Roteiro Rosalía na Coruña

Este domingo pola mañá celebrarase o roteiro Rosalía na Coruña, organizado pola Concellaría de Cultura e guiado por Diego Pardo Amado, profesor e especialista na figura de Rosalía. Sairá de diante da casa de Rosalía na Cidade Vella (r/ do Príncipe, 3, esquina edificio de Capitanía) ás 12.00 horas e terá unha duración dunha hora durante a cal se visitarán distintos puntos relacionados coa escritora galega e a súa etapa na cidade herculina. Esta actividade é a primeira da campaña de promoción da lectura A cidade que le, presentada hoxe mesmo na Coruña.

A Coruña: palestra de Maurício Castro Lopes

O mércores 24 de Marzo participará dentro do ciclo Língua, Literatura e Naçom o profesor e ensaísta Maurício Castro Lopes. A súa palestra versará sobre Paralelos: Puerto Rico/Galiza. Será a partir das oito do serán, no local da Fundación Caixa Galicia (no Cantón Grande da Coruña). Organiza a Agrupaçom O Facho.

A Coruña: concerto-presentación do libro disco Tic Tac

O Forum Metropolitano da Coruña acolle o vindeiro domingo 21 de marzo ás 18.00 horas a presentación do libro-disco Tic-Tac do músico coruñés Pablo Díaz, nun acto que contará coa colaboración de músicos como Xabier Díaz, Carmen Re, Pedro Lamas, Diego Rodríguez Sánchez, As Axeitiñas e o grupo Ruote entre outros. O concerto comezará ás 18.00 horas e o prezo das entradas é de 5 euros (carné xoven, maiores de 65 anos e desempregados, 3 euros).

A Coruña: presentación dun libro de Victorino Pérez Prieto

Prisciliano

O libro de Victorino Pérez Prieto Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario preséntase mañá mércores 17 de marzo na Biblioteca de Estudos Locais ás 20 horas, con entrada libre. No acto participarán a Concelleira de Cultura, María Xosé Bravo; o director xeral da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes; a catedrática da Universidade da Coruña e autora do prólogo, Pilar García Negro, e o propio autor do libro, Victorino Pérez Prieto.

Xabier P. DoCampo e Agustín Fernández Paz, amigos por palabras

Iago Martínez conversou cos escritores Xabier P. DoCampo e Agustín Fernández Paz para un artigo do suplemento Contexto de Xornal de Galicia:

“Don Francisco parece bo tipo. Disque tamén é da Terra Chá, coma min, e anda rillando na idea de investigar as escolas de emigrantes na zona. Paréceme un proxecto caralludo”. Máis ou menos iso era o que dicía o diario que Agustín empezou a escribir cando puxo o seu primeiro pé nas aulas como aspirante a profesor, hai case catro décadas. Tiña vinte e seis anos e iniciaba as prácticas, acabado o Maxisterio como número un da súa promoción, no Fogar de Santa Margarita da Coruña. O diario, como os que escribían os mestres rurais do Movimento di Cooperatzione Educativa italiano, afín aos comunistas, debía servir para reflexionar sobre o traballo docente e testemuñar a descuberta do oficio daquel mozo de Vilalba. Era lóxico que o seu titor asomase no caderno. Francisco, como intuía o seu pupilo, viña en efecto da Terra Chá, non de Vilalba senón de Rábade, e malia a que era case do seu tempo, apenas un ano máis grande, acertara antes coa vocación e daquela xa ensinaba matemáticas. Iso foi en 1973. Hoxe, os dous son escritores, en ambos casos distinguidos co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Agustín converteuse en Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947) e Francisco, que nunca chegou a investigar as escolas de emigrantes na Terra Chá, é ben máis coñecido como Xabier P. DoCampo (Rábade, 1946). Deixaron a docencia, pero non a literatura nin a amizade. Para iso, de momento, non hai xubilación. [Ler texto completo]