Praza dos Libros: literatura, pan, animación, audiovisual e feira tradicional durante catro días en Carballo

Libros, actividades lúdicas, presentacións, actuacións, autoras e autores da comarca e do país, cinema, recitais, pan e moitas outras propostas encherán de vida, imaxinación e creatividade o Xardín Municipal de Carballo durante catro días. Unha nova edición da Praza dos Libros que cada ano pretende promocionar a lectura e achegarlle á cidadanía o libro e os produtos culturais galegos.

O inicio será o xoves 27 ás 10.30 h e a inauguración ás 13.00 h cun orixinal pregón do contador, actor e director teatral Quico Cadaval. Ao longo dos catro días haberá diversas presentacións e sinaturas de libros. Así, o xoves 27 ás 19.30 h presentarase a antoloxía poética De Pondal ao Batallón Literario. 120 anos de poesía da Costa da Morte, na que participarán diversos poetas da zona como, entre outros, Miro Villar e Modesto Fraga. O venres 28 ás 12.30 h presentarase Marcelo o morcego, de Beatriz Fraga e ás 21.00 h o poemario Olladas dun intre de amor, de Alberte Suras. O sábado 29 ás 12.30 h Alberto Varela Ferreiro presentará O Misterio na selva de Ngorongón e ás 21.00 h Fernando Cabeza Quiles fará o mesmo con Contos azuis. Finalmente, o domingo 30 ás 12.00 h terá lugar a presentación de A cociña dos larpeiros, de Benigno Campos, e ás 19.30 h de Sidecar, o último libro de Alberto Lema.

Pero a Praza dos Libros irá máis aló, polo que haberá diversas actuacións e actividades de animación. Deste xeito, tanto o xoves pola mañá como o domingo pola tarde estará na feira a Ciclobiblioteca pilotada polo contacontos Anxo Moure. O xoves 27 ás 21.00 h Quico Cadaval traerá Fantasmas familiares, un espectáculo das súas orixinais historias. O venres 28 ás 20.00 h será a hora do circo de rúa, con Á pista, malabarista!, da compañía Picompé. O sábado estará todo o día na feira a Caixiña dos mistos, unha orixinal caravana con cinema infantil itinerante sobre rodas coas mellores pelis para peques. O mesmo sábado 29 ás 19.00 h, Teatro Patán animará aos nenos e nenas con Palabra de Chapeu. Contos para xogar. Ademais, o domingo 30 pola mañá terá lugar a gravación dun capítulo da serie de internet Para mariñeiros nós, protagonizada por Suso Lista e Manolo de Laxe, e dirixida por Omar Rabuñal.

E os libros virán cun pan debaixo do brazo… Durante toda a mañá do domingo 30 todas as persoas que merquen un libro serán agasalladas cun pan da marca Pan de Carballo. Ademais, durante os catro días de feira, cada compra será agasallada cun exemplar do Alba de Gloria de Castelao ou coa edición do poema Víspora de San Xuan, de Alfredo Brañas, do que se celebra o 150 aniversario do seu nacemento. E ao lado dos libros estarán os mellores produtos da zona, pois o xoves 27 pola mañá a Praza dos Libros convivirá coa Feira Tradicional de Carballo e o domingo 30 co Feirón de Verán 2009, con compra, venda e difusión dos mellores produtos alimentarios locais e de tempada.

Nesta feira da palabra participan sete librarías: Brañas e Trasgo (de Carballo), Como unha novela (da Laracha), Roget (de Vimianzo), Couceiro e Orizales (da Coruña) e A Palavra Perduda (de Santiago). Ademais, tamén participa Kamisolas-Rei Zentolo (de Carballo), A Mesa pola Normalización Lingüística e o Concello de Carballo.

O Ministerio de Cultura subvenciona con 800.000 euros a tradución de libros en castelán

O Ministerio de Cultura dedicará en 2009 un total de 800.000 euros para a tradución a linguas estranxeiras dun total de 213 obras publicadas en castelán (…) Unha Comisión de Valoración, presidida polo director xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas, Rogelio Blanco, foi a encargada de conceder devanditas axudas ás editoriais que, en total, traducirán 213 obras escritas en español, segundo fontes oficiais. [Ler artigo completo en Xornal de Galicia]

