A Coruña: actividades do Día do Libro

Co gallo do Día do Libro, hoxe xoves 23 de abril nos Xardíns de Méndez Núñez na Coruña terá lugar unha lectura colectiva de A Esmorga, obra de Eduardo Blanco Amor cuxos primeiros cincuenta anos celebramos hai unhas semanas. A seguir haberá un Concerto ourensán, un concerto de voz e acordeón pensado para, por, sobre Ourense. Dende cantares de cego que falan de afiadores e paragueiros a temas populares e tradicionais de Ourense e arredores. Voz, acordeón e percusión para poñer banda sonora a unha obra como A Esmorga xuntando o acordeón de Moncho do Orzán e a voz de Nelson Quinteiro. Será entre as cinco e as sete desta tarde.

Hoxe ademais as bibliotecas municipais instálanse por un día na Estación de Trens e Autobuses, desde ás dez da mañá até as sete da tarde. Haberá tamén animación de rúa a cargo da Compañía Femme Fatale.

Arteixo: a Biblioteca Central levará o nome de Henrique Rabuñal

O día 23 de abril de 2009, Día do Libro, o Concello de Arteixo bautizará a súa rede de bibliotecas con nomes de escritores vinculados ao Concello. A Biblioteca Central de Arteixo, que cumpre 20 anos, pasa a chamarse “Henrique Rabuñal”. A Biblioteca posúe 16.000 libros, 3.100 socios e 100 usuarios diarios. Henrique Rabuñal, doutor en filoloxía e catedrático de lingua e literatura galegas, é arteixán de nacemento, historiador do seu concello e profesor no IES “Manuel Murguía”. Puxo en marcha e coordinou durante 15 anos o certame de relatos “Manuel Murguía”. Como escritor é autor dunha obra multixenérica nos ámbitos da creación (A fariña das horas, Ollos negros, O cristal da sede) e a investigación (A Coruña na historia, Manuel Murguía, Palabra e patria ou Poemas coruñeses).

Gondomar: celebración do Día do Libro

Mañá 23 de abril, Día do Libro, de 19.30 a 22.00 horas, Espazo Lectura, en colaboración co Concello de Gondomar, súmase á celebración internacional do Día do Libro sacando a lectura ao mercado. Os postos das peixeiras da Praza de Abastos de Gondomar encheranse de libros e de froita, para acoller a segunda edición da sesión de lecturas compartidas en voz alta, Dar de ler coma quen dá de beber. A Praza da Abastos de Gondomar, obra do arquitecto Bar Boo, acollerá esta simbólica acción que Espazo Lectura quere levar adiante en favor do libro.

Barcelona: actividades de Estaleiro Editora

Entre o días 22 e 25 de abril Estaleiro Editora desenvolverá unha axenda de actividades en Barcelona para dar a coñecer o seu proxecto de edición alternativa e independente a través do poemario Máquina de guerra, primeiro libro da autora galega e residente en Barcelona Raida Rodríguez. O 22 de abril ás 16:30 o portavoz da editora Carlos G. Figueiras compartirá mesa con Raida Rodríguez Mosquera na Facultat de Lletres da Universitat Autònoma, nun acto organizado polo Lectorado de Galego da devandita universidade. Dous días despois, o 24 de abril, Estaleiro levará o seu proxecto ao Espai Social Magdalenes, onde trala presentación de Máquina de guerra ás 19:30 comezará un recital galego–catalán aberto ás persoas interesadas. Este segundo acto está organizado polo Espai Gallec dels Països Catalans. O último evento desta intensa axenda terá lugar ao día seguinte, 25 de abril, ás 18:00 no Centro Galego de Barcelona .

Máquina de guerra dá continuidade a unha enérxica actividade literaria desenvolvida por Raida Rodríguez en revistas, en recitais e na rede, espazo en que a autora mantén o blogue Punto de fuga. Máquina de guerra pretende dar conta das ameazas que atinxen a condición humana na contemporaneidade e desenvolve, neste sentido, unha acción reflexiva e rebelde que aspira a cuestionar e repensar as grandes categorías do pensamento e da acción política, sexa o xénero, a nación, a lingua, o poder ou a memoria. Como o resto de obras lanzadas por Estaleiro poderá ser descargada libremente na páxina web da editorial.

