Bos Aires: obradoiro Cousas de Mulleres

«A Asociación Herbas de Prata convida para o seu próximo encontro dos obradoiros Cousas de Mulleres o sábado día 8 de maio ás 16:00 na Asociación Centro Betanzos (R/ Venezuela, Cidade de Bos Aires). Seguiremos traballando para abrir un espazo para a voz das mulleres, un sitio no que elas sexan escoitadas e teñan a liberdade de falar de todo canto viven, pensan e senten. Coma sempre, coordinado pola Lic. Patricia Alonso. Confirmar presencia ao (5411) 4381-0424 ou por correo a herbasdeprataarrobagmail.com.»

Compostela: presentación de A intervención, de Teresa Moure, e primeiro capítulo de balde

«[…] Empregando unha coidadísima técnica de múltiple perspectiva, nesta súa cuarta novela Teresa Moure reúne a cinco persoas para formar un comando artístico que ten como obxectivo argallar unha performance nas montañas do Courel que sensibilice á cidadanía sobre as relacións entre a arte e natureza. Mentres levan a cabo o seu escrupuloso plano, a chegada inesperada dunha nova personaxe, unha psiquiatra vienesa, obrígaos a rexistrar por escrito as súas actividades clandestinas. Desde a múltipla perspectiva que emana dos seus diarios, os membros do grupo van dando as súas respectivas versións, que conforman unha historia colectiva, e que conectan a paixón creativa co pasado remoto de cadaquén, coa súa infancia e cos seus medos máis agochados.

A intervención será presentada o vindeiro 4 de maio, martes, ás 20:00 horas na Feira do Libro de Santiago. No acto acompañarán á autora a académica e catedrática Margarita Ledo e o editor Manuel Bragado.

O primeiro capítulo desta magnífica novela pode baixarse en en pdf aquí.» (Blogue de Xerais)

EDITORES DE COMPOSTELA na Feira do Libro de Santiago

A Feira do Libro de Santiago, que o sábado se inaugura no paseo da Alameda, terá este ano como unha das súas principais novidades a presenza dun stand monográfico onde se poñerán á venda só títulos de temática local, máis de sesenta referencias de todos os xéneros (infantil, ensaio, novela, poesía…). A iniciativa partiu do recén creado grupo de traballo EDITORES DE COMPOSTELA, que empezou a funcionar este mes de abril fundado por tres empresas culturais da cidade: Alvarellos Editora, Sotelo Blanco Edicións e Edicións Positivas, e que espera integrar nas próximas datas a máis editoriais ubicadas na capital de Galicia.

Conta co apoio da Concellaría de Cultura e tamén do Consorcio de Santiago, que terá á venda no stand parte do seu fondo editorial. No stand de EDITORES DE COMPOSTELA poderanse atopar os títulos que, sobre Santiago de Compostela, ten cada unha destas editoras nos seus respectivos catálogos. Entre outros, estarán á venda os contos infantís da colección “Branco de cores” de Sotelo Blanco ou as novidades de Edicións Positivas como Abelcebú, de Carlos Negro. Alvarellos Editora presentará na Feira dúas novidades editoriais: o luns 3 ás 20 horas, Apuntes históricos sobre Santiago, de Antonio López Ferreiro, libro co-editado co Consorcio e que conmemora o centenario do falecemento deste insigne historiador;  o venres 7 ás 19 horas, o audio-libro de Uxío Novoneyra Tempo de elexía.

Os responsables desta nova iniciativa cultural consideran que “pode ser atractivo para calquera compostelán ou visitante atopar, nunha soa caseta da Feira, esta ampla e tan variada selección de títulos locais, algúns deles nada doados de atopar. Por outra banda, os editores de Santiago estamos obrigados a establecer accións conxuntas para fomentar a presenza do libro e da lectura na nosa xente, e facer participar tamén nisto ás administracións”.

• Para contactar con EDITORES DE COMPOSTELA:
Paco Macías: 660 397 064
Quique Alvarellos: 609 90 88 52

Negreira: presentación do Dicionario Uxío Novoneyra, de Esperanza Mariño Davila

3C3 Editores, coa colaboración dos Departamentos de Galego e de Normalización Lingüística do IES Xulián Magariños de Negreira, organiza a presentación do libro Dicionario Uxío Novoneyra, de Esperanza Mariño Davila. No acto intervirán María Rey Rey (xefa do departamento de Lingua Galega), Adelino Pose Reino (director do IES Xulián Magariños), X. Amancio Liñares Giraut (director editorial de 3C3) e a propia autora.

Será no Salón de Actos do IES Xulián Magariños o martes 4 de maio ás 16:20.

A Coruña: presentación de Cartas de vellos amigos, de Xosé Neira Vilas

Xosé Neira Vilas presentará o venres 30 o seu último libro, Cartas de vellos amigos, no Centro Asociado UNED-A Coruña. Estará acompañado pola directora do centro, Susana Blanco, polo director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, o académico Xosé Luís Axeitos e Dolores Vilavedra, autora do limiar do libro.