xerais), de Carlos Callón, presentarase o venres 28 de maio ás 21:00 horas no Salón de Actos de Exposalnés, Paseo da Calzada, s/n, de Cambados. O acto contará coa participación de Ramón Domínguez, Xosé Manuel Moo e Carlos Callón.