Premios GZ Crea 2008

En Relato, os premiados foron:
1º Premio: Iria Ameixeiras Cundíns, de Zas, pola obra A confraría das palabras
2º Premio: Carmen Núñez Sande, de Muros, pola obra Sin título
3º Premio: Martina Vázquez Suárez, da Coruña, pola obra Muller en seis pezas

En Poesía, concedéronse os seguintes premios:
1º Premio: Lara Dopazo Ruibal, de Marín, pola poesía Dende Illa Peixe
2º Premio: Valentina Carro Padín, de Cambados, coa poesía Ciclopes Pintábanse con Rimmel e Saian Angulos
3º Premio: David Pérez González, da Pobra do Caramiñal, coa obra Poesía Primeira de Amor, Desamor e Arrefriado
Mención de honra: Xosé Daniel Costas Currás, de Moaña, pola poesía Revoluciona(Me)

En Teatro, os premiados foron:
1º Premio: Spasmo do IES Santa Irene, de Vigo, por Presas
2º Premio: Bicodobrelo, de Catoira, pola obra Comedia bífida
3º Premio: Andaravía Teatro da A.C. Papaventos, de Vedra, coa obra Metus Extremus
(Vieiros)

A Coruña: presentación de Xanela aberta, de Adela Figueroa Panisse

O luns 22, ás 19:00 na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56), terá lugar a presentación do libro Xanela aberta, de Adela Figueroa Panisse e Celsa Sánchez. O acto contará coa participación de Pilar Garcia Negro, Maria Novo Villaverde, o gaiteiro Moncho Rodríguez Palleiro e as autoras.

A Coruña: presentación do nº 179 da revista Grial

O luns 22 de decembro, ás 20:00 no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia (Médico Rodríguez, 2-4), terá lugar a presentación do número 179 da revista Grial, que leva como epígrafe “O idioma cara ao futuro”. Participarán Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo, codirectores da revista Grial, Teresa Porto, directora da Fundación Caixa Galicia, Anxo M. Lorenzo, profesor de Filoloxía Galega na Universidade de Vigo, e Xaime Subiela, politólogo e asesor da Consellería de Cultura.

Compostela: presentación da novela Bailarei sobre a túa tumba, de Berta Dávila

O sábado 20 de decembro, ás 18:00 no Salón de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, terá lugar a presentación da novela gañadora do IV Premio Biblos-Pazos de Galicia Bailarei sobre a túa tumba, de Berta Dávila. Tamén será presentada a súa tradución ao castelán.

A AELG outorgará o galardón “Escritora Galega Universal” á escritora mexicana Elena Poniatowska

O galardón ofreceullo o presidente da asociación, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, no transcurso da súa recente estadía na Feira do Libro de Guadalajara (México).

A distinción entregáraselle no transcurso da Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritores en Lingua Galega, xunto cos Premios AELG, uns galardóns que, concedidos por escritores/as para escritores/as, levan camiño de se afianzar como uns dos de máis prestixio no noso panorama literario. A Cea das Letras celebrarase no mes de maio de 2009.

Elena Poniatowska

Xornalista e narradora, nacida en París o 19 de maio de 1933, filla dunha mexicana, Paula Amor, e un nobre polaco, Jean Poniatowska.. Radica en México desde 1942. Foi bolseira do Centro Mexicano de Escritores, de 1957 a 1958; ingresou no Sistema Nacional de Creadores Artísticos, como creadora emérita, en 1994.

A Segunda Guerra Mundial fixo que a súa nai tomara unha decisión que cambiou a súa vida. Nai e filla partiron cara a México, mentres o seu pai loitaba co exército francés e participaba no desembarco de Normandía. A guerra separounos durante cinco anos. Conservou a nacionalidade francesa ata que casou e se nacionalizou mexicana.

A súa carreira principiou no exercicio do xornalismo, e ten publicada unha obra moi ampla, que inclúe varios xéneros.

Entre os seus textos destacan as novelas Hasta no verte Jesús mío (1969), Querido Diego, te abraza Quiela (1978), La flor de Lis (1988), Tinísima (1992) e La piel del cielo (2001); os ensaios: Todo empezó el domingo (1963), La noche de Tlaltelolco (1971), Gaby Brimmer (1979), Fuerte es el silencio (1980), El último guajolote (1982), ¡Ay vida, no me mereces! (1985), Nada, nadie. Las voces del temblor (1988) e Juchitán de las mujeres (1989); as coleccións de contos: Lilus Kikus (1954), De noche vienes (1979), Métase mi prieta entre el durmiente y el silbatazo (1982); e os libros de entrevistas: Palabras cruzadas, Era (1961), Domingo 7 (1982), Todo México (1990) e Todo México, vol. II (1994).
Acadou múltiples premios entre os que cómpre salientar: Premio Mazatlán 1970, por Hasta no verte Jesús mío; Premio Xavier Villaurrutia 1970 (rexeitado), por La noche de Tlatelolco; Premio Nacional de Periodismo 1978 (foi a primeira muller que recibiu esta distinción) polas súas entrevistas; Premio Manuel Buendía 1987 (outorgado por varias universidades de México), por méritos relevantes como escritora e xornalista; Premio Mazatlán de Literatura 1992, por Finísima; Premio Alfaguara de Novela 2001, por La piel del cielo, e Premio Rómulo Gallegos 2007, pola súa novela El tren pasa primero.

Ourense: roteiro literario “A esmorga”

Mañá venrés día 19 de decembro, a partir das sete da tarde, a Sección de Literatura do Liceo de Ourense convoca unha nova edición do ROTEIRO A ESMORGA. O inicio terá lugar ás 19:00 horas na Avenida de Zamora, para logo irse desprazando ao longo da cidade medieval polos mesmos espazos físicos e emotivos que percorreron os personaxes da inmortal novela de Eduardo Blanco Amor.

Nesta ocasión a lectura dos textos será a cargo dos alumnos do Instituto de Educación Secundaria da Carballeira, coa que pretenden renderlle a súa pequena homenaxe ao seu profesor, verdadeiro impulsor deste roteiro, Marcos Valcárcel. O peche desta nova edición farase diante da estatua do escritor ourensán na Praza do Bispo Cesáreo, rematando cun viño galego na Sala de Tertulia do Liceo. (Liceo de Ourense)

Gondomar: María Reimóndez no club de lectura “Lendo contigo”

Este próximo sábado 20 de decembro, ás 12:00 horas, a escritora María Reimóndez participará no Club de lectura compartida Lendo Contigo. O libro proposto para este encontro é Lía e as zapatillas de deporte, e sobre el dialogará a autora coas nenas e nenos asistentes. O encontro terá lugar, como é habitual, na biblioteca de Gondomar.