Café literario con Francisco Fernández Naval

O venres 6 de febreiro ás 19 horas no Casino de Santiago o escritor Francisco Fernández Naval falará sobre Julio Cortázar dentro do ciclo Miradas alleas. Como nos viron, como nos ven. A entrada é libre. O ciclo continuará a semana que vén con cafés literarios a cargo de Juan Carlos Fernández Iglesias, Carlos G. Reigosa e Xesús Alonso Montero.

Salón do Libro Infantil e Xuvenil: programación do venres 6 de febreiro

17:00: Conferencia. Biblomelide: un proxecto de animación á lectura na rede, con Cristina Villarmea e Xosé Tomás. Pazo da Cultura.

17:30: Contacontos. Contadores de historias de Educación Secundaria. Pazo da Cultura.

18:00: Obradoiro infantil. Ilustración, con Planeta Tangerina. Pazo da Cultura.

18:30: Teatro. Zapatos, de Caramuxo. Pazo da Cultura.

19:30: Conferencia: Falando de amor, con Gustavo Martín Garzo. Pazo da Cultura.

Máis información: páxina web do Salón do Libro Infantil e Xuvenil.

Ourense: coloquio con Manuel Vicent e Ángel Sánchez Harguindey

Rematan os Encontros Literarios organizados pola Sección de Literatura do Liceo de Ourense cunha conferencia-coloquio que reunirá ao escritor Manuel Vicent e o xornalista Ángel Sánchez Harguindey arredor do tema Relato corto y articulismo. Será mañá venres 6 de febreiro ás oito e cuarto da tarde na Aula de Cultura da entidade, con entrada libre.

Manuel Vicent, escritor e xornalista valenciano, publicou en Alfaguara Tranvía a la Malvarrosa (1994), Jardín de Villa Valeria (1996), Las horas paganas (1998), Son de Mar (Premio Alfaguara 1999), La novia de Matisse (2000), Cuerpos sucesivos (2003) e Verás el cielo abierto (2005). Colaborador habitual do xornal El País, unha escolma dos seus artigos están recollidos en Nadie muere la víspera (2004). Viajes, fábulas y otras travesías (2006) e Comer y beber a mi manera (2006) son os seus últimos libros publicados.

Ángel Sánchez Harguindey é adxunto á dirección de El País, xornal no que traballou desde a súa fundación, sempre vencellado á área de Cultura e Espectáculos. É autor do libro Memorias de sobremesa. Conversaciones con Rafael Azcona y Manuel Vicent.

Finalistas do Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico

O Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico xa ten finalistas. O xurado elixiu as pezas presentadas baixo os lemas Peter Buckley, Servizo de Información e Xou mas gou on, que agora serán adaptadas polo director e actor Cándido Pazó. As obras van ser emitidas en diferentes programas da Radio Galega ao longo do mes de marzo. Máis información, no blog do Diario Cultural

Salón do Libro Infantil e Xuvenil: programación do xoves 5 de febreiro

17:00: Conferencia: Made in Greenlándia, con Sechu Sende e Carlos Santiago. Pazo da Cultura.

18:00: Obradoiro infantil. Ilustración, por Planeta Tangerina.

18:30: Teatro. Unha de amor, por Artello Teatro.

19:30: Conferencia: Era un amor de neno: As paixóns prohibidas na literatura infantil, con Teresa Moure.

21:00: Concerto. Os instrumentos tamén se namoran, coa Banda de Música de Pontevedra.

Máis información: páxina web do Salón do Libro Infantil e Xuvenil.

Café literario con Fernando Scornik

O xoves 5 de febreiro ás 19 horas no Casino de Santiago o ciclo Miradas alleas. Como nos viron, como nos ven celebra a terceira sesión dos seus “Cafés literarios” coa presenza de Fernando Scornik, que impartirá unha conferencia co título Los intelectuales gallegos que yo conocí en Buenos Aires. A entrada é libre.

Mário Claudio recibe o Premio Fernando Namora

O escritor portugués Mário Cláudio recibiu antonte o Premio Fernando Namora/Estoril Sol, dotado con vinte e cinco mil euros, polo romance “Camilo Broca”, publicado pola editorial Dom Quixote. A cerimonia estivo presidida polo Presidente da República, Cavaco Silva. O presidente do xurado, Vasco Graça Moura, dixo de Mário que era “um dos melhores e mais escorreitos prosadores”. O escritor nacido en Porto xa obitvera anteriormente outros premios de prestixio, coma o Premio Pessoa en 2004 ou o Vergílio Ferreira en 2008. Máis información, no xornal Público

XII Certame de poesía “Concello de Carral”

A Concellería de Cultura ven de convocar o XII Certame de Poesía “Concello de Carral” dotado con 2000 € e a publicación da obra gañadora na editorial Espiral Maior. O prazo de presentación de obras estará aberto ata o 25 de marzo.

Bases XII Certame de Poesía “Concello de Carral” [descargar en PDF]:

1.- Poderán optar ao premio todos os autores/as maiores de idade e de calquera nacionalidade, sempre que o seu traballo se presente escrito en lingua galega. Non poden participar anteriores gañadores/as deste concurso.

2.- Fíxase un premio único de 2.000 euros. O xurado pode declarar deserto o premio. Sobre a contía do premio aplicaranse as retencións fiscais oportunas.

3.- Os traballos serán orixinais, inéditos e non premiados noutros concursos no momento das deliberacións do xurado (os autores dos traballos premiados deberán comunicarllo de xeito inmediato á organización), e cunha extensión non inferior aos 400 versos. Os traballos presentaranse por triplicado, mecanografados a dobre espacio por unha soa cara, e debidamente grampados ou encadernados; achegados de sobre pechado no que conste no seu exterior o título da obra e o lema ou alcume do autor, contendo no interior o seu nome e apelidos, NIF, enderezo, número de teléfono e correo electrónico.

