Alberte Momán e Diego Giráldez gañan os premios Aurelio Aguirre e José Saramago

Alberte Momán gañou a VII edición do Certame de Poesía Aurelio Aguirre coa obra Sermos un. O xurado valorou “a construción do poemario, a perfecta cohesión entre o poético e o real permitindo transmitir unha confesión irreverente a través do verso libre que flúe na conciencia social”.

O vencedor do IX Certame de Relato Curto José Saramago foi Diego Giráldez García coa obra Un cometa para unha despedida, sobre a cal o xurado salientou a solidez da linguaxe, a tensión do relato e o misterio que envolve o argumento. Os dous premios están organizados pola concellaría de Cultura de Santiago.

Ás de bolboreta, seleccionado para os White Ravens

Segundo informa a editorial Xerais, “a novela Ás de bolboreta de Rosa Aneiros foi seleccionado para formar parte da prestixiosa exposición The White Ravens 2010 que a Internationale Jugendbibliothek organiza anualmente no marco da Feira del Libro per Ragazzi de Bologna”. A exposición contén 250 libros infantís e xuvenís en máis de trinta idiomas e vai acompañada dun catálogo en inglés coas informacións bibliográficas e reseñas de todos os títulos.

O Liceo de Ourense celebra o Día da Poesía

Mañá martes día 23 de marzo, a partir das cinco da tarde na Sala de Tertulia do Liceo de Ourense a Sección de Literatura celebrará o Día Mundial da Poesía adicado nesta ocasión os poestas Miguel Herández de Uxío Novoneyra, coa presencia de case un centenar de alumnos e alumnas dos Institutos Otero Pedrayo, Celanova, Blanco Amor, Lagoas, A Carballeira, Carmelitas e E.P.A, que recitarán poemas dos autores homenaxeados neste ano 2010. O acto será introducido por Delfín Caseiro.

Presentación de Urco Editora na Coruña

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que mañá martes 23 de marzo, terá lugar a presentación na Coruña de Urco Editora. Será ás 20:30 h. no salón de actos da asociación, con entrada libre.

URCO EDITORA é unha iniciativa editorial que vén encher un oco histórico no sistema literario galego: a publicación de literatura de fantasía, ciencia ficción e terror. Até agora a escasa presenza destes xéneros na literatura traducida estaba fragmentada en distintas editoriais e coleccións, catalogada especialmente baixo os criterios de “clásicos” ou de “literatura xuvenil”. Por isto URCO é pioneira na achega sistemática destes tres xéneros ao público galego.

O CGAI estrea as producións galegas Entre linguas e Theremin azulexo


Tráiler de Entre linguas

O Centro Galego de Artes da Imaxe (Rúa Durán Loriga. 10 baixo, A Coruña) estrea hoxe luns día 22 de marzo (20.30 horas) os traballos galegos ENTRE LINGUAS (2010) de Vanessa Vila Verde Lamas, Eduardo Sanches Maragoto e João José Varela Aveledo e THEREMIN AZULEXO (2010) de David Castro Sopeña. Ambos traballos recibiron subvención na última convocatoria de Talento do AGADIC. Vanessa Vila Verde Lamas e David Castro Sopeña estarán presentes para falar delas e ter un encontro co público. A entrada é gratuíta.

Mónica Bar Cendón: “O feminismo deixou de ser un movemento invisibilizado”

Entrevista de Arturo Losada á autora do libro O feminismo en Galicia no Xornal:

Logo, como era a radiografía política do feminismo dos comezos?
Variadísima. Hai mulleres inicialmente vencelladas a partidos, e outras que eran feministas independentes. Na AGM entraron comunistas, revolucionarias, galeguistas, independentistas… de todo un pouco, incluso xente vinculada ao cristianismo de esquerdas.

Con respecto á lingua…
As feministas foron máis galeguistas que moitos militantes de esquerdas. A lingua que se empregaba para case todas as comunicacións era o galego. Estabamos casadas coa lingua e a terra.

Que representou a AGM?
A máis central e a máis revolucionaria das asociacións feministas. Moitas das súas consignas aínda seguen en marcha, como a sexualidade libre, a igualdade de dereitos plena, a crítica da utilización da muller como obxecto sexual, o dereito ao aborto… [Ler entrevista completa]