IX Premio Literario “Carlos Casares” de microrrelato

Convocado polo Liceo de Ourense na modalidade de microrrelato. Bases:

Primeira: Convócase a Novena edición do PREMIO LITERARIO “CARLOS CASARES”, do Liceo de Ourense, na modalidade de Microrrelato.

Segunda: Fíxase un PREMIO de MIL CINCOCENTOS EUROS.

Terceira: Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría cun máximo de tres, e redactados en calquera dos dous idiomas oficiais en Galicia.

Cuarta: Os orixinais terán unha extensión máxima de mil cincocentoscaracteres, debendo presentarse por quintuplicado, e antes do 21 de maio do ano 2010, na Secretaría do “Liceo de Ourense”, sita na rúa Valentín Lamas Carvajal, 5. C.P. 32005 Ourense.

Quinta: Con cada orixinal, que deberá ser presentado baixo lema, adxuntarase en sobre pechado o nome completo, enderezo e teléfono da persoa que concorre ó premio, así como o título definitivo da súa obra.

Sexta: O Xurado estará integrado polo Presidente do Liceo de Ourense, os membros da Sección de Literatura, don Marcos Valcárcel López, dona Teresa Devesa Graña, dona Loly Conde Fernández, don Delfín Caseiro Nogueiras e Don Segismundo Bobillo Morgade, actuando como Secretario o Xerente do Liceo.

Séptima: Se o Xurado o estimase oportuno, podería outorgar un ou varios accésits, fixando a súa dotación económica. Asimesmo poderá declarar deserto o premio, no caso de non se presentar obras que teñan un mínimo de calidade. O Fallo do Xurado será inapelable.

Oitava: A entrega dos premios terá lugar nun Acto Literario enmarcado nas Festas do Liceo, que se celebrará o 28 de maio.

Novena: O Liceo de Ourense resérvase o dereito de publicación da obra premiada, así como dos accésits no caso de habelos, feito que conlevará a renuncia do autor, ou autores premiados, a percibir os dereitos desta edición.

Décima: Os orixinais que non resulten premiados, serán destruídos nun prazo de tres meses dende o día do fallo, agás que se reciba solicitude por escrito para a súa devolución.

Undécima: A participación no Premio leva implícita a aceptación das presentes bases.

Mañá coñeceremos o gañador do X Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

Mañá sábado 27 de marzo reunirase o xurado do X Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño para realizar a derradeira deliberación. O xurado está formado por Olalla Cociña, Cesáreo Sánchez Iglesias e Miguel Anxo Fernán-Vello, e nel tamén participan con voz e sen voto o concelleiro de cultura de Sárria, Xermán Arias e a Presidenta de Ergueitos, María Casar. Ás 13:30 horas abrirase a plica da obra gañadora no salón de actos da casa do Concello de Sárria.

IV Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico para Vanesa Martínez Sotelo

O xurado do IV Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico decidiu por maioría outorgarlle o galardón desta edición á obra Indoor, de Vanesa Martínez Sotelo. O premio da audiencia foi para O vento da illa, de Begoña García Ferreira.

O xurado estivo composto por Ánxeles Cuña, directora de teatro e dramaturga; Ana Romaní, directora do “Diario Cultural” da Radio Galega; Ruben Ruibal, dramaturgo e co-autor da obra gañadora na anterior edición; María Paredes, coordinadora de programación da AGADIC e Camilo Franco, crítico teatral. O xurado subliñou “a escrita contemporánea da obra gañadora, Indoor, así como a orixinalidade do texto cun ritmo medido e marcado para o tempo esixido e a súa linguaxe expresiva e poética na que destaca tamén o manexo da síntese”.

Manifesto galego do Día Internacional do Teatro

Moitas persoas non poderíamos vivir sen a cultura, sen o coñecemento e o pracer que nos facilita a lectura, o teatro, a música, o cine… Pero, ademais sabemos por fiables e recentes estudos que a cultura en Galiza xera un PIB e case un 2%, está por riba do sector téxtil, do naval e do químico. É, daquela, tamén un ben económico, un sector produtivo. As Institucións e as Autoridades, pois, ademais de estaren interesadas polo fomento da cultura no país, saben que é un sector estratéxico que crea riqueza. Son conscientes de este importante e amplo valor.

Entre as que máis progresaron ultimamente están as artes escénicas. O público asiste cada vez máis ao teatro confirmando as ansias de participación cívica. O teatro é un xénero político por excelencia, e leva a cabo unha actividade pública que mantén o compromiso coa realidade. Unha arte na que o proxecto é imprescindible. Para facer teatro é preciso ter unha historia, un conflito, uns personaxes e un método sistemático para desenvolver a trama. Achegase máis que outros xéneros a un traballo científico.

Na comunicación directa co público é necesaria a comprensión. O teatro é a escola do mundo moral, ten unha gran responsabilidade ética. No escenario créase tensión, hai conflitos como na vida mesma. Ten carácter dialéctico, orixina unha oposición discrepante, un debate de ideas e de comportamentos.

