Faleceu Avelino Abuín de Tembra

O fundador do padroado Pedrón de Ouro Avelino Abuín de Tembra faleceu a pasada madrugada en Santiago de Compostela. Nacido en Imo, Dodro, en 1931, o escritor e profesor Avelino Abuín de Tembra deixa unha amplísima obra xornalística con máis de oito mil artigos aparecidos en publicacións do país, españolas e latinoamericanas. Foi tamén o promotor do premio de poesía “Eusebio Lorenzo Baleirón” e dende a Comisión de Cultura da Fundación Rosalía de Castro impulsou a creación da “Ruta Rosaliana”.

A Coruña: obradoiro de creación artístico-literario dende a rede

Todos os luns a partir do 2 de marzo na Biblioteca Infantil e Xuvenil de Durán Loriga vaise celebrar un obradoiro de creación artístico-literario dende a rede impartido por Antía Otero e Eduardo Estévez. Dirixido a rapaces e rapazas a partir dos 14 anos que queiran descubrir o mundo da escrita e da arte en xeral dun xeito lúdico, o obradoiro propón un achegamento aos video-poemas, os blogs, a música, a imaxe, os audiovisuais, etc. Para inscribirse deben contactar coa Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil (r/Durán Loriga, 10), no teléfono 981 184388 ou neste email.

Gondomar: encontro con Concha Blanco

Mañá sábado 28 de febreiro de 2009 ás 12:00 horas, a escritora galega Concha Blanco participará no club de lectura compartida Lendo Contigo. O libro proposto para este encontro é Boris, publicado pola editorial Galaxia; sobre el dialogará Concha Blanco coas nenas e nenos asistentes nun encontro que terá lugar, como é habitual, na Biblioteca de Gondomar. Máis información, na web Espazo Lectura.

Ferrol: recital e obradoiro con Eduardo Estévez

Mañá venres 27 de febreiro ás 17:30 na Galería Sargadelos de Ferrol haberá unha sesión aberta do obradoiro literario de Fene para celebrar a aparición en papel do libro Os veos da paisaxe de Eduardo Estévez preparada por Antonio Piñeiro en Edicións Bourel. Esta edición consta de 80 exemplares cosidos e pegados a man acompañados por cinco fotografías orixinais da serie Os veos da paisaxe, algunhas das cales están expostas este mes na propia Galería Sargadelos xunto co traballo de Igor Lugrís, Poesía para ver, poesía para ler. Na sesión de hoxe o editor Antonio Piñeiro falará sobre o que significa unha editora de libros artesáns e contará como é que se fai un obxectos coma este. A seguir, Eduardo Estévez fará un pequeno recital con textos do libro e despois as persoas presentes que queiran poderán participar dun exercicio de escrita a partir das imaxes da exposición.

A Coruña: comeza o Congreso Jenaro Marinhas del Valle

A Associaçom Galega da Língua organiza entre os dias 26 e 28 de Fevereiro o Congresso Jenaro Marinhas del Valhe, com o objectivo de aprofundar no estudo desta destacada figura, que sempre afirmou o carácter universal e lusófono da língua da Galiza, além da tradiçom galeguista a que pertence. O congresso em homenagem a Jenaro Marinhas del Valle, membro de honra da entidade reintegracionista, realizará-se na Corunha, cidade onde por direito corresponde, nos locais do Centro Social Caixanova. O congesso está em processo de reconhecimento com um crédito de livre configuraçom por parte da Universidade da Corunha [Ler nova completa]

A Coruña: conferencia de Xurxo Souto

Dentro da programación do obradoiro de canción popular A Coruña Son mañá xoves 26 de febreiro Xurxo Souto impartirá unha conferencia co título O influxo afro-americano na canción galega. Durante o relatorio haberá ocasión de escoitar diferentes exemplos que reflicten a pegada dos sons atlánticos na música popular galega. O acto terá lugar no auditorio do Fórum Metropolitano de cinco a oito da tarde, con entrada libre.

O músico e escritor Xurxo Souto é autor entre outros dos libros O retorno dos homes mariños, Contos da Coruña e Os tres trebóns. Desde outubro de 2005 é Director de Programas da Radio Galega, emisora na que conduce o espazo musical Aberto por reformas.