4.- As obras presentaranse na Biblioteca Pública Municipal de Carral (Casa da Cultura, Rúa de Paleo, 17, 15175, Carral,ACoruña).

5.- O prazo de admisión de orixinais rematará o 25 de marzo de 2009.

6.- As deliberacións do xurado son secretas, e delas estenderase a acta correspondente. A decisión do xurado farase pública na segunda quincena do mes de abril.

7.- O xurado estará presidido polo Alcalde do Concello de Carral ou concelleiro ou concelleira no que delegue, e formarán parte do mesmo persoas de recoñecido prestixio no eido da poesía galega e o autor gañador da edición anterior deste concurso; e actuará como secretario o técnico municipal de Cultura do Concello de Carral.

8.- O traballo gañador e o seu autor/a daranse a coñecer mediante comunicación persoal (telegrama ou chamada telefónica), na web municipal, nos principais medios de comunicación de Galicia, así como no taboleiro de anuncios da Casa da Cultura do Concello de Carral (Rúa de Paleo 17, Carral).

9.- Establécese un período de dez (10) días desde a decisión do xurado para presentar alegacións á citada decisión. As reclamacións, que se tramitarán ante o Rexistro municipal de Carral, serán valoradas polo xurado.

10.- O Concello de Carral reservarase o dereito de publicar a obra gañadora.

11.- As obras non premiadas poderán ser retiradas polos seus autores ou polas persoas nas que deleguen, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao fallo do xurado. Non se devolverán traballos por correo nin por empresas de mensaxes. As obras que non sexan retiradas no prazo indicado, destruiranse.

12.- Corresponde ao xurado a interpretación das presentes bases.

13.- A participación nesta convocatoria supón a total aceptación das presentes bases.

Salón do Libro Infantil e Xuvenil: programación do mércores 4 de febreiro

17:00: Conferencia. ¿Soñan as androides con peixes eléctricos? Con Sonía Díaz e Anxos Sumai. Pazo da Cultura.

17:00: Teatro. La reina de las nieves de Fábula. Pazo da Cultura. Entrada 2€.

18:00: Contacontos. Pazo da Cultura.

19:30: Conferencia. Literatura e medios, unha historia de desamor?, con Xesús Fraga, Óscar López, Javier Lostalé, Winston Manrique e Iago Martínez. Pazo da Cultura.

Máis información: páxina web do Salón do Libro Infantil e Xuvenil.

XIII Certame de Poesía Francisco Añón

Bases XIII Certame de Poesía Francisco Añón:

PRIMEIRA: Poderán participar tódalas persoas interesadas, de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos en Lingua Galega. Os textos presentados deberán ser inéditos.

SEGUNDA: Establécense as seguintes categorías e premios, por idade que se contabilizarán ata o nove de abril, data de remate de entrega dos traballos:

Categoría A: Nenos/as de 6 a 7 anos. . Premios: 1º Clasificado: vale de 90 € en libros e publicación da obra. Accésit: Publicación da obra galardoada.

Categoría B: Nenos/as de 8 a 9 anos. Premios: 1º Clasificado: vale de 120 € en libros e publicación da obra galardoada. Accésit: Publicación da obra galardoada.

Categoría B: Nenos/as de 10 a 11 anos. Premios: 1º Clasificado: vale de 150 € en libros e publicación da obra galardoada. Accésit: Publicación da obra galardoada

Categoría C: Nenos/as de 12 a 14 anos. Premios: 1º Clasificado: vale de 180 € en libros e publicación da obra galardoada. Accésit: Publicación da obra galardoada.

Categoría D: Mozos e mozas de 15 a 17 anos. Premios: 1º Clasificado: vale de 230 € a trocar en libros e publicación do poemario. Accésit: Publicación da obra galardoada.

Categoría E: Maiores de 18 anos. Premios: 1º Clasificado: cheque por valor de 1000 €, e publicación da obra. Accésit: Publicación da obra seleccionada.

TERCEIRA: Para as categorías D e E, as obras terán unha extensión mínima de 150 versos.

CUARTA: Os traballos presentaranse en sobre pechado, orixinal e cinco copias, figurando no seu exterior a mención “XIII Certame Francisco Añón de Poesía”. No seu interior achegarase un sobre pequeno, tamén pechado, figurando no exterior o título da obra, a categoría na que participa e o lema ou pseudónimo do autor; e no interior os datos persoais (nome, idade, enderezo, teléfono de contacto, centro de estudos, titulo da obra e lema ou pseudónimo) e fotocopia do D.N.I. Estes traballos recolleranse nas oficinas do 1º andar da Casa da Cultura. Avda. de San Campio, nº 1 – 15230 Outes (A Coruña) Tamén poden enviarse por correo ao devandito enderezo.

QUINTA: O prazo de presentación rematará o luns 13 de abril de 2009.

SEXTA: O xurado, que se dará a coñecer oportunamente, será nomeado polo Excmo. Concello de Outes. Entre outros, figurará un membro da Corporación Municipal. O día 17 de maio de 2009, dentro dos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas, darase a coñecer a decisión do xurado nun acto público no que, ademais de facer a entrega ás persoas premiadas, celebrarase a presentación do libro “XII Certame Francisco Añón de poesía, 2008″.

SÉTIMA: No caso da súa solicitude por escrito, enviaranse aos autores, no prazo dos tres meses posteriores á decisión do xurado, aqueles orixinais non premiados. Transcurrido dito prazo serán destruídos.

OITAVA: A decisión do xurado será inapelable. A participación no presente certame implica a aceptación das anteriores bases.