Na acción escénica hai necesariamente movemento. O escenario é o espazo de aparición. Os personaxes son axentes transformadores que fan pensar en común ao público asistente, unido polos mesmos criterios e acontecementos. O teatro é público e move a conciencia colectiva, ten un carácter interactivo. Non é unha arte que se goce individualmente. É unha vibración común e pública. No teatro únese pensamento e acción; política e liberdade.

Velaí, clan do teatro, amigas e amigos do teatro, o gran papel que tendes nas vosas mans, nesta sociedade que tanta necesidade ten de acción, de progreso e de transgresión.

María Xosé Queizán
27 de marzo, Día Mundial do Teatro

Hoxe na Coruña, entrega dos Premios María Casares de Teatro

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia entrega hoxe os Premios María Casares de Teatro, nunha gala que terá lugar no Rosalía de Castro a partir das 20:30. Os candidatos ao mellor texto orixinal en galego son:

Manuel Lourenzo por As Dunas do Centro Drámatico Galego
Mofa & Befa por Shakespeare para Ignorantes de Producións
Teatráis Excéntricas
Santiago Cortegoso por Os Cómicos Dell ́Auto de Teatro De
Ningures

Podedes descargar o dossier informativo coa listaxe completa de candidatos (PDF, 442 KB)

Actualización: crónica e listaxe de gañadores en Xornal de Galicia

IX Certame de Creación Literaria «Terra de Melide» Narrativa 2010

O Concello de Melide convoca o IX Certame de Creación Literaria Terra de Melide de Narrativa 2010, rexido polas seguintes bases:

1. Poderán concorrer todas/os as/os autoras/es cunha única obra narrativa, novela ou relato(s) curto(s), escrita en lingua galega, cunha extensión mínima de sesenta páxinas.

2. As obras presentadas deberán de ser orixinais e inéditas, non premiadas noutros concursos. Presentaranse por quintuplicado, en tamaño folio DINA4, mecanografadas a duplo espazo por unha soa cara, debidamente grampadas ou encadernadas, baixo plica, sen remite, co título da obra e un lema, nome do autor e teléfono de contacto.

3. O premio está dotado de 6.000 euros. Compete ao xurado outorgar o premio ou deixalo deserto, ou ademais salientar unha obra como finalista do certame. O/a gañador/a tamén recibirá o 10% da venda dos libros.

4. O xurado estará constituído por cinco integrantes, ademais dun presidente/a (alcaldesa/alcalde do Concello de Melide) e unha secretaria/o que non terán nin voz nin voto.

5. O Concello de Melide garante a publicación da obra gañadora a través da editorial Edicións Xerais de Galicia, S.A.

6. A decisón do xurado darase a coñecer por volta do 7 de xuño de 2010, data simbólica para as melidás e melidaos, pois o 7 se xuño de 1933 saíu do prelo da Editorial Nós o libro Terra de Melide.

7. As obras deberán de enviarse antes do 15 de abril de 2010, data na que remata o prazo de presentación, á Secretaría Xeral do Concello de Melide, praza do Convento, nº 5, Melide, A Coruña.

8. A interpretación das bases correspóndelle unicamente ao xurado. Polo simple feito de participar, o/a autor/a comprométese a acatalas.

Boiro: presentación dun libro de Milagros Torrado

A Asociación Cultural Barbantia, a Editorial Toxosoutos e o Proxecto Leñaverde presentan o libro O fenómeno cultural da fascinoloxía. As Illas Británicas e Galiza, de Milagros Torrado. O acto terá lugar na Estación Leñaverde de Boiro, o vindeiro venres 26 de marzo ás 20:30 horas, e nel estarán presentes a autora; o catedrático de Historia e Cultura Inglesas da Facultade de Filoloxía da USC, Fernando Alonso Romero; o director de publicacións de Toxosoutos, David González; o coordinador de Barbantia, Alberto Piñeiro; e mais o alcalde de Boiro, Xosé Deira.

Lugo: homenaxe a Jesús Pérez Regueiro

Vaise levar a cabo unha homenaxe a Jesús Pérez Regueiro, responsábel da Galería/Librería Sargadelos de Lugo, grande espazo cultural da cidade. O acto está promovido pola Asociación Cultural Ágora Lugo e respaldado por múltiples persoas, asociacións culturais e outros colectivos que sempre tiveron na Galería Sargadelos e en Jesús os mellores colaboradores. O vindeiro 15 maio (data elixida polo homenaxeado por ser próxima ao Día das Letras Galegas) no Salón Rexio do Círculo das Artes terá lugar o evento lúdico/cultural coa participación confirmada de varios poetas, escritores, actores e músicos da nosa cidade. A continuación haberá unha cea para os que desexen acudir. Poden contactar coa organización neste correo electrónico ou nos teléfonos 655 273 193, 609 255 115 ou 666 916 020.