Miguel Anxo Murado no III Encontro Cidade da Coruña

Organizado conxuntamente pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, o mércores día 28 do mes que andamos, ás 20,00 horas, terá lugar na sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas 11, A Coruña) a segunda conferencia inscrita no III Encontro Cidade da Coruña, nesta ocasión a cargo de Miguel Anxo Murado, baixo título “Inventar un lugar en vez dunha historia”. Ler máis.

Boiro: presentación d’A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia, de Xavier Castro

A Asociación Cultural Barbantia e a Editorial Galaxia convídante á presentación do último libro do profesor de Historia Contemporánea da USC Xavier Castro, titulado A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia, nun acto que terá lugar o vindeiro venres 30 de abril, na Abadía de San Enrique (O Castro, Cabo da Cruz, Boiro, a carón da Igrexa de Santa María), ás 20:30 horas. Estarán presentes o autor, o vicepresidente da Asociación Galega da Viticultura Xosé Manuel González Vilas, o xornalista e socio de Barbantia Gonzalo Trasbach e o director de produción de Galaxia Xosé Manuel Soutullo.

A Coruña: “Inventar un lugar en vez dunha historia”, conferencia de Miguel Anxo Murado

Hoxe, ás 20.00, no Salón de actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) terá lugar a segunda conferencia do III Encontro Cidade da Coruña “Literatura e viaxe”, neste caso a cargo de Miguel Anxo Murado, e con título “Inventar un lugar en vez dunha historia”.

A Coruña: presentación do libro de Yolanda Castaño Mariña surrealista

Mércores 28;
20:00;
Museo de Belas Artes da Coruña;
Entrada libre até completar aforo.

A presentación do libro de Yolanda Castaño Mariña surrealista, conto infantil ilustrado por Xosé Cobas, contará coa colaboración de Pedro A. Ramos García.

I Curso de Cultura Galega Contemporánea, hoxe comeza en Compostela

A Associaçom Galega da Língua (AGAL) e a Cátedra UNESCO de Cultura Luso-Brasileira da USC organizan o Curso de Cultura Contemporánea Galega (CCCG), que desenvolverá en Santiago de Compostela entre os días 27 de Abril e 6 de Maio. O curso, que conta co apoio da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago de Compostela e das Faculdades de Filoloxía e Ciencias da Comunicación da USC, preténdese un espazo de reflexión académica e profesional interdisciplinar que nace cos seguintes obxectivos:
• Presentar aos alumnos a cultura galega contemporánea como un conxunto de producións diverso, moderno, vivo e xerador de riqueza económica e artística.
• Identificar os diferentes tipos de cultura predominantes na Galiza actual e coñecer algúns dos seus representantes e tendencias.
• Avaliar os puntos fortes e fracos das industrias culturais galegas, comprendendo como a cultura pode representar un importante motor económico para unha comunidade.
• Conhecer como e por que a cultura é empregada como unha ferramenta de coesión social. Os profesores da USC Carlos Quiroga, Elias Torres, Ramom Flores das Seixas e José Pereira Fariña e o director de UNINOVA Gustavo Marcos serán os encargados da parte teórica do curso, que se divide nas sesións: Culturas Tradicionais, Culturas de Élite, Culturas de Masas, Culturas Empresariais e Culturas Libres.
Estas conferencias, veranse complementadas cun ciclo de mesas redondas en que participarán 20 representantes do tecido cultural galego nas súas dimensións empresarial e asociativa. De entre os participantes nas mesas poderíamos destacar, entre outros, á produtora Emma Lustres (Vaca Films, produtora de Celda 211), ao actor Miguel de Lira (sala NASA), ao escritor Séchu Sende, ao cociñeiro X. Manuel Crujeiras (integrante de Nove. Grupo Gastronómico Galicia), ao actor e dramaturgo Manuel Lourenzo, ao xornalista Anxo Quintela ou a Javier Goyanes (presidente de Pazos de Galicia).
A organización pretende así, con este curso, crear un espazo de debate dinámico e produtivo sobre a actualidade dunha cultura galega desacralizada e viva, definitoria de como nos vemos os galegos e da imaxe que de nós internacionalizamos.
As aulas presenciais do curso celebraranse no Auditorio de Galicia e nas Faculdades de Filoloxía e Xornalismo e complementaranse cun foro virtual de debate on-line. A matrícula, que poderá realizarse ata o próximo dia 26, garante un certificado de 30 horas e un crédito da Universidade de Santiago.

María do Cebreiro publica en inglés na Shearsman Books

«Un de Manuel Rivas, outro de Miguel Anxo Murado, dous de Chus Pato e agora outro de María do Cebreiro. Se non lle fallan as contas ao tradutor Jonathan Dunne, cinco son os libros de versos galegos importados até hoxe pola literatura inglesa. O máis recente, publicado hai só uns días, é I Am Not from Here, da poeta e profesora María do Cebreiro Rábade Villar (Santiago, 1976), a tradución inglesa de Non son de aquí (Xerais, 2008). Helena-Miguélez Carballeira, directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Bangor (Gales), preparouna para o selo británico Shearsman Books.

Non é a primeira vez que a editora de Exeter, no oeste de Inglaterra, pon os ollos na poesía galega. No seu catálogo están tres dos cinco libros dos que fala Dunne. En 2007 publicou Selected poems, unha escolma de Rosalía con textos de Follas Novas (1880) e Cantares gallegos (1853) traducidos por Michael Smith, e Charenton, versión da canadense Erín Moure do poemario homónimo de Chus Pato (Ourense, 1955). Só dous anos máis tarde repetiría autora, tradutora e título orixinal con m-Talá. Ambos volumes viran a luz orixinalmente en Xerais (2004 e 2000) e chegan tamén ao mercado canadense a través de Buschek. […]» (Xornal.com)