Santiago: presentación do libro de Juan Blanco Valdés

Mañá 23 de abril, con motivo do Día Internacional do Libro e dos dereitos de autor, presentarase Do orixinal ao libro. Manuel de edición técnica do editor Juan Blanco Valdés. O acto, organizado polo Consello da Cultura Galega e por Edicións Xerais, realizarase ás 12:00 horas no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega, Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro de Santiago. Intervirán  Jacobo Bermejo Barrera (Presidente do Cluster do Produto Gráfico e do Libro Galego), Manuel Bragado e o autor

Libro aberto, programa do 22 de abril

Esta semana visita o programa Libro aberto o poeta, ensaísta e profesor lugués Claudio Rodríguez Fer, que falará do seu libro de poemas Ámote vermella. A reportaxe semanal aborda a exposición co mesmo nome, Ámote vermella, conectada con dúas obras literarias: os microtextos de Carmen Blanco publicados en Atracción Total e agora o poemario de Claudio Rodríguez Fer. Este proxecto multisoporte é unha idea inspirada no número Vermellas da revista “Unión Libre”.

O programa analizará ademais a figura de Daniel Mordzinski, tamén coñecido como “o fotógrafo dos escritores”, que retratou a moitos dos grandes nomes da literatura en español, tales como Vargas Llosa, García Márquez ou Cela.

Coma sempre haberá lugar para a crítica literaria. Nesta ocasión, Isabel Soto falará do libro infantil de Manuel Rivas O sombreiro Chichiriteiro, que edita Xerais. Despois, na sección de traducións, Xesús Fraga analizará a obra Do que estou a falar cando falo de correr, do xaponés Haruki Murakami. A lectura desta semana corre a cargo de Constantino Bértolo, que compartirá cos espectadores un fragmento da súa obra La cena de los notables. Para rematar, imaxes do documental Lister, pronunciado Liste da académica galega Margarita Ledo Andión. O filme analiza a Europa da Fronte Popular e a España da guerra civil a través da figura do dirixente comunista Líster e das mulleres que formaron parte da súa vida.

Libro aberto emítese mañá mércores 22 de abril á noite (00:45), na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na G-2 (TDT) o luns ás 23:30 horas, ou a través da páxina web.

Programa de actividades da Consellería de Cultura na 35ª Feria Internacional del Libro de Buenos Aires

Sábado 25 de abril ás 19:00, Sala Jorge Luis Borges: Día de Galicia. Participan: Víctor Freixanes, Xabier P. Docampo e Maria Rosa Lojo. Ás 19:30 concerto de Treboeiro Orquestra Galega.

Domingo 26 de abril ás 18:00, Sala Roberto Arlt: Obradoiro de ilustración para nenos. Participan Xosé Cobas e Xabier P. Docampo.

Luns 27 de abril ás 18:30, Sala Adolfo Bioy Casares: Homenaxe ao libreiro Francisco Gil. Participan: Antonio Pérez-Prado, Eustasio García, Carlos Penelas e Nilda Magnaghi. Modera: Ruy Farías.

Martes 28 de abril ás 19:30, Sala Alfonsina Storni: Conferencia “La percepción a través de los sentidos” por Xosé Cobas.

Mércores 29 de abril ás 20:30, Sala Domingo F. Sarmiento: Presentación Letras de Galicia (antoloxía de narrativa e revista). Interveñen Xabier P. Docampo, Xosé Cobas e Graciela Deza. Modera: Débora Campos.

Máis información: páxina web da Feira do Libro de Bos Aires.

Ponferrada: Igor Lugrís presenta poesía para Ver/poesía para Ler

O próximo venres 24 de Abril Igor Lugrís presenta a súa exposición poesia para Ver/poesia para Ler na Galeria DOSMILVACAS.arte de Ponferrada. Os cartaces e poemas que forman parte do proxecto xa foron exhibidos antes en Cabanas Raras, Salvaterra, Ponte Areas, Trasancos e Santiago de Compostela. A comezos de maio, e como complemento ao proxecto, Igor Lugrís organizará en Ponferrada un recital de poesía. O acto do venres é de entrada libre.

A Coruña e Lugo: presentación do libro de Luz Pozo e José Valentín

deterdiaflor
O vindeiro mércores día 22 de abril, ás 20.00 horas, na Fundación Caixa Galicia da Coruña (Cantón Grande 21-24), terá lugar a presentación do libro Deter o día cunha flor de Luz Pozo Garza e José Valentín, editado por Baía. No acto intervirán, ademais dos autores, Ánxeles Penas, Olga Patiño e Belén López Vázquez.

A seguinte presentación terá lugar en Lugo o mércores día 29 de abril, ás 20.00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de San Domingos, 4), e contará coa participación dos autores acompañados por Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer e Belén López Vázquez.

Mini e Mero recibirán o Pedrón de Ouro o 24 de maio

O domingo 24 de maio ás 12:00 na Casa de Rosalía en Padrón terá lugar o acto de entrega do Pedrón de Ouro aos músicos e musicólogos Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias, máis coñecidos como Mini e Mero. O galardón recoñece o traballo que levan realizando dende 1972 para recuperar e transmitir o patrimonio oral de Galicia.