A Consellería de Cultura prescinde este ano das axudas para tradución

O temor dos editores tiña fundamento. Logo de varios meses de demora sobre a data prevista inicialmente, a Consellaría de Cultura vén de confirmar que este ano non haberá axudas á tradución de libros. Nin se recortan, como aconteceu coas dos grandes proxectos editoriais, que baixaron un 25%, nin se modifican, como está a acontecer con outras políticas herdadas do goberno bipartito. Por primeira vez nos últimos cinco anos, non se convocarán. [Ler artigo completo en Xornal de Galicia]

Viveiro: presentación de No cubil da Lúa

Baía Edicións presenta en Viveiro No cubil da Lúa, do mestre e poeta mariñán Xoán Neira. Será o sábado día 15 de agosto , ás 21:00 horas, na Feira do Libro de Viveiro (Xardíns Noriega Varela) e no acto participarán ademais do autor, a poeta, narradora, ensaísta e dramaturga Marica Campo acompañados dunha representación de nenas e nenos da vila, que recitarán poemas do libro, ilustrado polo galego-cubano Juan Darién.

En No cubil da Lúa conflúen poesía, plástica e animais coñecidos do noso medio, xuntos en 14 poemas que achegan a nenos e nenas outros tantos animais que viven en liberdade e dormen baixo o amparo da Lúa, descritos con fermosas e evocadoras figuras que perfilan poéticamente os seus lazos singulares.

A Coruña: conferencia de Vittorio Giardino

Hoxe mércores no Kiosco Alfonso de 18:45 a 20:30. Entrada libre.

Vittorio Giardino (Bolonia, 1946) comezou a súa carreira profesional en plena madurez. Estudou Enxeñería Electrónica e exerceu a profesión durante dez anos. Cumprida xa a trintena, decidiu abandonar o seu traballo como enxeñeiro para dedicarse en corpo e alma ao mundo do cómic. En 1979, tras un ano de colaboracións en diversas revistas e fanzines, crea un dos seus personaxes máis famosos, o detective Sam Pezzo, cuxas historias foron serializadas na revista Il Mago. Ao pechar esta publicación, empezou a traballar na revista Orient Express ás ordes do editor Luigi Bernardi. Nesta contorna nace outra das súas grandes creacións, Max Fridman, un axente secreto francés, cuxas misións transcorren en diversos puntos de Europa. A primeira aventura deste axente secreto, Rapsodia Hungara, foi recompilada nun álbum unitario en 1982. A partir de entón, Max Fridman non abandonará ao seu creador ao longo do tempo. Son múltiples as obras que viron a luz co axente secreto como protagonista. Este personaxe é o aceno de identidade do autor e foi o seu pasaporte para o recoñecemento internacional.

En 1984, como un traballo de encarga para revista Comic Art, Giardino creou o personaxe Little Ego, unha clara homenaxe ao Little Nemo, de Winsor McCay. Pouco despois, sae á venda a segunda aventura de Max Fridman, A porta de Oriente, un traballo que alternou coa creación dunha serie de historias curtas publicadas en diversos medios e que posteriormente se recompilarían no volume colectivo Vacaciones Fatales.

En 1981, co personaxe Jonas Fink e a súa triloxía de álbums (A infancia, A adolescencia e A mocidade) obtén o recoñecemento da crítica e numerosos e prestixiosos premios tanto en Europa como en Estados Unidos. Trátase da obra máis persoal do autor xa que se serve da súa experiencia e a da súa familia, parte da cal residía na antiga Checoslovaquia. Describe a Praga dos anos cincuenta, onde un mozo sofre a represión da policía comunista. En 1999 Giardino recupera ao seu personaxe Max Fridman para a triloxía Non pasarán, ambientada na guerra civil española. Unha obra complexa e chea de matices, onde tras a inicial premisa da investigación dun amigo de Fridman, e por medio de tramas secundarias, Giardino realiza unha radiografía do conflito a través da mirada distante dun axente secreto enfrascado nunha guerra que non é a súa. Esta triloxía levoulle dez anos de traballo, só interrompidos pola publicación de Eva Miranda, (axudado ao guión por Giovanni Barbieri), unha parodia do mundo dos culebróns televisivos. Na actualidade, Giardino compaxina o seu labor de historietista con traballos de ilustración para revistas como Vogue ou Je Bouquine.

Cee: presentación de Escapado

O xoves 13 de agosto ás 20 horas nos locais do Museo Fernando Blanco de Lema, e dentro das actividades culturais da Feira do Libro de Cee, presentarase o libro Escapado. Do monte do Pindo ao exilio pasando pola
illa de San Simón
, a primeira novela de Luis Lamela, editada por Edicións Xerais de Galicia. O autor estará acompañado por Miro Villar.