A Coruña: conferencia de Henrique Rabuñal

O escritor Henrique Rabuñal intervén este venres 27 ás 12:00 no Congreso Marinhas del Valle coa conferencia Jenaro Marinhas del Valle leal e erguido. O acto terá lugar no Centro Social Caixanova da Coruña (avda. Da Mariña esquina r/Fama). Henrique Rabuñal é especialista na obra do dramaturgo coruñés e autor do libro Jenaro Marinhas del Valle, a vida escura, editado por Laiovento.

Gálix presenta o Club de lectura “Tendendo Redes”

Mañá xoves 26 de febreiro ás 17:30 preséntase no salón de actos do Consello
da Cultura Galega (praza do Obradoiro, Santiago de Compostela) o Clube de Lectura “Tendendo Redes”, organizado pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Gálix coa colaboración da Dirección Xeral de Difusión e Promoción Cultural da Consellería de Cultura e do Consello da Cultura Galega. Entre outras accións, o Club de Lectura promoverá encontros con autores como Xosé A. Neira Cruz, Fran Alonso, Agustín Fernández Paz, Marilar Aleixandre, Miguel Vázquez Freire, An Alfaya, Marcos Calveiro ou Fina Casalderrey, que descubrirán os segredos que se agochan detrás de cada libro, os escenarios xeográficos que serviron de inspiración aos autores, as lecturas que os foron construíndo ou as propostas fílmicas e musicais que serviron de punto de partida para o nacemento da escrita. Tendendo Redes conta ademais cun blog propio no que se poderá seguir a dinámica do club e botar man de diversos recursos teóricos (estudo da obra, lecturas críticas, miradas de críticos de renome, como foi abordada esta temática por outros escritores, actividades transversais, un foro de debate, etc.) que permitirán un achegamento máis profundo ao texto e ao autor ou autora.

Manifesto da AELG en conmemoración do Día de Rosalía

NO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO
por Teresa Moure

Noutro 24 de febreiro nacías, Rosalía, no Camiño Novo, nas inmediacións de Santiago de Compostela, a poucos quilómetros de onde se escribe esta lembranza. Hoxe celebramos o teu nacemento unicamente por termos así un punto de referencia para te homenaxearmos porque, para actuarmos con propiedade, deberiamos celebrar o día en que escribiches tal ou cal poema, o día en que decidías dar ao prelo o poemario inaugural do primeiro Renacemento, o día en que remataches o prólogo de Follas Novas, ou tantos outros días decisivos para a escrita en galego cuxa data exacta descoñecemos e que, daquela, non podemos conmemorar.

Se a morte non fose un camiño sen volta, se puideses ver cos teus propios ollos o noso país -o país “en que me eu criei”, como ti dirías-, sorprenderíaste do actual que resulta a túa obra, a pesar do paso implacábel do tempo e dos moitos cambios que operaron no mundo. Coido que non te abraiarían as novidades tecnolóxicas que envolven as nosas vidas; como nunca fuches babeca nin reaccionaria, asumirías os novos inventos no que valen mais tampouco non te deixarías cegar polas falsas aparencias de modernidade que producen as máquinas. Con toda seguranza, celebrarías o progreso económico, que nos libra de ver por toda a parte, como ti viches, a miseria e os padecementos dunha sociedade empobrecida que queremos deixar atrás, aínda que seguramente o teu ollar, atento aos detalles, se decataría con precisión de que o luxo consumista en que nos bambeamos non ten nada a ver coa xustiza nin abrangue toda a poboación. Porque ti, Rosalía, non escribías poemas para exercer de delicada nin de dama triste e mexeriqueira, senón coa intención de condensares na escrita a forza revolucionaria que levan as palabras dentro. “Libros enteiros poideran escribirse falando do eterno infortunio que afrixe ós nosos aldeáns e mariñeiros, soia e verdadeira xente do traballo no noso país. Vin e sentín as súas penas como si fosen miñas; mais o que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as innumerables coitas das nosas mulleres”, escribiches hai case cento trinta anos e, con todos os matices que cumpra introducir, este texto segue a nos conmover pola reivindicación das clases traballadoras e da situación especial das mulleres. Non importa se os labregos e mariñeiros non representan xa a maioría dos galegos porque a preocupación social dos teus versos podería aplicarse por igual ás masas proletarias, separadas da sociedade do benestar por marxinación social ou desemprego, e se nos teus poemas os mozos labregos emigran á Habana, na actualidade marchan a Canarias ou xogan a seren cidadáns de ningures nun sistema capitalista que non sabe de patrias.

