A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración da Concellería de Cultura e a Biblioteca Pública do Concello de Arzúa, organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de “Premio Modesto R. Figueiredo”. O prazo de presentación de orixinais remata o 15 de novembro. Bases (PDF, 14 KB)
Remata o prazo para participar no XXII Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé
O Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene lembra que até o 30 de setembro próximo está aberto o prazo de recepción de orixinais para a XXII edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Esta é unha convocatoria moi especial para o Círculo Mercantil porque este ano celébrase o centenario do nacemento do poeta. Poderán participar do premio aqueles autores e autoras que non teñan ningún libro de poesía publicado. Quen desexe facelo deberán enviar ao enderezo do Círculo Mercantil un libro de poemas en lingua galega. A extensión mínima aconsellada é de 300 versos. Deberán enviarse tres copias encadernadas e baixo seudónimo. As bases do premio atópanse publicadas na web do certame. Unha vez rematado o prazo de presentación de orixinais, farase pública a composición do xurado.
A prensa recolle as palabras de Xosé Ramón Barreiro onte en Celanova
Reprimenda da RAG a Feijóo por sementar a “crispación” coa lingua galega (Xornal de Galicia)
Os académicos petan na mesa (Xornal de Galicia)
Barreiro reprende a Feijóo por sembrar la crispación lingüística (Faro de Vigo)
Un longo día de luz (Galicia-Hoxe)
El presidente de la RAG abre un frente con la Xunta al acusarla de crispar (La Voz de Galicia)
Barreiro ataca la política lingüística de la Xunta en presencia de Feijóo (El País)
A Coruña: homenaxe a Manuel María
O martes 8 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña, “VERSOS PARA SEMPRE CANTAR: HOMENAXE A MANUEL MARÍA”, cun recitado de poemas a cargo de Santiago Fernández e Dores Tembrás e a estrea da obra “AVENTURAS DE DESVENTURAS DUNHA ESPIÑA DE TOXO CHAMADA BERENGUELA”, unha peza dramática de Manuel María, musicada por Nani García e interpretada pola actriz María Inés Cuadrado e o cuarteto de clarinetes “Xerión”. Organiza a Concellaría de Cultura e Fundación Manuel María de Estudos Galegos. A función comeza ás 20:30 e a entrada é libre até completar capacidade.
Programa do XXII Festival de Poesía do Condado
Outro mundo é necesario.Construamos a alternativa, 4 e 5 de Setembro 2009. Salvaterra de Minho
Venres 4 de Setembro
19.30: Apertura de exposicións. Covas de Dona Urraca / Casa do Conde. Pintura. Fotografia
20.15: Audiovisual. Covas de Dona Urraca. Mulheres da Raia de Diana Gonçalves
22.30: Noite galega. Covas de Dona Urraca. Covalblu
23.30: Turres Band. Caldo verde e festa rachada.
Aforo limitado. Entrada 10 €. Reserva de billetes por correo electrónico ou chamando ao 986 658 036
Sábado 5 de Setembro
11.30: Marcha popular. Sur do Condado. Comboio de baixa velocidade
12.00: Aberto de billarda. Feira popular: colectivos e artesanato. Zona das murallas
13.00: Palestra con representantes sindicais. Casa do Conde
17.00: Festa Infantil. Obradoiros e animación. Paula Carballeira. Obradoiro de maquillaxe. Zona das murallas.
19.00: Audiovisual. Covas de Dona Urraca. Curtas premiadas no Festival de Cans: Por nada de Dani de la Torre, O pintor de ceos de Jorge Morais, Uruguay 2030 de Rafa de los Arcos e The Werepig de Sam Ortí
20.30: Festival poético-musical. Zona das murallas. Presenta: Carlos Blanco. Poetas: Anxo Angueira, Xabier Xil, Susana S. Aríns, J. Alberte Corral, David Pobra, Mario Regueira, Dores Tembrás, Carlos Santiago, Brais González, Manolo Pipas, Alberte Momán, Filipa Leal, Oscar Mourave. Grupos: Covalblu, Quempallou, Skacha, Jon Luz (Cabo Verde), Rebeliom (Hip-hop + Dj’s).
Servizos: zona de campismo, duchas.
Pablo Bouza gañou o XXXV Certame Literario Concello de Vilalba
O poeta Pablo Bouza Suárez vén de gañar o XXXV Certame Literario do Concello de Vilalba, dotado con 3000 euros e publicación da obra, polo seu poemario Poética da memoria. O xurí estivo composto polo concelleiro de cultura de Vilalba, José María García-Leira, o académico e escritor Darío Villanueva, o xornalista Fidel Fernán e o xefe territorial de cultura en Lugo, José Carlos Rodríguez Andina. Pablo Bouza foi tamén o vencedor hai uns meses do Premio de Poesía Concello de Marín.
Estrea do espectáculo poético-musical Música para un ouveo

Espectáculo con música de Borja Costa sobre o texto Howl de Allen Ginsberg, traducido ao galego por Xoán Abeleira. Estrea absoluta coa participación de Manuel Rivas como escritor invitado o día 3 de setembro na Coruña ás 21.00 horas no Teatro Rosalía de Castro, e en Vigo, coa participación de Fran Alonso, o día 4 de setembro ás 21.00 horas no Auditorio de Caixa Nova. Máis información na páxina web do proxecto.
Outeiro de Rei: xornada en lembranza de Manuel María
O vindeiro 8 de setembro en Outeiro de Rei celebrarase unha xornada baixo o título Memoria da Chaira enteira no cabodano de Manuel María. Ás 15:00 haberá un xantar, seguido ás 17:00 por un recital en Penas de Rodas e unha hora despois unha ofrenda floral no cemiterio. No campo de Santa Sabela, a carón no Miño, farase entrega da navalla ofrecida pola Fundación Manuel María e Xermolos a Xulio Xiz. En Santa Sabela haberá tamén un recital de poesía e música coa interpretación da obra de Manuel María por Miro Casabella, Mini e Mero e Tino Baz, entre outros. Para apuntarse ao xantar cómpre chamar ao teléfono 646413890.
