“The Galician Way”, unha nova promoción da cultura galega

«A Consellaría de Cultura quere facer da cultura galega a canle principal para a proxección de Galiza no mundo. O forte impulso que durante esta lexislatura lle deu o departamento que dirixe Ánxela Bugallo á promoción no exterior da nosa cultura e dos nosos creadores potenciaranse co lanzamento de “The Galician Way” unha marca con imaxe unificada para a exportación da música, a literatura, as artes escénicas, as artes plásticas e o audiovisual galegos.

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, presentaron as liñas que marcarán o traballo a prol da proxección exterior da cultura galega no bienio 2009-2010. A partir da base sólida do traballo dos últimos catro anos, artellarase un novo impulso para a promoción internacional sustentado na creación e desenvolvemento das ferramentas específicas necesarias.

A primeira destas ferramentas é a creación da marca e a imaxe “The Galician Way”, un paraugas baixo o que se agrupan marcas específicas para a proxección exterior de cada un dos sectores da nosa cultura: “Galician Tunes” (música), “Galician Books” (literatura), “Galician Art” (artes plásticas), “Galician Shows” (artes escénicas) e “Galician Films” (audiovisual). A web thegalicianway.com agrupa toda a información dirixida ao exterior referida a estes cinco campos da cultura galega.[…]» (Consellaría de Cultura e Deporte)

Ferrol: presentación das obras de Antón Cortizas Vestida co arco da vella (Edicións Embora) e Sopra neste furadiño

O mércores 17, na Galería Sargadelos de Ferrol ás 20:00, terá lugar a presentación das obras de Antón Cortizas Vestida co arco da vella (Edicións Embora) e Sopra neste furadiño (Edicións Embora), con ilustracións de Spela Trobec e Leandro Lamas, respectivamente.

Compostela: I Congreso Internacional ‘Lugares de Cultura’

Do 21 ao 24 de xaneiro de 2009 terá lugar en Compostela I Congreso Internacional ‘Lugares de Cultura’, que
«pretende xerar un debate que se enmarca dentro dun ámbito de reflexión teórico máis amplo, o da cultura e o desenvolvemento. Dentro deste marco, abordarase o papel que xogan os equipamentos culturais como ferramenta de desenvolvemento dos territorios.» (Lugares de Cultura)

Estaleiro: convocatoria para a cultura libre

A editorial independente galega Estaleiro Editora celebrará, o próximo mércores 17 de decembro a primeira edición de fESTALEIRO, festa por unha cultura libre. A festa celebrarase no pub Tarasca de Santiago de Compostela (R. Entremuros 13) dende as 22:00 h.
A entrada á festa é gatuíta e haberá sorteos de livros de Estaleiro Editora e de outras editoras independentes, discos editados sob licencias libres e outro material. A festa contará coas actuacións dos grupos The Name e Ataque Escampe. A banda de rock de serie B celebra tamén, con este concerto, a despedida da súa exitosa xira “A invención da pólvora”. Estaleiro Editora pretende, con este acto, divulgar diferentes manifestacións artísticas do ámbito da cultura libre e a creación de espacios en que difundir o seus materiais, alternativos ao circuito oficial da literatura e do pensamento subsidiados.
Lembramos que, coa intención de fomentar o consumo dos seus produtos culturais, o estaleiro coloca todos os seus produtos no seu web, www.estaleiroeditora.org, para descarga libre e gratuíta.

A Coruña: presentación do libro Cachiños do meu cerne (Toxosoutos), de Fuco Paz Souto

A Biblioteca Pública da Coruña “Miguel González Garcés” convida á presentación do libro Cachiños do meu cerne (Toxosoutos), de Fuco Paz Souto. A presentación correrá a cargo de J. Javier Pintor Elizalde no Salón de Actos da Biblioteca o xoves 18 de decembro ás 20:00.

Debate sobre as linguas menos estendidas

A A.C. O Galo leva a debate as conclusións que a Axencia Europea de Linguas Menos Estendidas tira da situación actual das linguas galega, catalana e vasca, contando para isto cos representantes máis significativos dos movementos sociais que promoven a normalización das suas respectivas linguas propias: Carlos Callón (presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, presidente do Comité do Estado da Axencia Europea das Linguas Menos Estendidas), Mikel Etxebarria (membro da Dirección Europea da Axencia Europea das Linguas Menos Estendidas), Maria Arenys (Centre Internacional Escarré per a les Minories Ètniques i les Nacions), Iulen Orbiola (Euskara Kultur Elkargoa, de Navarra).
será o martes 16 ás 20:00. Organiza: Fundación Via Galego.

A Coruña: lanzamento do libro As Tribos Calaicas: Proto-História da Galiza à luz dos dados linguísticos, de Higínio Martins Estêvez

O 18 de decembro de 2008, ás 20:30 na Livraria Couceiro (Praça do Livro, Enrique Dequit, 12), O Facho convida ao lanzamento do libro As Tribos Calaicas: Proto-História da Galiza à luz dos dados linguísticos, do profesor doutor e académico Higinio Martins Estêvez.