Se puideses saber como vén sendo interpretada a túa obra, -como punto de arranque, como peza chave, como exemplo dunha rara lucidez-, ti que non fuches vaidosa, descansarías en paz. Aínda que para iso habería que evitarche o coñecemento de seres tamén malinterpretada, manipulada e lida en certos círculos, sobre todo fóra da Galiza, como soñadora melancólica, como intimista romántica, todo por teres dedicado algúns poemas á infinita dor da existencia, o que parece convertelos en material máis doce, menos atrevido que a maioría da túa escrita. Sen dúbida, fuches tan adiantada ao teu tempo que militaches en causas que aínda non se recoñecían como tales, nin tiñan quen as defendese. Así se explica que o que hoxe chamamos violencia de xénero e aparece nos medios de comunicación como un asunto actual, como un problema acabado de detectar, estivese xa naqueles versos de Follas novas: “Que hai uns negros amores de índole pezoñenta/ que privan os espritos, que turban as concencias,/ que morden si acariñan, que cando miran queiman,/ que dan dores de rabia, que manchan e que afrentan./ Máis val morrer de friaxen/ que quentarse á súa fogueira”. Seguro que se vivises hoxe entre nós os seminaristas volvían apedrear as túas xanelas, aínda que se cadra só te insultaban por blogue: as formas poden variar mais, con toda probabilidade, seguirías estando nas barricadas. Por iso o pouso da túa obra fica ao fondo. Por iso, neste día de homenaxe, sobre todas as cuestións que espertaron o teu interese, quizais deberiamos atender especialmente o teu compromiso coa lingua. “As multitudes dos nosos campos tardarán en ler estos versos, escritos a causa deles, pero só en certo modo pra eles” porque hoxe eses versos son xa accesíbeis a quen os causou. Nunca na historia precedente tivemos a totalidade da poboación alfabetizada e coa posibilidade de frecuentar libros (de os sobar, de os ler, de os aprender, de os adquirir, de os comentar, de se impregnar deles). Daquela estamos xa na época en que as multitudes dos nosos campos poden coñecer sen mediadores o que ti dixeches só en certa forma para elas. Mais esta situación feliz foi producirse nunha época en que todo vai ás présas. Ti dicías que dez anos son moitos a xulgar pola présa con que hoxe se vive e nin te imaxinabas canto máis apurado se pode andar, como andamos agora, correndo sen sabermos onde nin detrás de que. Porque cando tiñamos todo para nos envolvermos como sarillo na historia pasada e comezar a florecer, os ánimos afrouxan. Dixéronnos que o mundo era todo igual e que se expresaba en inglés e moitos acreditan en tal desatino, volvendo as costas ao que é de seu e soñando con vestiren coma outros, con falaren coma outros, con seren coma outros… E como non sería cousa de chamares as xentes á guerra para logo desertar da bandeira que ti mesma levantaras, Rosalía, se estiveres entre nós, estarás en aberta oposición aos sectores da sociedade que reclaman a súa liberdade a non seren galegos, a non se construíren como tales. Como tantos libros enganosos, que só din medias verdades, contan que eras unha dama do XIX, de non fitarmos en profundidade, podemos esquecer que eras -e es, que a túa obra vive- unha activista comprometida, que non andabas con florituras nin escribías de pombas e flores por teres alma de muller, que o teu compromiso coa nación e coa lingua foi tan alto que todo o que tivo un eco por leve que fose, con tal que chegase a te conmover, todo isto ousaches cantar para declarar perante os que sen razón nin coñecemento ningún nos desprezan “que a nosa terra é dina de alabanzas, e que a nosa lingua non é aquela que bastardean e champurran torpemente nas máis ilustradísimas provincias cunha risa de mofa que […] demostra a iñorancia máis crasa i a máis imperdoable inxusticia que se pode facer dunha provincia a outra provincia irmá por probe que esta sexa”. Contigo aprendemos a ser elos dunha cadea, a non renegarmos, a recoñecermos que só sendo galegas e galegos podemos ser universais. Que o peso da terra sexa leve, compañeira!