Fisterra: presentación de Escapado de Luis Lamela
O próximo día 4 de setembro, ás 20 horas, no Salón de Plenos do concello de Fisterra se presentará o libro Escapado. Do monte do Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón, a primeira novela de Luis Lamela, editada por Edicións Xerais de Galicia. O autor estará acompañado polo escritor e poeta Modesto Fraga.
Entrevista a Xosé Ramón Barreiro
A Real Academia Galega subsiste ou existe?
Está realizando unha función moi positiva. Está penetrando na sociedade. Ten unha autoritas sobre a cuestión lingüística e desenvolve unha serie de actividades culturais evidentes.
(…) Quen financia a Real Academia Galega?
Está financiada no 80 % pola Xunta, por dous condutos. Un, pola entrega dunha cantidade para gastos de mantemento, persoal, etc, pola Consellería de Cultura. Dous, a través de convenios con Política Lingüística, que posibilitan a elaboración dun dicionario castelán-galego, que xa está na rúa; unha nova edición do dicionario galego, que sairá en outubro; e a elaboración de estudos de sociolingüística. En van, intentei eu convencer os presidentes, a ver se o consigo agora con Feijóo, que a Academia non necesita convenios, senón pasarlle o presuposto á Administración autonómica, como está o Consello da Cultura. Nada máis (…)
Cal sería a fórmula máis acaída para que dúas ou máis linguas convivisen en igualdade?
O castelán ten unha forza extraordinaria, é non só porque é unha das linguas do mundo, senón porque ten con ela todos os medios de comunicación, porque hai unha presión social evidente en lingua castelá. Non hai unha situación de equilibrio entre o galego e o castelán. Para contrarrestar ese desequlibrio hai que poñer un plus de apoio ó galego. E aí é onde entramos na polémica. Ese plus significa que lle negas dereitos ós demais ou simplemente significa buscar ese equilibrio? Esta é a cuestión…
Desde o punto de vista educativo o importante é a libre elección dunha das dúas linguas ou a aprendizaxe das dúas?
Desde o punto de vista educativo hai que poñer aquelas condicións obxectivas de igualdade que lles permitan a todos os alumnos poder expresarse en forma bilingüe. Para ter liberdade hai que ter as mesmas condicións e hai que saber. E non me valen argumentacións farisaicas, como que pasa cun señor que vén de Xirona, pois hai mecanismos legais para salvar esa situación.
Que opina da enquisa feita pola consellería de Educación?
Coa crise económica que temos enriba, que este Goberno centre a polémica na lingua, cando é un tema paixonal ó que ninguén é indiferente, unha de dúas: ou non sabe por onde anda ou é extraordinariamente intelixente, pois é a forma de ocultar os graves problemas de Galicia para que ninguén fale deles. O máis sorprendente é que a oposición se deixe levar e entre nunha batalla campal pola lingua, sen denunciar os graves problemas que ten o país.
Internet e as novas tecnoloxías da comunicación axudan ou dificultan a difusión do galego?
Estano desfavorecendo, pero tamén pode ser un instrumento positivo. Precisamente o problema é que os Gobernos galegos non entraron nesa cuestión. Estamos nun país que, pola situación e as circunstancias que ten, non está no corredor do poder financeiro que pasa por Londres, París, Bruxelas, Berlín… Nin temos unha base demográfica de cidades nas que realmente poida xogar ese poder financeiro. E nas grandes tecnoloxías estamos actuando a rebufo das grandes forzas sociais e políticas. Iso fai que o poder galego non acabe de potenciar o xenio creador galego. A todos os Gobernos galegos lle faltou esa visión profunda de que Galicia non ten que seguir vivindo da identidade -pode ser un feito e un instrumento, pero non dá de comer e debe integrarse nas grandes forzas, exceptuando o de Fernando González Laxe, ao que eu lle notei esa visión modernizadora.
O discurso de Fernando González Laxe foi o máis avanzado?
O presidente Laxe sentou as bases de por onde tiña que ir Galicia en cuestións como as tecnoloxías e as relacións Galicia-Europa. Metas que non se levaron a cabo porque os Gobernos entraron no ensimesmamento. E coa identidade non comemos.
O problema demográfico que temos é moi grave?
Gravísimo, porque depende das forzas económicas e da vontade das parellas. Aínda non superamos o proceso de liberación da muller, que está influíndo niso, como xa o fixeron Suecia e outros países. Ademais Galicia non ten unha gran metrópole -unha Barcelona, un Madrid-, unha proa que dirixira o país cara á modernización.
(…) Hai que reformularse o papel que xogou a emigración?
Eu renego da visión vitimista, con todos os respectos para o amigo Beiras, que dixo que o galego que collía a maleta renunciaba á revolta. Hai unha emigración forzada polas circunstancias económicas, pero poucas veces pola supervivencia. A emigración foi porque había moita xente na familia.Hai tamén un sector intelectual que se sentía afogado aquí e se vai pola utopía republicana. Os centros galegos nacen dunha inxección intelectual de xente moza, galega, que se decanta da potencia que tiña aquilo e mobiliza a opinión pública, funda xornais e xera unha ideoloxía de asociacionismo galego. A emigración supuxo tamén as remesas de capitais para Galicia. Sen eses recursos non se tería feito en Galicia cousas como a modernización da frota.
Entrevista de Luís Pousa a Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega. Ler entrevista completa na web de Galicia Hoxe.
